Louison Bobet

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Louison Bobet.png

Louis Bobet, alcumado Louison, nado en Saint-Méen-le-Grand (Bretaña) o 12 de marzo de 1925 e finado o 12 de marzo de 1983, foi un ciclista francés, o primeiro en gañar tres veces seguidas o Tour de Francia.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A súa primeira participación no Tour foi en 1947, abandonou entre bágoas nos Alpes o que lle valeu o alcume despreciativo de La Bobette. En 1948 colleu a camisola amarela na terceira etapa para perdela ao día seguinte e recuperala na sexta etapa grazas a súa vitoria en Biarritz. Pero nos Alpes o veterano Gino Bartali reventou a carreira con tres vitorias sucesivas que lle valeron o triunfo final. Bobet, cun honroso cuarto posto e dúas vitorias, era máis ca unha promesa.

A mala fortuna impediulle rematar o Tour de 1949, pero no de 1950 facía podio ao ser terceiro. Ao ano seguinte o seu equipo, aínda desconfiando das súas posibilidades, volcouse no seu líder Raphaël Géminiani que faría segundo. Bobet que viña de facerse co gran premio da montaña no Giro de Italia gañaría unha tirada pero acadaría un discreto posto vinte na clasificación xeral. Ese ano vencería na Milán-San Remo e no Giro de Lombardía.

Tras un ano sen Tour no que venceu no prestixioso Gran Premio das Nacións, en 1953 no 50 aniversario da carreira, será o gran dominador da rolda francesa. Pero as ausencias de Fausto Coppi, Ferdi Kübler, Hugo Koblet e outras estrelas aínda semellaban restar méritos ao logrado. As cousas quederán claras en 1954 cando se proclamou vencedor sacándolle 15 minutos a Kübler. Por fin se viu nel un gran campión, o que tería a súa rúbrica ao adxudicarse o campionato do mundo de fondo en estrada. Coa terceira vitoria de 1955 acabará pasando á historia. Ese ano faríase tamén coa Dauphiné Libéré

Problemas de saúde impediranlle correr o Tour nos anos vindeiros, pero deixou clara a súa afouteza na París-Roubaix de 1956. En 1957 era segundo no Giro cunha tirada no seu haber. O seu derradeiro Tour finalizado será o de 1958 no que acabaría de sétimo. En total fíxose na carreira francesa con 11 tiradas.