Macareu

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Macareu no río Petitcodiac preto de Moncton, Novo Brunswick, Canadá
Macareu en Upper Cook Inlet, Alaska

O termo macareu refírese a unha onda de marea producida polas grandes masas de auga acumuladas ao comezo da preamar á entrada de certos estuarios e que despois avanza río arriba. Os macareus máis espectaculares obsérvanse nas foces do río Severn, en Inglaterra, e na do Amazonas, no Brasil.

Este fenómeno caracterízase por unha onda, máis ou menos alta, que remonta o curso do río e que ten unha potencia variable en función da altura da marea, do caudal do río nese momento e da topografía (fondura e largura do leito, barras de areas, meandros, etc). Os macareus ocorren en moi poucos lugares no mundo, normalmente en áreas cunha gran variación de marea (de máis de 7 metros entre preamar e baixamar) e onde as mareas entran nunha zona de funil, pouco fonda, nun río que se estreita desde unha ampla baía.

Os macareus poden ter varias formas, desde un único fronte de onda rompente ata "macareus ondulares" que comprenden unha lene fronte de onda seguida por un tren de ondas únicas (solitóns). Os grandes macareus poden ser perigosos para a navegación, aínda que moi apreciados para o surfismo. Como exemplo, o macareu no Amazonas, chamado no Brasil pororoca, que alcanza os catro metros de altura e esténdense ata uns 13 km río arriba.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]