Louis Henri Loison

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Louis Henri Loison.

Louis Henri Loison, nado en Damvilliers, Meuse, o 16 de maio de 1771 e finado en Chikel, cerca de Liège, o 30 de decembro de 1816, foi un xeneral francés do Primeiro Imperio francés.

Biografía militar[editar | editar a fonte]

Aínda mozo enrolouse no batallón auxiliar das colonias en 1787, abandonándoo en setembro, mais reengachouse a comezos de 1788.

En plena revolución, Loison, como subtenente, entra o 15 de setembro de 1791, nun batallón de voluntarios do departamento da Meuse, obtendo o ano seguinte o grao de tenente.

Algúns meses despois foi nomeado capitán de húsares na lexión do Norte; os seus méritos lévano a que en maio de 1793, sexa ascendido a axudante-xeneral xefe de brigada provisorio. Pouco tempo logo foille confirmado o novo grao, e o Comité de Saúde Pública (Comité de salut public) outórgalle o despacho de xeneral de brigada no exército do Rin e Mosela.

A rapidez do seu ascenso, aparte do seu talento militar e valentía, conlevou críticas que o acusaban de interesado, falta e humanidade e carencia de carácter. Mesmo os compañeiros de armas confesaran que non se movía só pola avidez de fama. A toma e a devastación da abadía de Orval, no Gran Ducado de Luxemburgo, conducírono perante un tribunal, do que foi salvado por un comisario da Convención, que o reintegrou nas funcións militares.

Con Napoleón[editar | editar a fonte]

No ano IV, servíu ás ordes do xeneral Napoleón Bonaparte, sendo encargado de presidir o tribunal que xulgaría os xefes da insurrección dese ano.

No ano VII, estivo ás ordes de Masséna en Suíza, mentres no ano VIII seguíu a Bonaparte en Italia. Distinguíuse aí nos combates de Cerezola, Pozzolo, Parona e Colorgnoli. A súa actuación no paso de Brenta, onde abríu camiño ao exército, confirmaron a súa reputación militar. No ano seguinte obtivo un retiro, e volveu ao seu fogar. No ano XII, foi nomeado membro da Lexión de Honor.

No ano XIV, servíu na campaña de Alemaña, sinalándose en Guntzburg, Elchingen, e en Luetash. Tomou Scharnitz. Logo da batalla de Austerlitz, o xeneral Loison foi nomeado grande águia da Lexión de Honor, pola valentía que mostrara no combate,

Na Guerra Peninsular[editar | editar a fonte]

En 1808, realizou a campaña de España e Portugal con Junot e Soult; en 1809, pasou a mandar a 1ª división do exército de reserva de España. Os portugueses alcuñárono "Maneta" (perdera o brazo esquerdo en 1806, nun accidente de caza). Ao tempo recibíu o título de conde con unha dotación de 25.000 francos de renda sobre os dominios de Gilhorm e de Meinersen, sitos en Hanovre.

Destinado na Grande Armée, o 24 de maio de 1812, foille encargado, durante a campaña de Rusia, organizar en Koenigsberg, unha división de 10.000 homes, presta para entrar en campaña.

Mais o emperador, ordenou o seu arresto, por non estar á cabeza da súa división, cando aquel chegou ante Vilna, o que na opinión do corso fora a causa da perda da tropas que a compuñan.

Na Restauración[editar | editar a fonte]

Luís XVIII nomeouno cabaleiro da orde de San Luís e máis comandante da 5ª división.

Loison foi licenciado o 15 de novembro de 1815. O seu nome está inscrito no arco de triunfo de l'Étoile, en París, no seu lado Oeste.