Música occidental

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Con frecuencia sepárase a evolución da música occidental segundo esteamos tratando de música denominada culta ou de música denominada popular.

  • culta é a música froito do estudo técnico e teórico da ciencia musical. Por definición, é a que está nas mans da poboación instruída que tende a ser a clase alta da sociedade. O acceso das clases baixas á mesma foi no mellor dos casos moi difícil, e con frecuencia completamente imposible.
  • popular é, en contraposición á música culta, a música que desfrutan as clases baixas, particularmente nas súas festas e actividades sociais.

A diferenza entre ambas non é demasiado significativa ata a idade media co auxe do cristianismo. Non en van, os alicerces da cultura cristiá primixenia están en Grecia (a través da cultura romana).

A fins do século XI florece a lírica galante (non relixiosa) cos trobadores provenzais, que inmediatamente se estende ao norte (os trobeiros en Francia e os minnesinger en Alemaña) e logo ao sur (Italia, España e Portugal).

A música culta[editar | editar a fonte]

Os primeiros rexistros de música culta danse na Grecia, onde desempeñou un papel moralizador e pedagóxico desde a época na que se escribiron os textos homéricos (s. X a.C.).

No primeiro milenio da era cristiá, a música foi cultivada exclusivamente pola Igrexa. Para fins do século VI refundiuse o chamado antigo romano, e a este canto, adoptado de xeito oficial pola Igrexa Católica, chamóuselle desde entón canto gregoriano, estendéndose polos diversos países europeos.

No século IX, xa aparecen referencias ao organum, que era unha forma medieval de escritura polifónica baseada nunha melodía (canto plano) sobre a que se superpuña outra melodía.

A principios do século XIII xorde o motete (canto a varias voces con distintas letras).

No século XIV floreceu en Francia e estendeuse a Italia o ars nova, con repertorio profano (rondós, baladas e madrigais), aparecendo músicos como Phillippe de Vitry ou Francesco Landino.

No século XV desenvólvese a polifonía na escola franco-flamenga, á que pertencen Guillaume Dufai, Guilles Binchois e o seu máximo representante, Josquin des Prés.

O Renacemento comezou como prolongación da etapa anterior e así naceron os repertorios instrumentais. A emancipación da música instrumental no século XVI e a súa afirmación como xénero dotado de características propias foi fundamental para o establecemento do que coñecemos como música clásica.

A música enriqueceuse verdadeiramente no período barroco coa ópera, a cantata, e o oratorio. Tres foron os centros musicais: Italia, Alemaña e Francia. Aparecen neste período figuras da música tales como Vivaldi, Haendel e Bach.

O clasicismo, foi o período que lle seguiu, abranguendo a segunda metade do século XVIII, salientando as figuras alemás de Gluck, Haydn e Mozart. O período clásico proporcionou a mellora da técnica en todos os seus aspectos.

No século XIX, o romanticismo musical significou unha liberdade compositiva, desenvolvéndose os grandes xéneros sinfónicos, e xenios como: Beethoven, Schubert, Schumann, Chopin e Liszt.

Nun romanticismo tardío, os nacionalismos fixeron a súa entrada na música, salientando como representantes Brahms, Dvorak, Tchaikovski, Grieg, Verdi e Wagner. A ruptura co romanticismo e a incorporación de innovacións, produciuse no último cuarto do século XIX, con compositores como Debussy, Mahler, entre outros.

No século XX, Schönberg achega o atonalismo, impoñéndose as vangardas estéticas: impresionismo, expresionismo, neoclasicismo etc. Compositores dignos de mencionar son: Stravinskii, Bártok, Prokófiev, De Falla.

A converxencia entre a música culta e a música popular[editar | editar a fonte]

A universalización da educación e do acceso a calquera rexistro de información que foi tónica dominante no mundo occidental no século XX, permitiu que unha ampla gama de persoas puidesen adquirir coñecementos de calquera aspecto da teoría musical, así como de calquera forma de música popular. Os conservatorios e os centros de estudos superiores enchéronse de músicos ávidos por aprender e experimentar coa música. Os músicos de oído ou de imitación foron substituídos por músicos de forte formación teórica. Os intérpretes das orquestras dominaban un amplo repertorio de pezas cultas con case tanta perfección como as propias pezas de baile que interpretaban nas súas actuacións.

Así foi natural a proliferación musical de tendencias, sen dúbida a tónica do século XX, na que tiveron sitio correntes como a música serial (desde 1923, baseada en series matemáticas de alturas), a música concreta (desde 1948, baseada no procesamento de gravacións en cinta), a música electrónica (desde 1956, baseada na xeración de son por medio de osciladores), a música electroacústica (combinación das dúas anteriores), a música aleatoria (John Cage), o postserialismo (Kagel, Hidalgo), a música por ordenador, ou ben a aparición e auxe de estilos populares coma o jazz, o blues, o rock, o folk etc.

Cara a finais do século XX, como consecuencia desta democratización da música, prodúcese o auxe da música pop. A música pasa a ser un elemento máis de consumo, e en consecuencia, aparecen novas formas de entender a música. A música electrónica e o rock dan lugar primeiro á música disco (música destinada a consumirse en locais de concentración, as discotecas) e logo á música techno. Outras formas populares acadan a súa máxima expresión (caso dos ritmos latinos, as rumbas, o flamenco e outros), para, xa no final de século e principio do XXI, conformar un conxunto bastante homoxéneo dende o punto de vista cultural.

Paralelamente, o jazz, o blues, o rock, e o folk sofren tamén unha forte evolución na que en ocasións converxen e noutras diverxen da música culta. O jazz convértese (por dereito) nunha segunda música culta (por suposto, convértese nunha corrente minoritaria), o blues pasa a ser sinónimo de madurez musical (perdendo, por tanto, o carácter festivo que o caracterizou nos inicios e pasando a ser só a música azul, triste e lenta) e o rock e o folk sofren unha curiosa simbiose dando lugar a multitude de novas concepcións musicais:

Nos albores do século XXI, inda é corrente separar a música culta, á cal se lle acostuma a chamar clásica (coa excepción de que hai quen inclúe o jazz nesta categoría) e a música popular. Non obstante, nada fundamenta hoxe tal clasificación.

Períodos da música[editar | editar a fonte]