Luou, Teo
| Luou | |
|---|---|
| Igrexa parroquial | |
| Concello: | Teo |
| Área: | 8,7 [1] km² |
| Poboación: | (ano 2008) 915 hab. |
| Densidade: | 105,17 hab./km² |
| Entidades de poboación: | 13 |
Santa María de Luou é unha parroquia que se localiza no centro do concello de Teo. Segundo o padrón municipal de 2004 tiña 875 habitantes distribuídos en 13 entidades de poboación, o que supón un aumento importante en relación ao ano 1999 cando contaba con 866 habitantes. Ten unha superficie de 680 hectáreas.
Índice |
[editar] Situación
Luou pertenceu a xurisdición territorial da Amaia, da desaparecida provincia de Santiago.
Debido a súa proximidade con Santiago de Compostela, capital de Galiza, da que dista uns escasos 7 km é unha zona moi apetecida, xurdindo varias urbanizacións dándolle a esta parroquia eminentemente rural aspecto residencial. Está comunicada coa capital por un servizo permanente de autobuses.
[editar] Etimoloxía
O xeógrafo Ptolomeo asegura que o nome Luou proven dos "leunios" ou "lubenios", pertencentes a unha das tantas tribos celtas en que se dividían os "caeporos", que tamén se chaman "cáparos" e dependían dos "amacos".
[editar] Patrimonio histórico-artístico
As vías romanas tiñan o seu paso pola parroquia. Dende o Castro Lupario, saía unha vía romana que pasaba polo Espiño e Cornide (Calo) e introducíase na parroquia de Luou por Seixos, Espasande, A Igrexa, Paraxó e Ponte do Aido. Esta vía seguía ata Asseconia, con outra vía do primeiro itinerario de Antonino.
Vestixios dos antergos son: Os petróglifos de Loureiro, a Eira dos Mouros próxima a Loureiro e a Mamoa de Trasellas. Tamen teñen un valor estimable varios cruceiros espallados pola parroquia.
A Igrexa está edificada onde estivo a Capela de Santa Margarita, despois de que fora trasladada desde Loureiro. Segundo se conta, dada a súa pouca capacidade, cura e veciños acordaron construír unha nova no ano 1788. A igrexa actual de Santa María de Luou data do segundo terzo do século XIX. A torre foi construída polos mestres canteiros Francisco Casal e Juan Casal. Este tamén construíu a igrexa de Bamonde e a capela de Santa Eufemia de Oza ámbalas dúas tamén no concello de Teo.
É destacable polo seu valor histórico o edificio sito na aldea da Igrexa que se coñece co nome de "Sindicato de Agricultores y Ganaderos de Luou". Edificio construído entre os anos 1905 e 2005 a expensas dos emigrados en América. Posteriormente e enmarcado na "Red Nacional de Teleclubs" no tempo do ministro Fraga iniciou a súa actividade o Teleclub de Luou aló polo ano 1968. O Teleclub desenvolveu actividades perante varios anos nos que cabe destacar a emisión da revista cultural "Noso Tempo". Posteriormente esmoreceu ata que polo ano ano 1982 nace a "Comisión cultural de Luou" sendo esta o xermolo da actual "Asociación Cultural A Mamoa" que desenvolve unha intensa actividade na dinamización da actividade cultural da parroquia.
[editar] Festas
Na parroquia de Luou celébranse seis festas anuais: 22 de maio, Santa Rita; 20 de xullo, importante romaría de Santa Margarida con moitos devotos nas zonas de Padrón e Rianxo e á que Rosalía de Castro lle ten dedicados uns versos; 15, 16 e 17 de agosto, as festas patronais e o 24 de agosto, San Bertolameu.
[editar] Galería de imaxes
- Vexa o artigo principal en: Galería de imaxes de Luou, Teo
[editar] Lugares de Luou
| Lugares da parroquia de Luou no concello de Teo (A Coruña) | |
|---|---|
|
O Aido | Bustelo | Cantoña | Caxade | Espasande | A Igrexa | A Insua | Loureiro | Nespereira | Paraxó | Quintáns | Regoufe | Trasellas |
[editar] Parroquias de Teo
| Galicia | Provincia da Coruña | Parroquias de Teo | |
|---|---|
|
Bamonde (Santa María) | Cacheiras (San Simón de Ons) | Calo (San Xoán) | Lampai (Santa María) | Lucí (Santa Mariña) | Luou (Santa María) | Oza (Santa Baia) | Rarís (San Miguel) | Recesende (San Xoán) | Reis (San Cristovo) | Teo (Santa María) | Os Tilos (San Francisco de Asís) | Vilariño (San Tomé) |
[editar] Notas
- ↑ Páxina oficial do concello de Teo, datos das parroquias