Luis de Góngora

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Luis de Góngora
Nome completoLuis de Góngora y Argote
AlcumeLuis de Góngora
Nacemento11 de xullo de 1561
 Córdoba
Falecemento23 de maio de 1627 (65 anos)
 Córdoba
Causadoença cerebrovascular
SoterradoMezquita Catedral
Nacionalidadeespañola
EtniaPobo español
Relixióncatólica
Alma máterUniversidade de Salamanca
Ocupaciónpoeta e dramaturgo
Linguacastelán
PeríodoSéculo de Ouro
Movementoculteranismo
Na rede
IMDB: nm0351311 Musicbrainz: a1281728-9c9d-40d9-b2a8-38f70e67cacd Discogs: 801777 IMSLP: Category:Góngora,_Luis_de Find a Grave: 7533301 Editar o valor em Wikidata
editar datos en Wikidata ]

Luis de Góngora y Argote, nado en Córdoba o 11 de xullo de 1561 e finado tamén en Córdoba o 23 de maio de 1627 foi un poeta e dramaturgo español, máximo representante do culteranismo e figura destacada do chamado Século de ouro español.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Realizou os seus primeiros estudos no colexio dos xesuítas da súa cidade natal. O seu tío Francisco de Góngora confírelle os beneficios eclesiásticos da razón catedralicia converténdoo en crego con tan só 14 anos para a continuación envialo a estudar Cánones a Salamanca. Fica matriculado dende 1576 ata 1580, pero non hai constancia de que obtivese título ningún. A súa falta de interese polos estudos combinouse co espertar da súa vocación poética, datándose as súas primeiras composicións nesta época.

De volta en Córdoba pasa a ocupar diferentes postos no Cabido, alternando a poesía coas obrigas derivadas dos mesmos, entre as que salientan as viaxes como comisionado nos cales estableceu relacións con nobres e bispos, entusiasmándose cos ambientes cortesáns e de luxo.

Co obxectivo de sustentar o seu elevado nivel de vida e a súa adición ao xogo empeza a procurar a protección dalgún mecenas, coma o Marqués de Ayamonte ou o Conde de Lemos, con escasos resultados. Finalmente, o Conde de Lerma, a quen loara nuns versos, consegue que o monarca Filipe III nomee a Góngora capelán real no 1617, culminando así as súas arelas de medrar na Corte real. Porén, a perda do favor real por parte do Conde e a posterior suba ao trono de Filipe IV comprometen seriamente a súa situación. O poeta procura entón congraciarse co novo favorito do rei, o Conde-Duque de Olivares, quen o obvia sistematicamente. Enfermo e arruinado, regresa a Córdoba no 1626, onde falecerá ao ano seguinte.

Traxectoria poética[editar | editar a fonte]

Luis de Góngora foi o abandeirado do culteranismo, tamén chamado significativamente "gongorismo". Esta corrente estilística caracterizouse polo seu barroquismo, subordinando o contido das composicións, que adoita ser mínimo, á forma na que se expón, unha forma recargada, ateigada de metáforas, hipérboles, latinismos e de constantes referencias mitolóxicas. Trata de evitar chamar ás cousas polo seu nome, recorrendo a rodeos ou alusións inesperadas. O outro movemento do século foi o conceptismo, que tivo en Francisco de Quevedo ao seu máximo expoñente. De feito, Góngora e el rivalizaron duramente, dedicándose aldraxes mutuas en verso.

Distínguense dúas etapas na evolución do poeta:

Etapa do Príncipe da luz[editar | editar a fonte]

Nesta época os trazos culteranos son moito menores. Compón romances amorosos, poemas relixiosos e outros dedicados ás súas amizades.

Etapa do Príncipe das tebras[editar | editar a fonte]

É a etapa culteranista por excelencia. Acentúa grandemente o seu hermetismo e intensifica os artificios propios do gongorismo. Desta época son as súas composicións máis sonadas, Soledades e Fábula de Polifemo e Galatea.

Góngora emprega as formas métricas do momento, tales coma o romance, o soneto, o terceto, a oitava etc.

Góngora e Galiza[editar | editar a fonte]

Por encargo do cabido da catedral de Córdoba, o poeta visitou Galiza no ano 1609 para realizar informes de limpeza de sangue na cidade de Pontevedra[1] sobre a familia de Diego Pardo, un aspirante a racioneiro na catedral cordobesa. Durante a súa viaxe dedicou ao país e aos seus habitantes estes insultantes versos cheos de odio antigalego, algo habitual nos escritores españois:[2]

Oh, montañas de Galicia,
cuya, por decir verdad,
espesura es suciedad,
cuya maleza es malicia,
tal, que ninguno codicia
besar estrellas pudiendo,
antes os quedáis haciendo
desiguales horizontes;
al fin, gallegos y montes,
nadie dirá que os ofendo[3].

Ou tamén en

Pálido sol en cielo encapotado,
mozas rollizas de anchos culiseos
tetas de vacas, piernas de correos,
suelo menos barrido que regado;
campo todo de tojos matizado,
berzas gigantes, nabos filisteos,
gallegos del Cairo, búcaros pigmeos,
traje tosco y estilo mal limado;
cuestas que llegan a la ardiente esfera,
pan de Guinea, techos sahumados,
candelas de resina con tericia;
papas de mijo en concas de madera,
cuevas profundas, ásperos collados,
es lo que llaman reino de Galicia[4].


Porén, parando en Monforte de Lemos de camiño a Pontevedra adicou a Pedro Fernández de Castro y Andrade, conde de Lemos, o soneto encomiástico "Llegué a este Monte fuerte, coronado" cheo de louvanzas coa finalidade de afagar este poderoso aristócrata e mecenas da vida literaria e cultural do Barroco español. Un ano mais tarde o conde foi nomeado vicerrei de Nápoles, mais decidiu non contar con Góngora para formar o seu séquito de literatos, provocando unha amarga reacción no poeta expresada no soneto "El Conde mi señor se fue a Nápoles".

Edicións modernas das súas obras[editar | editar a fonte]

  • Sonetos completos (1969) Ed. Castalia.
  • Soledades (1980) Ed. Cátedra
  • Romances (1982) Ed. Cátedra
  • Fábula de Polifemo y Galatea (1983) Ed. Cátedra

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Dámaso Alonso:"Góngora y el Polifemo", Editorial Gredos, Madrid, 1960, p. 435.
  2. Freixeiro Mato (2009) en García Negro, Sobre o racismo lingüístico, Eds. Laiovento
  3. Luis de Góngora, Obras completas, ed. de J. e 1. Millé Giménez, Aguilar, Madrid, 1966, p. 339.
  4. Luis de Góngora, Obras completas, ed. de J. e 1. Millé Giménez, Aguilar, Madrid, 1966, p.540-41.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lázaro, F. e Tusón, V. (1988) Literatura española 2º BUP . Ed. Anaya.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]