Los gozos y las sombras (novela)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Los gozos y las sombras
Autor/aGonzalo Torrente Ballester
OrixeEspaña
Linguacastelán
Xénero(s)Novela
EditorialEditorial Arión
Data de pub.1957-1962
editar datos en Wikidata ]

Los gozos y las sombras é unha novela de Gonzalo Torrente Ballester, publicada entre 1957 e 1962 pola editorial Arión, de Madrid. É unha triloxía composta por El señor llega (1957, premio Juan March), Donde da la vuelta el aire (1960) e La Pascua triste (1962).

Trama[editar | editar a fonte]

A acción discorre na vila de Pueblanueva del Conde, nas Rías Baixas, entre 1934 e 1936, xusto antes do Alzamento Nacional. Carlos Deza é un descendente da familia nobre dos Churruchaos, e tras estudar psiquiatría en Madrid e Viena regresa á vila dos seus antergos por mor dos seus fracasos sentimentais e a falta de motivación profesional. Porén, ten a intención de pasar na vila un certo tempo para volver marchar de novo.

Desde a súa chegada faise amigo de dona Mariana, tamén unha Churruchao, que verá nel un aliado magnífico para loitar contra o cacique Cayetano Salgado. Carlos oponse a inmiscuírse nos asuntos de dona Mariana e Cayetano, pero cada vez vese máis inmerso na vida social e económica da vila. Retómase un pulso entre o vello e o novo poder, entre a antiga nobreza de sangue que representa dona Mariana (que mantén unha frota de pesca, con traballadores afiliados á CNT) e a nova burguesía capitalista posuidora dos medios de produción, representada pola figura de Cayetano Salgado (que se declara socialista e mantén un estaleiro con traballadores da UXT). Amais, está o conflito amoroso, posto que a amante de Cayetano, Rosario, déixao e comeza a deitarse con Carlos.

Amais da amizade de Mariana, Carlos lévase ben con Juan Aldán, o boticario Don Baldomero e mais con Paquito, o tolo da vila. Juan Aldán é outro Churruchao que malvive no pazo familiar coa súa nai e dúas irmás: Clara e Inés. Juan non traballa, pero cre firmemente no anarcosindicalismo e anima aos mariños da frota de Mariana para que o sindicato se converta no propietario dos barcos. Inés é unha beata que quere converterse en monxa. Clara (a única filla lexítima da nai dos tres irmáns) traballa na casa e na leira. Pero ante a situación de pobreza en que viven, deciden vender o pazo. Clara e a nai quedan en Pueblanueva, onde a rapaza monta unha mercería. Juan e Inés marchan a Madrid, e ela casa cun profesor de literatura e marchan a Aemaña.

A situación sentimental de Carlos é estraña despois de deixar á súa moza de Viena. Faise amante de Rosario, pero despois é padriño da súa voda e deixan de se deitaren. Con Clara ten unha relación moi fonda e sincera, e malia que se queren, nunca pasan a ser parella. Logo dun tempo, Clara comeza a saír con Cayetano.

Na vila tamén hai enfrontamentos dentro da Igrexa Católica. Amais da igrexa parroquial, hai un templo románico propiedade de Mariana, e nun mosteiro viven uns monxes dunha orde bastante progresista.

Mariana deixou escrito no seu testamento a Carlos como administrador e á súa sobriña Germaine (que vive en París) como herdeira, coa intención de que casen. Pero Germaine, cantante soprano, non ten intención de vivir en Pueblanueva, polo que chega a un acordo con Carlos para quedar coa metade da herdanza e regresar a París.

Amais destes conflitos, está o contexto político da Segunda República Española. Tralo goberno de Portela Valladares, chegan as eleccións de febreiro de 1936, e Cayetano recomenda á xente da vila que vote polo seu candidato, o mestre de escola Don Lino, que concorre pola Fronte Popular. Este, unha vez acadado o posto, quere evitar o caciquismo e deixa de seguir a liña marcada por Cayetano e decide apoiar aos mariñeiros da vila. Tras unha provocación, o cacique viola a Clara. Juan e Carlos enfróntanse a el e saen malparados. Finalmente Carlos e Clara marchan vivir a Porto.

Narración[editar | editar a fonte]

A obra está narrada en terceira persoa por un narrador omnisciente. Usa un vocabulario moi rico, con numerosos galeguismos.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Carlos Deza
  • Mariana Sarmiento
  • Cayetano Salgado
  • Dona Angustias
  • Juan Aldán
  • Clara Aldán
  • Inés Aldán
  • Baldomero
  • Paquito
  • Rosario

Adaptacións[editar | editar a fonte]

En 1982 foi adaptada á televisión en formato serie por TVE, a cargo de Jesús Navascués. A serie Los gozos y las sombras, de 13 capítulos, foi dirixida por Rafael Moreno Alba e protagonizada por Eusebio Poncela, Amparo Rivelles, Charo López, Carlos Larrañaga e Rosalía Dans. Foi supervisada por Gonzalo Torrente Ballester e supuxo un notable éxito de crítica e público, e logrou relanzar comercialmente a obra orixinal.