Lizzie Borden

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lizzie Borden.

Lizzie Andrew Borden, nada en Fall River, Massachusetts o 19 de xullo de 1860 e finada no mesmo lugar o 1 de xuño de 1927, coñecida como Lizzie Borden, foi unha muller solteira de Nova Inglaterra e a única sospeitosa dos asasinatos do seu pai e da súa madrastra, que tiveron lugar na súa casa o 4 de agosto de 1892. O crueldade do dobre asasinato, levado a cabo a machadas, así como o posterior xuízo e o feito de que ninguén fose finalmente condenado polas mortes, converteu o caso nunha cause celébre en Norteamérica e segue sendo un episodio cheo de dúbidas no mundo da criminoloxía. Aínda que Lizzie Borden foi absolta dos crimes, si que quedou ela como a autora deles, converténdose nunha figura mítica do folclore estadounidense, que aparece en numerosas pezas de teatro ou ópera, así como en filmes. Nunha rima anónima da época quedou recollida ela así:

Lizzie Borden took an axe
And gave her mother forty whacks.
When she saw what she had done,
She gave her father forty-one.

Biografía[editar | editar a fonte]

Familia[editar | editar a fonte]

Lizzie Andrew Borden naceu na pequena localidade de Fall River en 1860. Seu pai, Andrew Jackson Borden, era un home de negocios da zona con varias propiedades no pobo de carácter severamente austero. Súa nai, Sarah Anthony Morse, faleceu en 1863, e dous anos despois Andrew Borden volveu casar con Abby Durfee Gray. Lizzie tiña ademais unha irmá maior, Emma Lenore Borden (1 de marzo de 1851 - 10 de xuño de 1927) que, coma ela, nunca chegou a casar.

A vida dos Borden era cómoda e desafogada, grazas aos ingresos de Andrew Borden. Non obstante, non foi unha familia feliz, pois nin Lizzie nin Emma soportaban á súa madrastra, Abby, á que consideraban unha muller groseira e interesada. A súa relación deteriorouse moito nos últimos días da súa convivencia, a pesar de que Abby foi madrastra delas durante 28 anos. Andrew e Abby non tiveron fillos en común.

Os crimes[editar | editar a fonte]

Na mañá do 4 de agosto de 1892, Andrew Borden e a súa muller foron asasinados cun obxecto afiado (probablemente unha machada) na súa casa. As únicas persoas presentes na residencia familiar naquel momento eran Lizzie e a criada, Bridgette Sullivan, que levaba traballando para a familia máis de dous anos. Emma Borden encontrábase nese momento de visita na casa duns amigos. O tío materno das irmáns Borden, John Vinnicum Morse, estaba de visita na casa dos Borden naqueles días, mais non se atopaba na casa cando tiveron lugar os asasinatos.

Aquela mañá, Andrew Borden dirixírase con John Morse ao centro do pobo para facer resolver algúns asuntos no banco e na oficina de correos. Regresou á súa casa arredor das 10:45 da mañá. Aproximadamente media hora despois, súa filla Lizzie descubriu o seu cadáver. Segundo o testemuño de Bridget Sullivan, a criada, que se encontraba no seu cuarto no piso superior descansando, tras ter limpado as xanelas, sobre as 11 da mañá Lizzie berrou o seu nome, e díxolle que alguén matara a seu pai e que fora chamar o médico, o Dr. Bowen. O corpo de Andrew Borden estaba recostado no sofá do salón, co cranio gravemente mutilado e coa cabeza ladeada, como se o asasinaran mentres descansaba.

Poucos minutos despois, varios amigos e veciños, enterados do sucedido, foron á casa dos Borden para tranquilizar a Lizzie. Foi entón cando a criada e unha veciña, Alice Churchill, descubriron na habitación de invitados, no primeiro piso, o corpo inerte de Abby Borden, cuxo cranio tamén fora golpeado batido numerosas veces cun obxecto afiado.

Móbil do crime[editar | editar a fonte]

Durante moitos anos despois da morte da primeira esposa de Andrew Borden, na casa da familia, situada no número 92 de Second Street en Fall River, a vida tornárase incómoda e desagradable entre o señor e a señora Borden e as fillas. O primeiro piso estaba dividido en dúas partes, cada parte cunhas escaleiras de acceso distintas; a parte dianteira para as irmás Borden, e a traseira para Andrew Borden e a súa muller. En moitas ocasións a familia non comía xunta. Precisamente o día que tivo lugar o dobre asasinato, o tío materno das irmás Borden atopábase na casa para establecer unha herdanza da súa defunta irmá, a primeira esposa de Andrew Borden. Pouco antes dos asasinatos tivo lugar unha discusión na casa á que Lizzie e Emma responderon cunha prolongada viaxe; non obstante, Lizzie regresou antes do previsto á súa casa. Por aquelas data, o farmacéutico local, Eli Bence, negouse a venderlle ácido prúsico, supostamente para que Lizzie puidese limpar un abrigo. Tamén por aquel entón a familia caeu enferma do que se diagnosticou que podía ser unha indixestión provocada por comida en mal estado; a señora Borden afirmou que alguén intentara envelenalos, aínda que o feito fora que o pai se negara a tirar a comida en mal estado.

O xuízo[editar | editar a fonte]

Lizzie Borden foi detida o 11 de agosto; o xuízo comezou dez meses despois en New Bedford, Massachusetts. O seu testemuño parecía incoherente e inverosímil, e o seu comportamento levantou sospeitas entre a xente. Foi acusada dos asasinatos e a súa defensa estivo dirixida polo ex gobernador de Massachusetts, George D. Robinson, e Andrew V. Jennings.

Durante a investigación atopouse unha machada no soto da casa dos Borden e supúxose que era a arma homicida. Aínda que estaba limpa, a machada tiña o mango roto, ao que a acusación alegou que podería ser porque o mango estaba manchado de sangue. Non obstante, un policía interrogado no caso afirmou que ao lado da folla da machada había un mango, aínda que o forense declarou posteriormente que non houbera tempo material para limpar a machada despois dos asasinatos.

Nunca se encontrou roupa que estivese manchada de sangue. Poucos días despois dos asasinatos, unha veciña observou como Lizzie Borden queimaba no fogón da cociña un vestido azul que, segundo ela, se manchara con pintura, e que ficara inservible.

A pesar das circunstancias, Lizzie Borden foi absolta polo xurado tras só hora e media de deliberación. O feito de que nunca se encontrase a arma homicida nin roupa algunha que puidese incriminala, ademais de que a historia do ácido prúsico e o seu testemuño inicial non foron considerados durante o xuízo, axudaron a que Lizzie non fose finalmente condenada. Ademais naqueles tempos tivo lugar outro asasinato na zona, aínda que o asasino, José Correira, non se encontraba no país cando Andrew e Abby Borden foron asasinados.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

Lizzie e súa irmá mudáronse de casa, a unha que chamaron Maplecroft, no mesmo pobo, pero xa na zona adiñeirada, na French Street. En 1905, as irmás discutiron sobre unha festa que Lizzie dera en honor á actriz Nance O'Neal (coa que supostamente tivo un idilio), e Emma abandonou a casa. Sobre aquela época Lizzie empezou a usar o nome Lizbeth A. Borden.

Lizzie Borden morreu de pneumonía o 1 de xuño de 1927, e foi soterrada en Fall River. Súa irmá, coa que non tiña xa moita relación, faleceu nove días despois, o 10 de xuño.

A casa onde tivo lugar o dobre asasinato é agora un bed and breakfast (un albergue), mentres que Maplecroft é agora unha casa particular.

Conxecturas[editar | editar a fonte]

Ao longo dos anos presentáronse moitas teorías para explicar os asasinatos. Unha delas di que que Andrew J. Borden, o pai, fixera certos movementos para favorecer á madrasta, ou incluso que tiña recentemente modificado o seu testamento para excluír a Lizzie. Outra teoría di que Lizzie era lesbiana e que mantiña unha relación amorosa coa empregada, sendo esta descuberta pola súa madrasta. O pai de Lizzie e a súa segunda esposa eran un pouco odiados pola sociedade; por tanto calquera cidadán podería ter o seu propio rancor e resentimento. Outra teoría di que a empregada foi a asasina, que posiblemente se sentiu ultraxada cando lle mandaron limpar as xanelas nun día de calor sufocante, unha tarefa difícil, máis aínda despois de ter comido, había algúns días, alimentos estragadas. Unha outra teoría di que Lizzie sufría de crise epiléptica durante o seu ciclo menstrual, no cal ela ás veces entraba nun estado de transo, cometendo así os asasinatos inconscientemente.

Xenealoxía[editar | editar a fonte]

Lizzie Borden está distantemente relacionada co inventor do leite condensado Gail Borden (1801-1874), con Robert Borden (1854-1937), primeiro ministro do Canadá durante a Primeira Guerra Mundial, e coa actriz Elizabeth Montgomery (1933-1995), quen retratou a historia da vida de Lizzie nun filme de 1975.

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Lizzie Borden