Literatura europea

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Miniatura das Cantigas de Santa María.
Páxina manuscrita do Libro de Buen Amor.

O concepto de literatura europea aplícase ao conxunto de manifestacións literarias de carácter plurilingüe, orais e escritas, producidas no ámbito xeográfico dos países europeos desde a desaparición do Imperio romano até a actualidade. De forma restritiva delimita un ámbito literario específico dentro do marco máis amplo da «literatura occidental», sobre todo no referido ao desenvolvemento desta última nos séculos XIX e XX, onde outras literaturas occidentais como a estadounidense ou a hispanoamericana tiveron un desenvolvemento independente. Noutro sentido, debe superpoñerse ao das literaturas nacionais europeas tanto na súa vertente nacional-estatal, do tipo «literatura belga» ou «literatura irlandesa» como na súa vertente nacional-lingüística, do tipo «literatura inglesa» ou «literatura castelá».

«Literatura europea» delimita, polo tanto, un eido cultural homoxéneo, Europa, e un lapso cronolóxico amplo, séculos VI ao XX, nos que esquemas de pensamento, modelos, temas, formas e influencias mutuas se orixinan, desenvolven, modifican e desaparecen cunha continuidade facilmente perceptible e clasificable. A perspectiva dunha «literatura europea», máis alá de linguas ou de estados, como expresión do desenvolvemento colectivo dunha cultura común, sen limitar as formulacións anteriores, unifícaos e xeneraliza e permite estudalos como un conxunto cunha forte cohesión.

Orixes[editar | editar a fonte]

O inicio da literatura europea está ligado a un proceso histórico fundamental: a desaparición do Imperio romano, que deu como resultado a creación de diversos reinos xermanos na Europa suroccidental ao longo dos séculos V e VI.

A fragmentación do Imperio romano supuxo a desaparición definitiva, tras varios séculos de decadencia, da cultura antiga e, polo tanto, no ámbito literario que se trata, a ruptura coa tradición grecorromana. Na mesma liña, a aparición dos estados «bárbaros» —visigodos, francos, saxóns, lombardos...—, con tradicións literarias pouco desenvolvidas e incapaces de adaptarse á superioridade cultural latina, potenciou xunto coa fragmentación lingüística do territorio onde se falaban as linguas romances, a decadencia intelectual do Occidente europeo. Só a persistencia da Igrexa Romana funcionou como elo entre a fin do mundo antigo e o comezo da idade media, sobre todo porque, ao ser o latín a lingua da Igrexa, a lingua de Roma seguiu sendo un elemento unificador para a primeira literatura que se pode denominar europea. Obras como as Etimologías de Isidoro de Sevilla, escritas na Hispania visigoda ou os poemas relixiosos de Venancio Fortunato, procedentes da Galia franca, foron lidos e difundidos por toda Europa durante eses séculos escuros. Porén, precisamente esta preeminencia do elemento relixioso cristián dentro da cultura literaria da alta idade media, marcou unha diferenza substancial na literatura medieval europea en relación coa literatura clásica do Imperio romano.

Desenvolvemento[editar | editar a fonte]

Etapa constitutiva[editar | editar a fonte]

Páxina manuscrita do Cantar dos Nibelungos.

A idade media literaria en Europa caracterizouse pola convivencia dunha literatura latina común, que recolleu a maior parte da literatura culta, cunha serie de literaturas vernáculas de ámbito máis local, ligadas en orixe á oralidade pero que xa na baixa idade media se converteron tamén en vehículos de cultura escrita.

Na alta idade media a latinidade refuxiárase nas bibliotecas monacais, como é o caso das Etimologías de Isidoro de Sevilla ou o Liber Sancti Iacobi, de grande difusión por toda Europa. Coa aparición das universidades a comezos do século XIII, concibidas desde o inicio como establecementos educativos baixo a supervisión do papado en Inglaterra (Oxford), Castela (Salamanca), Francia (París) e Italia (Boloña) pero tamén, posteriormente, en Polonia (Cracovia) ou Suecia (Uppsala), o desenvolvemento do pensamento abstracto europeo quedou ligado durante séculos ao latín dos estudos. Pero tamén hai manifestacións literarias latinas medievais noutros xéneros como a lírica (poesía goliardesca), a historia máis ou menos lendaria (Historia Regum Britanniae de Godofredo de Monmouth) ou o teatro para a lectura (Hrosvitha de Gandersheim).

Pero a partir do século XI comezou a xeneralizarse en Europa a literatura en linguas vernáculas, relacionadas inicialmente coa lírica oral popular (kharxas mozárabes, chansons de toile...) e, especialmente, coas distintas tradicións épicas xermanas (Beowulf saxón, O Cantar de Roldán francés, Hildebrandslied ostrogodo ou eslavas (Cantar de Igor ruso). Neste ámbito teñen especial valor as sagas medievais escandinavas, que chegaron a acadar no seu limitado ámbito de difusión un alto nivel de desenvolvemento literario (Snorri Sturluson) que, non obstante, quedou truncado trala incorporación deses países á historia xeral da cultura europea.

Xa no século XIII estas dúas liñas de creación literaria, en principio independentes, deron lugar ao desenvolvemento dos primeiros xéneros literarios cultos en lingua romance, onde unha lingua poética considerada especialmente apta para a expresión literaria era utilizada cun prestixio cultural case similar ao latín. Ese foi o caso inicialmente do provenzal (Guillerme de Aquitania) para a lírica ou do francés para a narración épica (Chrétien de Troyes). A partir de entón estandarizáronse en toda Europa modelos de expresión cultos para a lírica amorosa (cantigas de amor galego-portuguesas, stilnovistas italianos, minnesänger alemáns...) e para a narración de aventuras en verso e en prosa (cantares de xesta, Nibelungenlied, Ciclo Artúrico...)

Mención á parte merece a literatura bizantina, en grego, única que mantivo a súa propia tradición literaria sen rupturas significativas e, polo tanto, non se viu sometida á crise que deu orixe á literatura europea. Trátase dunha literatura compacta e independente pero á vez illada, o cal fixo que se vise truncada definitivamente coa desaparición do Imperio bizantino en 1453.

Etapa clásica[editar | editar a fonte]

Primeira edición de Romeo e Xulieta, de Shakespeare.

A partir do século XV e tomando como punto de referencia modelos literarios italianos, estendeuse por Europa unha concepción nova da literatura baseada na idea de que o verdadeiro prestixio cultural só podía ser outorgado polo respecto ás normas da cultura grecolatina antiga. Esta época é coñecida como Renacemento, e a partir dela, froito directo da súa evolución no tempo, xurdiron o Barroco e o Neoclasicismo.

O Renacemento orixinouse na Península Itálica contra o século XV grazas á labor dos humanistas que, no seu empeño por recuperar o esplendor do Imperio romano, rescataron sobre todo a lingua e as artes, entre elas a literatura, da antigüidade. Tiveron un papel especial neste campo tres escritores italianos: Dante, Petrarca e Boccaccio, que mentres coas súas obras latinas se convertían en paradigmas de escritores cultos —De vulgari eloquentia, África e Genealogía deorum, respectivamente—, coas súas obras en lingua romance sentaron as bases da literatura culta europea dos séculos seguintes no campo da épica —A Divina Comedia de Dante—, lírica —Vita nuova de Dante e Canzoniere de Petrarca— e a narrativa — Decamerón de Boccaccio. Estes modelos literarios estendéronse por Europa ao longo do século XV –Laberinto de Fortuna de Juan de Mena en Castela sobre o modelo da Divina Comedia, Os contos de Canterbury de Geoffrey Chaucer en Inglaterra sobre o de Boccaccio- e xeneralizáronse no XVI, sobre todo co triunfo absoluto da lírica de orixe petrarquista: Garcilaso de la Vega en España, Pierre de Ronsard en Francia, Philip Sidney en Inglaterra, Luís de Camões en Portugal...

Outros dous xéneros, non obstante, a narrativa e o teatro, desenvolveron modelos orixinais á marxe e incluso enfrontados á tradición clásica. Así, nos séculos XVI e XVII aparecen narracións en prosa tan inclasificables como Gargantúa e Pantagruel de François Rabelais ou, especialmente, o Don Quixote de Miguel de Cervantes, que acabaron por se converter no xermolo da novela europea moderna. Respecto ao teatro, a recuperación dos modelos antigos foi lenta e pouco frutífera nun primeiro momento, impoñéndose entre tanto esquemas dramáticos desenvolvidos a partir do teatro popular medieval como a Commedia dell´arte italiana e, de forma máis significativa, os teatros nacionais inglés (William Shakespeare) e español (Lope de Vega), de grande éxito nas súas rexións de orixe pero cuxas soluciones dramáticas só se xeneralizaron en Europa séculos máis tarde.

No século XVII o Barroco impuxo unha maior complexidade nas formas e un cambio de perspectiva sobre determinados temas renacentistas, pero non modificou o seu punto de partida orixinal, referido á excelencia da cultura antiga como modelo a seguir. O Neoclasicismo, á súa vez, iniciado en Francia no século XVII e xeneralizado en toda Europa no XVIII, insistiu máis aínda nesa concepción vicaria da literatura europea en relación coa grecolatina. Especial importancia tivo esta dependencia no ámbito do teatro: os modelos impostos en Francia polo teatro de Jean Racine e de Molière expandíronse durante todo o século seguinte modelando desde o teatro italiano de ampla tradición anterior (Carlo Goldoni) até as orixes do teatro ruso (Mikhaíl Lomonosov).

Respecto á literatura de pensamento, o latín seguiu sendo a lingua de referencia e a Universidade o ámbito de produción por excelencia. Desde o polaco Nicolao Copérnico en Cracovia (De Revolutionibus Orbium Coelestium, 1543), até o inglés Isaac Newton en Cambridge (Principia mathematica, 1687), toda a nova ciencia europea desenvolveuse de acordo con eses patróns comúns, se ben a publicación do Diálogo de Galileo Galilei en italiano en 1632 abriu as portas da literatura científica en linguas vernáculas. De aí a importancia da aparición dos Essais de Michel de Montaigne en 1580, que ofreceron o modelo europeo para unha literatura de expresión libre do pensamento persoal que, se ben non se desenvolveu até varias décadas despois, segue a ser un dos xéneros fundamentais e identificativos da literatura europea.

Etapa disolvente[editar | editar a fonte]

A principios do século XIX, durante as Guerras Napoleónicas, xeneralizouse en Europa un desexo de renovación social, artística e especificamente literaria que se viu plasmada no desenvolvemento dunha gran cantidade de literaturas «nacionais» en linguas até entón de escaso prestixio cultural e circunscritas ao ámbito do folclore local. Así, con diferentes logros pero un mesmo denominador común, vanse desenvolver literaturas como a rusa, húngara, danesa, polaca ou finesa. En todas elas repítense os modelos, dando lugar ao movemento literario coñecido como Romanticismo: a lírica, seguindo o modelo de Lord Byron, céntrase na expresión egolátrica dos sentimentos persoais, sumando a exacerbación dos sentimentos patrióticos; a narrativa busca, á maneira de Walter Scott, a reconstrución do pasado glorioso da propia nación, e o teatro, seguindo a Victor Hugo, recupera as propostas anticlasicistas dos teatros inglés e español do século XVII. Por outra banda, multiplícanse as influencias mutuas entre as distintas rexións europeas: así como a figura de Alexander Pushkin en Rusia non sería comprensible sen a existencia previa de Lord Byron, a finais do século XIX, autores rusos como Lev Tolstoi fixarán as pautas para unha renovación da novela europea que terán influencia en toda Europa. Igualmente, o teatro escandinavo (Henrik Ibsen e August Strindberg) foi o principal reformador da escena europea a principios do século XX. Por isto, na segunda metade do século seguen sucedéndose movementos literarios globais tanto na novela (realismo de Honoré de Balzac, Benito Pérez Galdós ou Fiódor Dostoievski) como na lírica, aínda que con nomes diferentes segundo o ámbito lingüístico de redacción: Simbolismo francés, Modernismo hispano, ou prerrafaelitas ingleses.

Caligrama.

En calquera caso, a principal consecuencia do movemento romántico para a evolución da literatura europea foi a perda definitiva do prestixio dos modelos grecolatinos. Isto favoreceu un maior grao de liberdade creativa, obxectivo principal dos románticos, pero tamén o descrédito dos que foran os principais referentes da literatura europea durante máis de dez séculos. De aí que o último gran momento cultural propiamente europeo fosen as vangardas a principios do século XX. Así, as vangardas deben ser entendidas como o punto de chegada dese proceso de desvinculación das orixes e de predicación da liberdade absoluta que se iniciara co romanticismo. Tamén poden considerarse como o canto do cisne da cultura europea: a última e a máis importante das súas achegas á cultura mundial na época contemporánea, xusto antes da destrución de Europa nas dúas guerras mundiais. As vangardas, por outra banda, presentan o modelo perfecto de movemento literario europeo: autores de todas as rexións de Europa (o ruso Vladimir Maiakovski, o italiano Filippo Tommaso Marinetti, o irlandés James Joyce, o francés André Breton, o romanés Tristan Tzara...) que comparten proxectos culturais máis alá da súa lingua de expresión e das tradicións puntuais dos seus países de orixe. E igualmente, un lugar de orixe para os conceptos creativos (París), que se difunden axiña aos máis afastados centros de creación artística europea.

Situación actual[editar | editar a fonte]

O estoupido da primeira guerra mundial marcou o inicio da fin da situación de privilexio que Europa tivera no mundo desde o século XVI. Á súa vez, a gran catástrofe humanitaria que supuxo a segunda guerra mundial, xunto coa caída moral provocada polos triunfos do fascismo e do comunismo en case toda Europa provocaron a fin da continuidade cultural europea e, polo tanto, da súa expresión literaria. De feito, ao longo do século XX só o existencialismo francés ou o realismo soviético tiveron unha mínima amplitude literaria, se ben limitada aos países da órbita capitalista e comunista respectivamente, durante un espazo de tempo infrecuentemente breve. En realidade, ao longo da segunda metade do século a cultura popular anglosaxoa, principalmente estadounidense, foi ocupando todo o espazo cultural de Occidente, convertendo Europa nunha especie de apéndice relativamente marxinal da súa cultura. Así, a lírica popular vinculada ás cancións comerciais, o desenvolvemento da «prosa espontánea» da xeración beat e até o triunfo do teatro musical nas últimas décadas do século XX en Europa son importacións literarias cuxo epicentro non está neste continente, senón en Nova York ou California.

A comezos do século XXI non hai ningunha razón para pensar que este esquema cultural vaia mudar. Por un lado a debilidade política da Unión Europea, maior aínda no eido cultural, onde aínda non se comezou por exemplo nin a dar os primeiros pasos para a redacción dunha historia da literatura europea, e o cada vez maior peso en todas as ordes da lingua inglesa, vehículo básico da cultura estadounidense, permiten supor que cada vez será máis difícil que algún día Europa poida volver desenvolver algún movemento cultural —e polo tanto literario— propio.

Grandes autores e obras[editar | editar a fonte]

Recreación dunha escena do Fausto de Goethe.

Etapa constitutiva[editar | editar a fonte]

Etapa clásica[editar | editar a fonte]

Etapa disolvente[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Martín de Riquer e José María Valverde: Historia de la literatura universal, Planeta, Barcelona, 1991.
  • Jordi Llovet (ed.): Lecciones de literatura universal, Cátedra, Madrid, 1996.
  • Esteban Pujals: Historia de la literatura inglesa, Gredos, Madrid, 1988.
  • Wolfgang Beutin et al: Historia de la literatura alemana, Cátedra, Madrid, 1991.
  • Ernst R. Curtius: Literatura latina medieval y Edad Media latina, F.C.C., México, 1995.