Lost (temporada 2)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Segunda temporada de Lost
Serie Lost
País de orixe Flag of the United States.svg Estados Unidos
Canle ABC
Data orixinal da estrea 21 de setembro de 2005
24 de maio de 2004
Número de episodios 24
Posta á venda do DVD 5 de setembro de 2006
Temporada anterior 1
Temporada seguinte 3

A segunda tempada da serie de televisión Lost foi estreada en Estados Unidos e Canadá o 21 de setembro de 2005, finalizando o 24 de maio de 2006, tras de 24 episodios. Esta temporada continúa a historia do grupo de sobreviventes a un accidente aéreo nunha remota illa do Pacífico Sur. Son mostrados por primeira vez os outros sobreviventes do avión, así como os outros enigmáticos habitantes da illa. Nestes capítulos séguese afondando no pasado das personaxes e acción adoita xirar en torno á escotilla, onde se comezaran a coñecer cousas dun grupo de científicos coñecido como Iniciativa Dharma.

Esta tempada foi emitida os mércores as nove da tarde nos Estados Unidos. Ademais dos 24 episodios tres pequenos programas relembraron acontecementos previos na illa: "Destination Lost" antes da estrea da tempada, "Lost: Revelation" despois do episodio 10 e "Lost: Reckoning" despois do 20. A tempada saíu á venda en DVD en sete discos nunha caixa chamada Lost: The Complete Second Season – The Extended Experience o 5 de setembro de 2006 (nos Estados Unidos)

Resumo da tempada[editar | editar a fonte]

A escotilla que os personaxes conseguiran abrir ao final da primeira tempada resulta ser unha especie de búnker que conta con auga corrente, electricidade, comida, etc. No sitio tamén hai computadora na que, de acordo ao ocupante do búnker (un home chamado Desmond), debe introducirse a serie de números "4, 8, 15, 16, 23, 42" cada 108 minutos ou o mundo acabarase. Un aparello na parede mostra a conta atrás, e unha alarma soa xusto 4 minutos antes de que se cumpra o prazo de tempo. Os sobreviventes que entraron no búnker, Jack, Kate e Locke, debaten acerca de se deberían ou non crer no que Desmond lles está a contar. Jack, de carácter máis racional, di que todo iso soa absurdo, mentres que Locke ten máis dúbidas e sente que deberían ter fe no que lles contou Desmond. Progresivamente, e grazas entre outras cousas a un vídeo informativo que había no búnker, aprenden que o que até agora estiveran chamando "a escotilla" é A estación Cisne, unha das estacións de A Iniciativa DHARMA. Despois de haberllo contado todo, Desmond márchase.

Mentres tanto, Sawyer e Michael, cuxa balsa fora destruída ao final da primeira tempada (coa consecuente desaparición de Jin e Walt) conseguen con dificultades regresar á illa. Alí atópanse cun Jin que foxe aterrorizado de quen parecen ser Os Outros. Ao principio son capturados os tres, pero posteriormente decátanse de que os seus captadores son en realidade máis sobreviventes do accidente de avión, que simplemente foran a parar a outra parte da illa. Este grupo de sobreviventes está liderado por unha ex-policía chamada Ana Lucia e integrado polo Sr. Eko, de orixe africana. Finalmente ponse de acordo para viaxar todos xuntos cara ao outro lado da illa para reunirse co resto dos sobreviventes, aínda que de camiño, e accidentalmente, Ana Lucia dispara e mata a Shannon. Mentres tanto, as preocupacións de Michael céntranse en tratar de atopar ao seu fillo Walt.

Rousseau captura a un home que di chamarse Henry Gale, que chegara á illa accidentalmente en globo. O home insiste en que non é un d'Os Outros, mais os sobreviventes non confían nel e pechano nunha cámara da estación Cisne, onde lle interrogan con dureza. Entre tanto, nunha ocasión Locke queda atrapado dentro da estación pero sen poder chegar até o computador para introducir os números, polo que pide axuda a Henry. A alarma empeza a soar e prodúcese un gran caos, durante o cal Locke consegue ver un mapa pintado na parede que era só visible á luz ultravioleta, mais logo a situación volve á normalidade e restablécese a conta atrás. Henry afirma que non escribiu nada no computador, o que enche de dúbidas a Locke con respecto a se a tarefa que está a levar a cabo serve realmente para algo. Tamén se descobre que Henry estaba a mentir e era en realidade un de Os Outros, polo que deciden manterlo encerrado.

Seguindo pistas dos seus soños, e do mapa que Locke puido ver durante uns segundos na estación Cisne, el e Eko buscan e atopan o que parece ser a estación central, A estación da Perla. Esta estación parece deseñada para observar aos ocupantes das outras estacións, o que fai a Locke convencerse de que en realidade todo o asunto de introducir os números cada 108 minutos é só un experimento psicolóxico e non "salva o mundo".

Mentres tanto Michael continúa buscando ao seu fillo secuestrado, Walt. Un día, mentres se atopa na estación Cisne, cre ter unha conversación co seu fillo a través do computador, o que lle conduce a tratar de chegar até o campamento d'Os Outros pola súa conta. Alí permítenlle falar co seu fillo, e prométenlle que o deixarán ir se ceiba a Henry e trae a Jack, Kate, Sawyer e Hurley até o campamento. Michael volve á estación Cisne, mata a Ana Lucia e a Libby, libera a Henry, e dispárase a si mesmo no ombreiro para poder finxir que Henry conseguiu escapar pola forza. Pouco despois diso, Desmond regresa á illa no barco no que había tratado de abandonala.

Finalmente Michael convence a Jack, Kate, Sawyer e Hurley para ir até o campamento d'Os Outros a rescatar a Walt, mais Sayid intúe que é unha trampa e avisa a Jack. Él, pola súa banda, seguiraos no barco de Desmond a certa distancia. Para esta tarefa leva tamén a Jin e a Sun.

A pesar de que Jack estaba prevido, a expedición de sobreviventes sofre unha emboscada. Henry, aparente líder d'Os Outros, cumpre o seu parte do trato e libera a Michael e a Walt, aos que ademais lles proporciona un barco para abandonar a illa. Isto veno os seus compañeiros, e comprenden que Michael lles traizoou. Os Outros secuestran entón a Jack, Sawyer e Kate, mais permiten que Hurley volva ao campamento.

Locke e Desmond entran na estación Cisne e encerran a Eko para que non poida introducir os números. No último momento, Desmond dáse conta de que a última vez que os números non foron introducidos xusto a tempo foi o día en que o avión se estrelou na illa. Cando o contador chega a cero faise patente unha enorme forza magnética, creando o caos dentro da habitación. Desmond dille a Locke que vai salvalo, e baixa a un punto que hai baixo a estación para activar un mecanismo. O resultado inmediato non se mostra, pero a illa enteira vese envolvida nunha luz cegadora e un son atronador.

A segunda tempada acaba mostrando unha estación científica no Polo, na que dous homes observan unha "anomalía" nun monitor e chaman a Penélope, a antiga noiva de Desmond, para dicirlle que atoparon o que estaban a buscar.

Elenco[editar | editar a fonte]

Recepción[editar | editar a fonte]

Esta tempada foi nomeada a nove Emmy, incluíndo nomeamentos ao mellor guión, dirección e actor invitado. Con todo, finalmente a tempada non gañou ningunha dos premios. Tamén foi nomeada a dous Globos de Ouro: á mellor serie de drama e mellor actriz protagonista (Evangeline Lilly polo seu papel de Kate), aínda que desta ocasión tampouco se levaron ningún dos premios.

O DVD da tempada foi número un en vendas na súa primeira semana de lanzamento, chegando á vender 500.000 no primeiro día, sendo na tenda electrónica Amazon o sétimo máis alto en venda de DVD do ano 2006. O DVD recibiu unha "aclamación universal", cunha puntuación media de 85 sobre 100 en Metacritic. O estreo do primeiro capítulo da tempada logrou acadar unha moi elevada cota de pantalla con 23,47 millóns de espectadores nos Estados Unidos, sendo a media en xeral da tempada de 18,91 millóns de espectadores, unha media lixeiramente superior á da primeira tempada, que rexistrara 18,38 millóns de media.

Lista de episodios[editar | editar a fonte]

# Título Director/es Personaxe/s central/is Data de de emisión Código
26 "Man of Science, man of Faith"
Home de ciencia, home de fe
Jack Bender Jack 21 de setembro de 2005 201

Cando Jack, Kate e Locke investigan a escotilla aberta, atopan un home que vivía dentro dela, quen cre que eles son alguén máis. Shannon ten un misterioso encontro na selva. 

27 "Adrift"
Á deriva
Stephen Williams Michael 28 de setembro de 2005 202

Michael e Sawyer (quen está lesionado) tratan de sobrevivir ao perigo do océano, mentres non poden atopar a Jin e Walt por ningures. O misterio da escotilla resólvese. 

28 "Orientation"
Orientación
Jack Bender Locke 5 de outubro de 2005 203

Jack e Locke descobren o propósito da escotilla. Michael, Sawyer, e Jin son capturados por persoas que cren que son "Os Outros". 

29 "Everybody Hates Hugo"
Todos odian a Hugo
Alan Taylor Hurley 12 de outubro de 2005 204

Hurley sofre dificultades cunha tarefa asignada ao interior da escotilla. Michael, Sawyer e Jin descobren que os seus captadores son en efecto outros sobreviventes do voo 815 de Oceanic. 

30 "...And Found"
...E atopados
Stephen Williams Jin e Sun 19 de outubro de 2005 205

Jin e Eko continúan a procura de Michael que se foi en busca de Walt. Preocupada pola vida do seu esposo, Sun busca o seu anel de compromiso que perdeu. 

31 "Abandoned"
Abandonados
Adam Davidson Shannon 9 de novembro de 2005 206

Shannon ve a Walt pola illa en repetidas ocasións e comeza a buscalo. Con Sawyer preto da morte, Ana Lucía e o grupo da cola do avión chegan ao campamento dos outros sobreviventes. 

32 "The Other 48 Days"
Os outros 48 día
Eric Laneuville Sobreviventes da sección da cola 16 de novembro de 2005 207

Os 48 días despois do accidente son narrados de novo desde o punto de vista dos sobreviventes da zona da cola do avión, que foron atacados repetidamente polos outros

33 "Collision"
Colisión
Stephen Williams Ana Lucía 23 de novembro de 2005 208

A chegada dos outros sobreviventes ao campamento finalmente prodúcese pero por un malentendido todo acaba nunha traxedia. 

34 "What Kate did"
O que fixo Kate
Paul Edwards Kate 30 de novembro de 2005 209

Kate pensa que se está volvendo tola mentres atende a un ferido Sawyer. Locke e Eko descobren máis sobre Dharma, e Michael recibe unha inesperada mensaxe no computador. 

35 "The 23rd Psalm"
O Salmo 23
Matt Earl Beesley Eko 11 de xaneiro de 2006 210

Eko pídelle a Charlie que lle guía até o aeroplano que transportaba droga. Claire perde a confianza nel ao descubrirse que seguía ocultando droga. 

36 "The Hunting Party"
A festa da cazaría
Stephen Williams Jack 18 de xaneiro de 2006 211

Michael abandona aos sobreviventes para ir en busca do seu fillo. Jack, Locke e Sawyer perségueno, pero atopan unha sorpresa inesperada na xungla. 

37 "Fire + Water"
Lume + Auga
Jack Bender Charlie 25 de xaneiro de 2006 212

Charlie soña que a vida de Aaron periga, e que só o bautismo pode salvalo. Por outra banda, Sawyer axuda a Hurley na súa relación con Libby. 

38 "The Long con"
A gran estafa
Roxann Dawson Sawyer 8 de febreiro de 2006 213

Cando Sun é atacada, a tensión entre os sobreviventes acentúase e xorde unha loita interna polo control das armas. 

39 "One of Them"
Un deles
Stephen Williams Sayid 15 de febreiro de 2006 214

Rousseau atopa na selva a un home que parece ser un Outro. Locke e Sayid póñense de acordo para tentar sacarlle información, mais todo acaba nunha macabra tortura. 

40 "Maternity Leave"
Abandono Materno
Jack Bender Claire 1 de marzo de 2006 215

Cando Aaron ponse enfermo, Claire, xunto con Kate e Rousseau, vai en busca do lugar onde ela foi levada durante o seu secuestro para buscar medicamentos. Jack e Locke discuten sobre o que deben facer co seu prisioneiro. 

41 "The Whole Truth"
Toda a verdade
Karen Gaviola Sun 22 de marzo de 2006 216

Sun cre que pode estar embarazada. Ana Lucía parte con Sayid en busca do suposto globo que apoiaría a coartada de Henry Gale, o prisioneiro. 

42 "Lockdown"
Pechados
Stephen Williams Locke 29 de marzo de 2006 217

Cando a escotilla entra en estado de alerta repentinamente, Locke é atrapado por unha comporta e só Henry pode pulsar as teclas. A procura do globo finaliza con sorprendentes resultados. 

43 "Dave"
Dave
Jack Bender Hurley 5 de abril de 2006 218

Hurley sofre alucinacións que lle fan comer e comer, e mesmo tentar suicidarse, e é axudada por Libby a superalas. Locke comeza a ter dúbidas sobre o funcionamento da escotilla. 

44 "S.O.S."
S.O.S.
Eric Laneuville Rose e Bernard 12 de abril de 2006 219

Rose está oposta completamente ao plan de Bernard de crear un xigantesco sinal de SOS. Jack e Kate parten para negociar sobre a devolución de Henry a cambio de Walt. 

45 "Two for the Road"
Dous no camiño
Paul Edwards Ana Lucía 3 de maio de 2006 220

Jack e Kate transportan a un exhausto Michael ao campamento, quen dá noticias sobre a realidade dos outros. Ana Lucía é atacada por Henry Gale e pensa en matalo, e Hurley prepara a súa cita con Libby. 

46 "?"
?
Deran Sarafian Eko 10 de maio de 2006 221

O Sr. Eko pídelle axuda a Locke para atopar un lugar secreto, o cal el cre, ten todas as respostas aos misterios da illa. Mentres tanto, Jack e os outros sobreviventes tentan arranxarllas coa terrible situación na escotilla. 

47 "Three Minutes"
Tres minutos
Stephen Williams Michael 17 de maio de 2006 222

Michel está determinado e convence a Jack e a varios sobreviventes de que o axuden a rescatar a Walt de "os Outros". Mentres tanto, Charlie lida coa decisión de Eko de deixar a construción da igrexa. Ao mesmo tempo haberá unha resposta á pregunta de onde estivo Michael e unha resolución para el e Walt. 

48/49 "Live Together, Die Alone"
Vivir xuntos, morrer sós
Jack Bender Desmond 24 de maio de 2006 223/224

Logo de descubrir algo moi estraño na costa, a Jack e a Sayid ocórreselles un plan para confrontar a "Os Outros". Eko e Locke peléxanse debido á decisión de Locke con respecto ao "botón" e á escotilla. Desmond regresa e trae algo máis de luz acerca da experiencia del na illa nos últimos tres anos. Jack, Kate, Sawyer e Hurley son atrapados por "Os Outros", a escotilla explota e ocorre unha gran descarga.