Louis-Ferdinand Céline

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato de Céline.

Louis Ferdinand Auguste Destouches, nado en Courbevoie o 27 de maio de 1894 e finado en París o 1 de xullo de 1961, é un dos escritores franceses máis traducidos e difundidos do século XX. É autor de Voyage au bout de la nuit, obra cumio da literatura universal contemporánea, publicada por vez primeira en 1932 e que foi así mesmo a primeira novela na produción do autor.

Biografía[editar | editar a fonte]

Céline creceu en París. O seu pai era empregado nunha compañía de seguros. A súa nai, Marguerite Guillou, era filla de Céline Guillou, de quen tomou o pseudónimo. A avoa tiña unha pequena tenda de bordados, e trala súa morte en 1904 a modesta herdanza que deixou permitiu a Louis-Ferdinand asistir a unha escola privada. Tras obter o seu diploma foi a Alemaña e Inglaterra para aprender idiomas, sendo moitas desas experiencias relatadas na súa segunda novela, Mort à crédit.

Con 18 anos alistouse nunha unidade de cabalería do exército francés. Participou na Primeira Guerra Mundial, sendo gravemente ferido en Ypres, quedándolle de por vida secuelas nun brazo, no oído e dores de cabeza. Concedéuselle a Médaille militaire porque se presentara voluntario para a misión na que foi ferido.

Foi destinado ao consulado francés en Londres, onde frecuenta os baixos fondos. En 1915 casou con Suzanne Nebout, unha camareira francesa que vivía en Londres, pero o matrimonio non foi rexistrado no consulado francés. En 1916 alistouse como encargado de explotación forestal e partiu a África, onde contraeu malaria durante o ano que alí pasou. Ao seu regreso a París traballou na revista científica Eureka, onde coñeceu o doutor Athanase Follet, un director dun colexio médico, baixo cuxa influencia estudou medicina.

Rematou o bacharelato e en 1919 casou con Edith Follet, filla de Athanase. A mediados da década de 1920 integrouse na Sociedade de Nacións como experto en cuestións de hixiene. Foi destinado a Genève, pero realizou constantes viaxjes aos EUA, Cuba, Canada e Inglaterra, e pasou tamén longas tempadas en Nigeria e Sénégal. Debido ás longas ausencias, puxo fin ao seu segundo matrimonio con Edith Follet dous anos despois de graduarse.

En 1926 coñeceu en Genève a Elizabeth Craig, unha estadounidense nada en 1902 coa que viviu en Paris até 1933. Nunha das súas primeiras entrevistas trala publicación de Voyage au bout de la nuit cítaa coma unha das súas mestras. Existen homenaxes a Elizabeth Craig ao longo desa mesma novela (e de feito está dedicada a ela), especialmente nos personaxes de Lola e Molly.

En 1927 abriu unha consulta privada, que non funcionou, polo que tivo que empregarse como axudante dun dispensario en Clichy. En 1931 deulle o manuscrito de Voyage au bout de la nuit a unha secretaria para que o mecanografase, sendo publicada ao ano seguinte cunha extraordinaria acollida por parte do público e a crítica.

Trala Segunda Guerra Mundial foi condenado in absentia (estando en Dinamarca) á pena de morte polo seu colaboracionismo durante a ocupación nazi en Francia, se ben a pena foi finalmente condonada. Escapou a Alemaña (sobre o éxodo escribiu D'un château l'autre, Nord e Rigodon), sendo condenado despois a un ano de prisión e declarado desgracia nacional. Tralo seu perdón, en 1951 regresou a Francia. Finou o 1 de xullo de 1961 dun aneurisma cerebral.

Obra[editar | editar a fonte]

A súa creación máis famosa é Voyage au bout de la nuit, unha narración de trazos autobiográficos publicada en 1932. O seu protagonista, Ferdinand Bardamu, alistado nun momento de estupidez no exército francés, e asqueado nas trincheiras da Primeira Guerra Mundial, decide desertar facéndose pasar por tolo, describindo toda sorte de personaxes pintorescos e o absurdo e a brutalidade da guerra. Tralo conflito e tras un noviazgo cunha estadounidense, Lola, vai parar nun barco no que o resto dos pasaxeiros o queren linchar, rumbo a unha colonia francesa en África; a descrición do sistema colonial francés é hilarante e sumamente crítica, vindo a dicir que o colonialismo francés ampara a pederastia e que todo se funda na explotación dos negros (recordando a Heart of Darkness, de Joseph Conrad). Unhas febres acaban con esa aventura e chega nun estado cercano á escravitude aos Estados Unidos. Escapa en New York, onde vive por un tempo e reencóntrase con Lola, á que extorsiona. Volve viaxar a Detroit, onde fai amizade cunha prostituta norteamericana, pero volve a París e exerce a medicina a pesar do asco que lle dá a súa clientela.

A aparición de Voyage au bout de la nuit foi unha innovación literaria sen igual. A linguaxe oral, groseira e moi xergal escandalizou aos contemporáneos e foi moito máis lonxe ca escritores que intentaran antes ca el escribir usando este rexistro, como Émile Zola. A súa prosa, como a forma de abordar os temas, e os temas en si mesmos, é extremadamente violenta, amarga e quebradiza. O seu ritmo é salvaxe e acelerado, e nel repousa gran parte do mérito literario do autor. A linguaxe é viva, libre de todo tipo de formalidades, para escribir do modo máis expresivo posible.

De estilo vivísimo, a veces intraducible a causa da propensión a calcar a linguaxe oral, influíu profundamente nas xeracións posteriores. Autores como Charles Bukowski, Jean-Paul Sartre, Henry Miller, William S. Burroughs, Kurt Vonnegut, Billy Childish, Irvine Welsh ou o contemporáneo Alessandro Baricco recoñécenlle unha profunda influencia.

Novelas[editar | editar a fonte]

Cancións[editar | editar a fonte]

  • À nœud coulant e Le règlement (1955). Interpretadas polo autor e gravadas por Paul Chambrillon, acompañado ao acordeón por Aimable.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]