Lista de personaxes de Lost

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

As personaxes da serie de televisión estadounidense Lost foron creadas por Damon Lindelof e J. J. Abrams. A serie segue as vidas dos superviventes dun accidente aéreo nunha misteriosa illa tropical deserta, despois de que o avión comercial se estrelara nalgún lugar do Pacífico. Cada episodio céntrase tipicamente nunha historia principal (na illa) e secundaria (noutro tempo e lugar) dun personaxe en concreto.

Das 324 persoas a bordo do voo 815 de Oceanic Airlines,[1] hai 71 superviventes iniciais (70 humanos e un can). Na tempada inicial había 14 personaxes principais, convertendo a Lost na serie americana de prime time con maior elenco de actores.

Personaxes principais[editar | editar a fonte]

As personaxes aparecen alfabeticamente. "Protagonista na tempada(s)" refírese á tempada na que un actor ou actriz recibía retribución de protagonista estrela por interpretar a súa personaxe. "Recorrente na tempada(s)" identifica a tempada na que un actor ou actriz recibía retribución de actor convidado ou especial.

Nome Actor/actriz Protagonista na tempada(s) Recorrente na tempada(s) Nº de episodios
Richard Alpert Nestor Carbonell 6[2] 3, 4, 5 30
Richard Alpert é aparentemente o conselleiro inmortal do líder dos Outros. Richard viviu nas Illas Canarias coa súa muller enferma no ano 1867. Tras matar accidentalmente a un médico cobizoso na súa procura dun remedio para a súa esposa, foi vendido a un traficante de escravos poucos minutos antes de ser executado. Foi preso na nave Black Rock e partiu cara o Novo Mundo. Porén, unha gran tormenta causou que o buque negreiro encallara na illa. O Home de Negro tratou de enganalo para que matase a Jacob, pero Richard foi recrutado por Jacob como conselleiro. Jacob tamén lle concedeu a Richard a eterna xuventude. Richard foi dende entón o conselleiro de moitos líderes dos Outros, como Ben Linus e Charles Widmore. Ó final da serie el é capaz de novo de envellecer e deixa a illa no voo de Ajira.
Kate Austen Evangeline Lilly 1, 2, 3, 4, 5, 6 108
Despois de asasinar o seu abusivo padrastro (quen en realidade era o seu verdadeiro pai), Kate foxe e finalmente é capturada por un alguacil federal en Australia cando ía no coche de, Ray Mullen, un granxeiro que quería entregala para obter a recompensa de $23.000. Kate traballou na súa granxa preto de tres meses antes de ser capturada pola policía. Na illa, Kate é atraída por Sawyer e por Jack, e eventualmente mantén unha curta relación con Sawyer. Despois de escapar da illa, é levada a xuízo por asasinato, pero consegue un acordo co fiscal que non require tempo de prisión. Comprométese con Jack e coida do fillo de Claire, Aaron, coma se fose seu, aparentando ser a súa nai biolóxica como parte da historia inventada polos 6 de Oceanic. Antes de que Sawyer saltase do helicóptero que os tería salvado ós dous, Sawyer bísballe algo a Kate na orella, o cal non revela a Jack. Os celos de Jack provocan a fin da súa relación. Ela resístese a volver á illa, pero finalmente confirma que o fará. Chega á illa no ano 1977 e únese á Iniciativa Dharma, xunto con Jack e Hurley. Volve cos demais ó tempo presente e comeza a buscar a Claire. Fire mortalmente ó Home de Negro durante a súa batalla con Jack e abandona a illa con Sawyer e Claire no voo de Ajira ó final da serie.
Juliet Burke Elizabeth Mitchell 3, 4, 5 6 49
Juliet é unha doutora de fertilidade recrutada polos Outros. Comeza unha relación con Goodwin, que é asasinado por Ana Lucia, e Juliet culpa a Ben. Ben, que está namorado dela e impídelle unha e outra vez abandonar a illa, orquestrou a morte de Goodwin por envexa. Malia que Juliet actúa de interrogadora de Jack cando el, Sawyer e Kate son capturados, ela axúdalles, escapa e únese ós superviventes do voo 815 de Oceanic. Desafía as ordes de Ben de infiltrarse no campamento dos superviventes, e descobre que está namorada de Jack. Ela queda atrás cando os 6 de Oceanic abandonan a illa, e cando os saltos no tempo levan a Juliet e a outras personaxes ós anos 70, convértese en mecánico da Iniciativa Dharma e comeza unha relación con Sawyer. Juliet finalmente morre cando queda atrapada baixo os cascallos como resultado do Incidente e detona unha bomba de hidróxeno para resetear a liña temporal da illa.
Boone Carlyle Ian Somerhalder 1 2, 3, 6 28
Boone é o medio irmán de Shannon, da cal está namorado. Na illa, dedica moito tempo a cazar con Locke, e xuntos atopan o primeiro zapón metálico. Descobre que Shannon está a aproveitarse del e que realmente non o quere, pero aínda así continúa a protexela. Cando as pernas de John deixan de funcionar misteriosamente, Boone ascende ata unha avioneta que pendura dunha árbore, e usa a radio para contactar (aínda que el non o sabe) cos superviventes da sección de cola do avión. A avioneta cae con Boone dentro, e a súa perna e torso son esmagados. John lévao ás costas de volta ó campamento para que sexa atendido por Jack e Sun, pero Boone morre pouco despois.
Ana Lucia Cortez Michelle Rodriguez 2 1, 5, 6 23
Como antiga oficial de policía dos Ánxeles, Ana Lucia é a líder dos superviventes da sección de cola. Perdeu o seu traballo após asasinar o home que a disparou estando embarazada, perdendo ó seu bebé. Coñece a Christian en LAX e accede a acompañalo a Australia. Antes de volver ós Ánxeles fala con Jack no bar do aeroporto sen saber que é o fillo de Christian. Ana Lucia é moi protectora co seu grupo de superviventes logo de que moitos deles fosen secuestrados. Mata a Goodwin cando descobre que non é un supervivente do accidente. Tamén mata accidentalmente a Shannon. Ana Lucia é disparada por Michael Dawson cando este intentaba ceibar a Ben, o líder dos "Outros", pero aparece despois da súa morte en visións dos outros personaxes, sobre todo de Hurley.
Michael Dawson Harold Perrineau 1, 2, 4 6[3] 48
Michael é un artista e traballador da construción neoiorquino que non tivo contacto co seu fillo Walt dende que era un bebé. Cando a nai de Walt morre en Australia, Michael vaino buscar (e o can de Walt, Vincent). Michael é o primeiro da illa en descubrir que Sun fala inglés, e ten varios conflitos con Jin. Mentres tentaba escapar da illa navegando nunha balsa, o seu fillo Walt é secuestrado polos Outros. Michael fai un trato cos Outros segundo o cal troca a Kate, Jack, Sawyer e Hurley por Walt. Consegue abandonar a illa co seu fillo nun pequeno barco. Porén, cando regresan a casa, Walt vaise a vivir coa súa avoa cando descobre que Michael matou a Libby e Ana Lucia mentres tentaba levar a cabo o trato. Michael tenta suicidarse un par de veces pero decátase de que a illa "non lle permitirá morrer". Infíltrase entre os tripulantes do cargueiro Kahana seguindo as ordes de Ben, coa esperanza de compensar as vidas que quitou salvando ás persoas que quedaron na illa. Morre na explosión do Kahana memtres trataba de desactivar unha bomba.[4]
Mr. Eko Adewale Akinnuoye-Agbaje 2, 3 21
Mr. Eko é un antigo traficante de drogas nixeriano convertido en sacerdote que se estrela na illa xunto cos superviventes da sección de cola. Após acabar cos dous dos Outros que trataban de secuestralo, non falou durante corenta días. Ó unirse ós outros sobreviventes, Eko pasa a formar parte do grupo implicado en premer o botón do zapón. Comeza a construír unha igrexa con Charlie, pero abandona o proxecto cando se obsesiona co zapón e o botón. Eko é perseguido por visións do seu irmán, que morreu en Nixeria e cuxo corpo atópase na avioneta que chegou á illa antes do accidente do 815 de Oceanic. Esas visións guíano a el e a John ata outra estación Dharma. Eko atópase co monstro de fume en máis dunha ocasión, e finalmente é asainado por el.
Daniel Faraday Jeremy Davies 4, 5, 6 23
Faraday é un físico contratado por Charles Widmore para que vaia á illa. Inicialmente amosa intencións de axudar a salvar ós superviventes do 815, pero descóbrese que non é certo. Daniel está conectado con Desmond en moitas formas, xa que Desmond visítao en Oxford durante un salto atrás no tempo. Cando John move a illa, Daniel viaxa atrás no tempo e visita a Desmond no zapón para decirlle como debe salvar a illa. Aínda que inicialmente mentiu sobre a súa intención de salvar os sobreviventes, Daniel acaba transportando varios deles, incluíndo a Sun e Jin, a bordo do Kahana. Máis tarde revélase que é o fillo de Eloise Hawking e Charles Widmore. É disparado e asasinado pola súa nai na tempada 5, no episodio "The Variable".
Nikki Fernandez Kiele Sanchez 3 7
Nikki é unha actriz que asasina, xunto co seu mozo Paulo, a un produtor de televisión polos seus diamantes. Cando chegan á illa adícanse a buscar os diamantes entre os restos do accidente. Paulo descobre os diamantes e trata de ocultarllos a ela, pero ela toma represalias atacándoo cunha araña cunha trabadela paralizante. Porén, ela tamén é mordida pola araña e ámbolos dous son enterrados vivos polos outros superviventes, que confundiron a súa parálise coa morte.
James "Sawyer" Ford Josh Holloway 1, 2, 3, 4, 5, 6 104
James é un estafador que quedou orfo de neno cando o seu pai matou a súa nai (e a si mesmo) cando descubriu que ela foi estafada por un home chamado Sawyer. Todo o que James coñece sobre o home que estafou á súa nai é o seu nome. Adopta o nome de "Sawyer" como propio, e cando é adulto adícase a estafar miles de dólares a mulleres ricas. Ten unha filla chamada Clementine con Cassidy, unha das mulleres ás que estafou. Viaxa a Australia para asasinar o home que cre que é o Sawyer orixinal, pero trabúcase e mata a un home inocente. Na illa, desgusta ós demais polo seu comportamento antisocial e por poñerlles alcumes ós seus compañeiros, pero máis tarde namórase de Kate e faise amigo do resto a pesar da difícil personalidade. Cando John move a illa e os principais superviventes son trasladados ós ano 70, Sawyer únese á Iniciativa Dharma baixo o nome de Jim LaFleur, e convértese en xefe de seguridade pola súa habilidade de tratar cos Hostís. Namórase de Juliet e vive con ela durante os tres anos seguintes. Juliet morre das feridas provocadas polo Incidente despois de que os personaxes volvan ó tempo presente, polo que Sawyer únese temporalmente ó Home de Negro. Abandona a illa con Kate e Claire no voo de Ajira ó final da serie.
Desmond David Hume Henry Ian Cusick 2, 3, 4, 5, 6 46
Desmond, un antigo monxe e membro do Rexemento Real Escocés, embárcase nunha carreira en bote arredor do mundo despois de romper coa súa moza Penelope Widmore. Naufraga na illa durante a carreira e vive no zapón durante tres anos premendo un botón cada 108 minutos. Un día descóidase de seguir premendo o botón e ese día estrélase o voo 815 de Oceanic. Os superviventes atopan o zapón e ábreno á forza, e cando estes o substitúen premendo o botón intenta (sen éxito) escapar da illa. Cando é devolto á illa, únese ós superviventes. Ó comezo da terceira tempada, Desmond comeza a ter visións de eventos futuros, a maioría deles sobre a morte de Charlie. Despois, experimenta visións do pasado. Escapa da illa cos 6 de Oceanic ó final da cuarta tempada e reúnese coa súa moza, Penny. Casan e teñen un bebé chamado Charlie. Desmond atópase en numerosas ocasións con Eloise Hawking que lle di que non case con Penny Widmore. Máis tarde descobre que é a nai de Daniel Faraday, localízaa a través de Charles Widmore, e visítaa en Lamppost. Posteriormente é levado de volta á illa por Charles Widmore para destapar o corazón da illa e facer ó Home de Negro mortal. Dáse a entender que Desmond regresa a casa con Penny e o seu filllo.
Sayid Jarrah Naveen Andrews 1, 2, 3, 4, 5, 6 98
Un antigo oficial militar de comunicacións, Sayid é perseguido polo seu pasado como torturador para a Garda Republicana Iraquí. Na illa, está namorado de Shannon. Despois de escapar da illa e chegar a América, reúnese e casa coa súa antiga moza Nadia. Despois de que Nadia é asasinada, Sayid é contratado por Ben para atentar contra Charles Widmore. Máis tarde, tenta matar a Ben cando era neno despois de ser transportado de volta á illa e capturado pola Iniciativa Dharma en 1977. Sayid é disparado e matado por membros da Iniciativa Dharma, pero é revivido dunha forma misteriosa no templo dos Outros. Dáse a entender que ó ser revivido desa forma, perdeu a súa habilidade para sentir emocións. Cando o Home de Negro engana a Jack para que leve unha bomba a bordo do submarino de Widmore, Sayid move a bomba cara o outro lado do navío a fin de que fose detonada lonxe dos outros sobreviventes, morrendo no proceso.
Jin-Soo Kwon Daniel Dae Kim 1, 2, 3, 4, 5, 6 92
O fillo dun pescador humilde, Jin casa con Sun baixo a condición de que debe traballar para o seu pai como executor da mafia. Na illa, Jin é o único náufrago que non fala inglés, a pesar de que posteriormente comeza a aprendelo. É dado por morto pola súa muller, Sun-Hwa Kwon, e os outros membros dos 6 de Oceanic, cando estoupa a bomba do cargueiro Kahana. Kwon é atopado máis tarde por un equipo francés de investigación en 1988, sendo transportado a ese período de tempo con outras persoas na illa. Despois de que tódolos superviventes fosen transportados á mesma liña temporal, Jin dedica o seu tempo buscando a Sun. Finalmente atópaa xunto cos outros superviventes na estación Hydra da illa. Cando o grupo trata de escapar no submarino de Charles Widmore, unha bomba introducida polo Home de Negro fai explosión con Sun no seu interior. Incapaz de salvar á súa esposa, Jin opta por morrer con ela para non estar separados nunca máis.
Sun-Hwa Kwon Yunjin Kim 1, 2, 3, 4, 5, 6 88
A rica filla dun mafioso surcoreano, Sun tivo unha aventura amorosa e case deixa ó seu marido Jin antes do accidente. Reconcílianse na illa e ela queda preñada. Após escapar da illa, Sun da a luz ó seu bebé, unha nena chamada Ji Yeon. Cos cartos de indemnización de Oceanic, Sun merca unha parte maioritaria da compañía do seu pai. Posteriormente, volve á illa no voo 316 de Ajira Airways para buscar a Jin, pero non é enviada a 1977 cos outros membros dos 6 de Oceanic senón que permanece no 2007. Despois de que as liñas temporais volvesen á normalidade, Jin e Sun reúnense. Cando o grupo trata de fuxir no submarino de Charles Widmore, unha bomba introducida polo Home de Negro fai explosión con Sun no seu interior. Ela é incapaz de escapar e morre afogada xunto co seu marido.
Frank Lapidus Jeff Fahey 4, 5, 6 29
Frank Lapidus é o piloto que orixinalmente ía pilotar o voo 815 de Oceanic. É seleccionado por Abaddon para formar parte do equipo que viaxa á illa no cargueiro Kahana; transporta a Daniel, Miles e Charlotte á illa en helicóptero e axuda a Desmond e ós 6 de Oceanic a escapar. No episodio "316", el pilota o voo 316 que cinco dos 6 de Oceanic e Ben Linus toman para volver á illa. Frank fai unha aterraxe controlada preto da estación Hydra. Ó final da serie voa cos superviventes no avión de Ajira.
Charlotte Staples Lewis Rebecca Mader 4, 5, 6 20
Charlotte é unha antropoloxista contratada por Charles Widmore para ir á illa. Miles comenta que ela tivo estado alí antes polo que ela escolle ficar alí cando lle dan a opción de abandonala. Máis tarde morre como resultado dos efectos dos movementos erráticos da illa a través do tempo non antes de descubrir que ela naceu naquela illa e que os seus pais eran membros da Iniciativa Dharma.
Benjamin Linus Michael Emerson 2, 3, 4, 5, 6 61
Ben é o manipulador líder dos Outros. É capturado polos superviventes e é pechado dentro da sala de armas do zapón que atoparon Boone e Locke. Porén, Michael axúdalle a escapar en troques dunha pasaxe segura para el e o seu fillo, Walt, de volta a casa. Ó final da cuarta tempada é forzado a abandonar a illa despois de "movela". Regresa na quinta tempada, xunto cos 6 de Oceanic, para ser xulgado polo monstro de fume escuro por deixar morrer a súa filla. O Monstro déixao vivir tanto tempo como sexa necesario seguir a John para acabar con Jacob. El comeza a arrepentirse das súas accións e busca redimirse. Ó final convértese no segundo ó mando de Hurley.
Claire Littleton Emilie de Ravin 1, 2, 3, 4, 6 5 72
Claire da a luz na illa a un neno e forxa unha forte relación amorosa con Charlie. Despois de ser secuestrada por Ethan Rom, escapa e logo perde a memoria. Tamén é medio irmá de Jack. Ela non é consciente diso, pero Jack descóbreo pola súa nai despois de abandonar a illa. Claire é vista despois co seu pai na cabana de Jacob despois de deixar ó seu fillo, Aaron, ó pé dunha árbore. Claire volve a ter importancia na sexta tempada, pero o tempo que estivo perdida soa na selva deixouna nun estado perturbado e salvaxe. Abandona a illa con Kate e Sawyer ó final da serie.
Walter "Walt" Lloyd Malcolm David Kelley 1, 2 3, 4, 5, 6 33
Un neno estudante da escola primaria, é secuestrado polos Outros, que aseguran que é "especial". É rescatado polo seu pai Michael e marcha vivir coa súa avoa en Nova York. No epílogo "New Man In Charge", amósase como se une a Hurley e a Ben retornando á illa.
John Locke Terry O'Quinn 1, 2, 3, 4, 5, 6 101
Despois de curar a súa parálise durante o accidente aéreo, Locke vive o seu soño de converterse no cazador do grupo. Sendo un home de fe, cre que ten unha conexión especial coa illa, levándoo a colidir en moitas ocasión co home da ciencia, Jack. Logo de ser "escollido", Locke convértese no líder dos Outros ó final da cuarta tempada. Posteriormente, Locke é asasinado por Ben logo de saír da illa. Cando os "6 de Oceanic" volven á illa outra vez, transportan o corpo de Locke canda eles. Locke aparentemente volve á vida, pero non é verdade; Locke está morto e o individuo no corpo de Locke é o rival de Jacob.
Home de Negro Titus Welliver; Terry O'Quinn (en forma de Locke); Ryan Bradford (Neno de Negro) 5, 6 1, 2, 3, 4 41
O Home de Negro, tamén coñecido como O Monstro ou o Fume Negro, é o irmán xemelgo de Jacob e o principal antagonista durante a tempada final da serie. Na primeira tempada, mata ó piloto do 815 de Oceanic. Os seus avatares inclúen ó irmán xemelgo de Jacob, a Christian, o pai de Jack, a Yemi, o irmán de Eko, e a John Locke. Non pode deixar a illa mentres Jacob ou un dos seus sucesores aínda estea nela, e ademais, dáse a entender que se abandona a illa tódalas persoas da terra morrerán. Aparece primeiro con forma de nube ou de fume negro, pero pode tomar a aparencia de calquera que estea morto. No avatar de Locke, que xa non pode cambiar máis, oféndese cando Ben lle chama Monstro. El afirma que non é malo e que só quere saír da illa. Así, comeza a recrutar aliados para escapar con el, como Sawyer, Claire, Sayid e Kate. Segundo Rousseau e Ben, o Home de Negro (na súa forma de Monstro) é un sistema de seguridade ou xuíz da illa. Ten limitacións. Non pode penetrar no valado de sonar da Iniciativa Dharma, traspasar as cinzas que arrodean a cabana de Jacob ou entrar no templo mentres un gardián está vivo. Non pode matar persoalmente a Jacob ou a calquera dos candidatos escollidos por Jacob para sucedelo. Manipula Ben, facéndose pasar por Locke e pola filla de Ben, e consegue convencer a Ben de que mate a Jacob. A continuación, intenta matar ós candidatos de Jacob, e logo trata de destruír a illa. Malia que é invencible, convértese inadvertidamente en mortal cando Desmond Hume detén temporalmente a forza primaria da illa. Foi derrotado mentres era mortal, cando Kate lle dispara e Jack o empurra por un cantil.
Charlie Pace Dominic Monaghan 1, 2, 3, 6 4 65
Charlie é unha estrela de rock que abandona a súa adicción á heroína e coida a Claire e ó seu bebé. Despois de que Desmond predixera a súa morte en numerosas ocasións, morre na estación do Espello tratando de axudar ós superviventes a comunicarse co mundo exterior.
Paulo Rodrigo Santoro 3 7
Paulo axuda a Nikki no asasinato dun produtor executivo de televisión para facerse cos seus diamantes. Dedica o tempo con Nikki buscando os diamantes. Morre despois de ser soterrado vivo, xa que os superviventes asumiron que estaba morto cando en realidade só estaba paralizado pola trabadela dunha araña velenosa.
Hugo "Hurley" Reyes Jorge Garcia 1, 2, 3, 4, 5, 6 107
Após gañar a lotaría cos números, Hurley sofre dunha terrible mala sorte. Recupera o optimismo na illa, pero logo de escapar dela é hospitalizado por motivos psiquiátricos, que inclúen alucinacións recorrentes relacionadas con Charlie. Posteriormente volve á illa a bordo do voo 316 e únese á Iniciativa Dharma en 1977 xunto con Jack e Kate. Ó final da serie, Jack fai a Hugo o novo "Gardián" da Illa.
Shannon Rutherford Maggie Grace 1, 2, 6 3 32
Shannon é unha instrutora de ballet e a medio irmá de Boone. Cando se estrelan na illa, Shannon amósase pouco colaboradora e pasa a maior parte do seu tempo tomando o sol. Os seus coñecementos de francés resultan moi útiles para traducir o sinal do transmisor e os mapas de Danielle Rousseau. A partir dese momento comeza unha relación con Sayid. Cando o seu irmán Boone morre, Shannon fica devastada, e apunta a Locke cunha pistola porque pensa que el é o responsable da morte de Boone. Antes de que Walt abandonase a illa na balsa, deixa a Vincent ó coidado de Shannon. Ó comezo da segunda tempada, Shannon segue de loito pola perda do seu irmán Boone. Perde a Vincent na xungla e ve a Walt. Ninguén a cre cando llo conta ós demais. A súa relación con Sayid vai a máis. Shannon continúa a ver a Walt na xungla así que corre detrás del, pero sofre un disparo accidental de Ana Lucia Cortez. Morre nos brazos de Sayid, deixándoo co corazón roto. No seu funeral, Sayid confesa que estaba fondamente namorado dela.
Jack Shephard Matthew Fox 1, 2, 3, 4, 5, 6 113
Un cirurxián de columna con problemas co seu pai, Jack é o líder dos superviventes. Namórase de Kate. Despois de escapar da illa, remata a súa relación con Kate e convértese nun adicto ás drogas con tendencias suicidas porque desexa regresar á illa para salvar a todo o mundo que quedou atrás. Volve á illa e aparece en 1977 con Kate e Hurley, e xuntos únense á Iniciativa Dharma. Na sexta tempada revélase que Jack é o "candidato" de Jacob, e substitúeo como Gardián ou coidador da illa. Ó final da serie mata ó Home de Negro e salva á illa de ser destruída, pero é mortalmente ferido no proceso e nomea a Hurley como o seu sucesor. Morre no mesmo lugar no que é visto por primeira vez cando aterra na illa.
Elizabeth "Libby" Smith[5] Cynthia Watros 2, 6 4 23
Libby é unha supervivente da sección de cola. Antes de ter o accidente do voo 815, coñece a Desmond e dálle o barco do seu defunto esposo David, para que poida facer a carreira arredor do mundo. Tamén se revela que foi paciente da mesma institución mental na que estaba Hurley. Namórase de Hurley. É disparada por Michael despois de ver accidentalmente a morte de Ana Lucia.
Miles Straume Ken Leung 4, 5, 6 35
Miles é un espiritista contratado por Charles Widmore para que vaia á illa. El ten a capacidade de ler os pensamentos finais dos finados. El é o máis cortante dos pasaxeiros do cargueiro Kahana, gañando que Hurley o compare con Sawyer. Posteriormente revélase que é o fillo do doutor Pierre Chang da Iniciativa Dharma. Ó final da serie abandona a illa no avión de Ajira.
Ilana Verdansky Zuleikha Robinson 6 5 16
Ilana di ser unha cazadora de recompensas que traballa para a familia de Peter Avellino, que é un empregado de Charles Widmore, e que é asasinado por Sayid. Ela captura a Sayid e súbeo ó voo 316 de Ajira. Despois de chegar á illa, lidera a captura hostil dos superviventes do voo 316 xunto con Bram e algúns outros. Pregunta a Frank Lapidus se coñece "o que se atopa á sombra da estatua", e logo déixao inconsciente por non ser quen de responder. Posteriormente revélase que foi enviada á illa por Jacob co propósito de protexer ós candidatos que o poderían substituír. Mentres estaba nunha misión para evitar que o Home de Negro abandone a illa, Ilana morre por manexar dinamita inestable.

Personaxes secundarias[editar | editar a fonte]

Superviventes do voo 815 de Oceanic 815[editar | editar a fonte]

Nome Actor/Actriz tempada(s) Nº de episodios
Leslie Arzt Daniel Roebuck 1, 3, 6 9
Dr. Leslie Arzt é un mestre de ciencias da escola secundaria que ó chegar á illa faise cunha colección de insectos nativos que garda en pequenas gaiolas. Case tódalas personaxes pronuncian o seu nome "Arts" mesmo despois de que el os teña corrixido en numerosas ocasións. Arzt queixase por non ser incluído nas distintas misións de Jack e Locke, e finalmente únese a eles na viaxe ó antigo navío varado na selva chamado, Black Rock. Morre ironicamente cando unha barra de dinamita estoupa espontaneamente na súa man mentres amosaba a Jack, Locke, Kate e Hurley o modo seguro de transportalo. Na liña de tempo alternativa, está a traballar na escola onde axuda a Ben a expoñer as súas accións. O seu nome, "Arzt", é unha palabra alemá para "doutor". Dese modo, o seu nome tradúcese como "Dr. Doutor". A pesar da súa temperá morte, os seus consellos tiveron un gran valor para os superviventes, mesmo anos despois.
Cindy Chandler Kimberley Joseph 1, 2, 3, 6 15
Cindy Chandler é unha azafata australiana de Oceanic Airlines e é o único membro do tripulación que sobrevive ó accidente, exceptuando a Seth Norris. Ten un papel destacado no episodio piloto, xa que é a que lle dá a Jack unha pequena botella de alcohol no avión, que é o primeiro que Jack descobre trala caída do avión. Aterra cos superviventes da sección de cola e é secuestrada polos Outros na segunda tempada durante a viaxe ó campamento dos superviventes da fuselaxe. Cindy vive confortablemente cos Outros coidando de Zach e Emma. Para evitar a morte, alíase co Home de Negro tralo masacre do templo. Ela sobrevive ó ataque de Widmore e queda baixo a protección de Hurley.[6]
Emma e Zach Kiersten Havelock e Mickey Graue 2, 3, 6 7
Emma e Zach son dous nenos irmáns da sección de cola que son coidados por Cindy logo de seren secuestrados polos Outros. Con Cindy, seguen ó Home de Negro. O seu destino final non foi desvelado.
Bernard Nadler Sam Anderson 2, 3, 4, 5, 6 26
Un dentista americano, o Doutor Bernard Nadler casa con Rose Henderson un ano antes de ter o accidente de avión. Estrélase xunto cos superviventes da sección de cola, pero únese ós superviventes da fuselaxe na segunda tempada. Bernard queda coa maioría do grupo despois de que chegaran algúns dos membros da tripulación do cargueiro. El e Rose viaxan no tempo a 1977 cando a illa daba saltos no tempo. Escollen vivir sós na praia evitando ós da Iniciativa Dharma e ós Outros. Volven ó presente e axudan a Desmond coa fonte de poder da illa, e despois dun encontro co Home de Negro, deciden quedar na illa ó final de la serie.
Rose Henderson Nadler L. Scott Caldwell 1, 2, 3, 4, 5, 6 25
Unha muller con cancro terminal do Bronx, Nova York, Rose Henderson-Nadler casa con Bernard un ano antes de ter o accidente de avión. Vive cos superviventes da fuselaxe e reencóntrase con Bernard na segunda tempada. Opta por volver á praia ó comezo da cuarta tempada cando os superviventes logran contactar co cargueiro. Ela e Bernard viaxan no tempo a 1977 cando a illa daba saltos no tempo. Escollen vivir sós na praia evitando ós da Iniciativa Dharma e ós Outros. Volven ó presente e axudan a Desmond coa fonte de poder da illa, e despois dun encontro co Home de Negro, deciden quedar na illa ó final de la serie.
Scott Jackson e Steve Jenkins Christian Bowman e Dustin Watchman 1, 2, 3, 5 12
Scott Jackson e Steve Jenkins estrélanse cos superviventes da fuselaxe. Eles son comunmente confundidos o un co outro, mesmo despois de que un deles (Scott) fose asasinado na primeira tempada por Ethan. Na quinta tempada, Steve e o resto dos náufragos do voo 815 náufragos morren por un ataque despois dos saltos da illa no tempo (agás dous homes non identificados, que logo morren polas minas Claymore no regato).
Edward Mars Fredric Lane 1, 2, 3, 6 12
Edward Mars é un marshal estadounidense obsesionado con capturar a Kate, a quen finalmente captura en Australia. É seriamente ferido durante o accidente e morre no terceiro episodio.
Seth Norris Greg Grunberg 1, 4, 6[7] 3
Seth Norris é o piloto do voo 815 de Oceanic que estrela o avión na illa. É atopado na súa cabina no primeiro episodio por Jack, Kate e Charlie, pero axiña é asasinado polo "Monstro".
Gary Troup Laird Granger e Frank Torres Lost Experience, 1 2
Gary Troup é o autor Nova York autor da novela ficticia Bad Twin,[8] e é o amante de Cindy. Morre absorbido por unha turbina inmediatamente despois do accidente.[9]
Vincent Madison[10][11] and Pono[12] 1, 2, 3, 4, 5, 6 43
Vincent é o labrador de Walt, que orixinalmente foi propiedade do padrastro de Walt, Brian Porter. É deixado atrás na illa cando Michael e Walt logran abandonala. É entregado a Shannon por Walt e permanece baixo o seu coidado ata que é asasinada. Posteriormente é visto acompañando a Sun. Durante os caóticos saltos no tempo, Vincent acaba con Rose e Bernard en 1974. Viven nunha cabana na xungla durante tres anos ata que son atopados por Sawyer, Juliet e Kate. Vincent é visto por última vez a carón de Jack cando este morre das súas feridas.
Neil "Frogurt" Sean Whalen 5, 6 4
Neil é mencionado por primeira vez cando Bernard estaba tratando de facer unha gran sinal de S.O.S con rochas negras. Tamén sae en "The Adventures of Hurley and Frogurt". Na serie aparece na estrea da quinta tempada, "Because You Left" e "The Lie". Está na lancha motora con Daniel Faraday cando a illa viaxa no tempo. Morre en 1954 cando é disparado por unha frecha en chamas no peito e nas costas.

Os Outros[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Os Outros (Lost).
Nome Actor/Actriz tempada(s) Nº de episodios
Jacob Mark Pellegrino / Kenton Duty (Jacob de neno) 5, 6 11
Jacob é a maior autoridade dos Outros. Residiu na illa durante preto de dous mil anos e no momento da chegada dos viaxeiros de Oceanic atopábase nunha cámara do pé da estatua de Tawaret, que é o único anaco que resta da estatua orixinal. A historia de Jacob revélase no episodio "Across the Sea", que ten lugar no ano 44, e que tamén revela que o misterioso Home de Negro ("Monstro de fume") é o seu irmán xemelgo que asumiu a súa forma sobrenatural despois dunha pelexa con Jacob. Jacob é o protector da illa, e é capaz de visitar e falar con varios superviventes do voo 815 antes da súa chegada. Semella que lle concedeu a inmortalidade a Richard Alpert tocándolle no ombreiro (episodio "Ab Aeterno"). Ben dille a John Locke que el pode comunicarse con Jacob, pero máis tarde revélase que está mentindo por vergoña pola súa incapacidade de facelo, a pesar de ser líder dos Outros. A figura da cabana misteriosa, que reacciona violentamente coa lanterna de John Locke e que despois lle di ó propio Locke "Axúdame", semella ser nun primeiro momento Jacob; porén, dáse a entender que puido ser o seu irmán, atrapado na illa na súa forma de "monstro de fume" que trataba de artellar a caída de Jacob. O Home de Negro ten a capacidade de adoptar a aparencia das persoas mortas na illa, e a través dunha elaborada serie de eventos manipula a Ben para que mate a Jacob; isto representa unha "violación" da "regra" que existía entre os dous irmáns de non prexudicarse o un ó outro. Porén, Jacob volve como pantasma á illa e comunícase con Hurley. Ó cabo a pantasma de Jacob lega o control da illa o seu sucesor, Jack Shephard.
Alexandra Rousseau Tania Raymonde 2, 3, 4, 5, 6 21
Alexandra Rousseau é a filla de Danielle Rousseau que foi secuestrada polos Outros dezaseis anos antes do accidente do voo 815. Ben é enviado por Widmore a matar a Danielle e á súa filla, pero el non é quen de facelo e acaba levando a Alex canda si. Ela axuda ós superviventes en numerosas ocasións e finalmente deserta dos Outros. Sae cun rapaz chamado Karl, malia que Ben trata de mantelos apartados porque ela podería morrer de quedar embarazada. Ela é secuestrada e executada por Keamy diante de Ben.
Mikhail Bakunin Andrew Divoff 3, 6 9
Mikhail Bakunin vive e traballa na estación Dharma "Chama", e é responsable das comunicacións dos Outros co mundo exterior. É recoñecible polo seu único ollo e por levar un parche negro no outro. É capturado por un grupo dos superviventes do voo 815. Afirma coñecer a Locke do pasado. É responsable da morte de Charlie, anegando unha habitación da estación submarina "Espello", afogando a Charlie que estaba dentro e matándose a si mesmo no proceso. Nun 2004 alternativo, traballa con Martin Keamy como intérprete e ten ambos ollos, pero é asasinado por Jin.
Karl Martin Blake Bashoff 3, 4 11
Karl Martin é o mozo de Alex. Nun intento de evitar que Karl deixase embarazada a Alex, Ben encérrao ata que é rescatado por Kate e Sawyer. Máis tarde, únese ós superviventes e avísaos dun ataque inminente dos Outros. É asasinado polos mercenarios do cargueiro Kahana na cuarta tempada.
Bea Klugh April Grace 2, 3 3
Beatrice Klugh visita a Michael durante a súa estancia cos Outros e preséntase cando capturan a Jack, Kate e Sawyer. Na terceira tempada, na estación Dharma da "Chama", é atopada por Sayid, Locke e Kate polo que Mikhail mátaa para previr que se convertese nunha prisioneira.
Dogen Hiroyuki Sanada 6 4
Dogen é un dos líderes dos Outros que viven no Templo. Só fala xaponés, pero tamén coñece o inglés. Segundo Dogen, non o fala porque non lle gusta "o sabor das verbas inglesas" polo que usa un intérprete. Trata de acabar con Sayid debido ó que el chama unha "infección", pero é Sayid o que acaba con el. Antes de chegar á illa era banqueiro, pero cando case perde ó seu fillo debido á un terrible accidente mentres conducía bébedo, Jacob ofrécese a salvalo se Dogen vai á illa. É afogado por Sayid, que daquela estaba do bando do Home de Negro.
Danny Pickett Michael Bowen 2, 3 7
Danny Pickett é un violento membro dos Outros que supervisa o traballo de Kate e Sawyer mentres estes son prisioneiros. Está casado cunha muller chamada Colleen, que é disparada por Sun. Enfurecido, Pickett descarga a súa rabia en Sawyer ata o punto de que case o mata, pero Juliet intervén disparando a Pickett.
Eloise Hawking Fionnula Flanagan (maior), Alice Evans (madurez), Alexandra Krosney (rapaza) 3, 5, 6 10
Eloise Hawking é a coidadora do "Poste de Luz", unha estación Dharma do mundo exterior que pode atopar a localización da illa. Antes de ser revelada como tal, ela foi unha empregada de xoiaría que urxe a Desmond a que non case con Penny, e explícalle a natureza das viaxes no tempo. Posteriormente, no mosteiro onde vive brevemente Desmond, ela aparece nunha fotografía da oficina do monxe xefe. Eloise é a nai de Daniel Faraday, sendo o pai Charles Widmore, e ó igual que Widmore foi un antigo membro dos Outros. O rato que Daniel adestra para resolver un labirinto en presenza de Desmond é nomeado coma ela. Instrúe a Jack, Sun e Ben sobre o xeito de volver á illa. En 1977, ela é responsable da morte do seu propio fillo, disparándolle polas costas cando este estaba a apuntar cunha arma a Richard Alpert.
Ethan Rom William Mapother 1, 2, 3, 5, 6 15
Dr. Ethan Rom é o fillo de Amy e Horace Goodspeed, e medrou no seo da Iniciativa Dharma nos anos 70. Despois de que a organización fose purgada polos Outros, Ethan únese a eles. Cando o voo 815 estrélase na illa, preséntase como un supervivente do accidente ata que é descuberto por Hurley. Chegados a ese punto secuestra a Claire e a Charlie, tratando sen éxito de acabar coa vida deste último. Claire é rescatada, e Charlie acaba con Ethan en "Homecoming". O seu nome é un anagrama de "Other Man", (outro home)[13] Na liña de tempo alternativa, conserva o nome dos seus pais e examina a Claire cando ten problemas co embarazo.
Goodwin Stanhope Brett Cullen 2, 3, 4 5
Goodwin Stanhope está casado cunha terapeuta dos Outros, Harper Stanhope. Ten unha aventura con Juliet, e choca con Ben porque el tamén está namorado de Juliet. Motivado polos celos, Ben envía a Goodwin na misión de infiltrarse entre os superviventes da sección de cola. Cando a identidade de Goodwin sae á luz, Ana Lucia enfróntase a el e mátao.
Lennon John Hawkes 6 3
Lennon é un dos outros que se refuxia no Templo. Actúa como tradutor de Dogen e foi asasinado por Sayid logo de ignorar o ultimato traído polo Home de Negro
Tom Friendly M. C. Gainey 1, 2, 3, 4 20
Tom Friendly é a segunda persoa dos Outros que coñecen os superviventes cando secuestra a Walt da balsa. Máis tarde actúa como elo de unión entre as dúas faccións, empregado unha barba falsa para disfrazarse. Despois de que Michael abandone a illa, Tom recrútao como espía no cargueiro de Widmore. É asasinado por Sawyer na terceira tempada. No episodio "Meet Kevin Johnson" revélase que é homosexual.
Ryan Pryce Brian Goodman 3 3
Ryan Pryce é o xefe de seguridade dos Outros despois da morte de Danny Pickett. Ben asígnalle o mando dun equipo coa misión de secuestrar a tódalas mulleres dos superviventes. O seu equipo é emboscado por Sayid, Jin e Bernard, pero as tornas voltan é os tres son capturados. Morre cando Hurley o atropela coa furgoneta da Iniciativa Dharma.

Membros da Iniciativa Dharma[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Iniciativa Dharma.
Nome Actor/Actriz tempada(s) Nº de episodios
Amy Reiko Aylesworth 5 3
Unha membro da Iniciativa Dharma cuxo marido foi asasinado polos Hostís. Sawyer e Juliet interviron e salvaron a vida de Amy. Tres anos despois, Amy casa con Horace Goodspeed e queda embarazada. Cando xurdiron complicacións durante o parto, Juliet viuse forzada a intervir e facer unha cesárea. O seu neno chámase Ethan.
Phil Patrick Fischler 5 9
Phil é un subordinado de Sawyer (baixo o sobrenome de LaFleur) e traballa como persoal de seguridade para a Iniciativa Dharma. Phil descobre a Sawyer e Kate entregando a Ben (de neno) ós Hostís, polo que Sawyer átao na súa casa. É descuberto por Radzinsky e axuda a extraer información de Sawyer. Phil morre durante o incidente na estación "Cisne", cando, durante un intento no derradeiro minuto para obter vinganza e matar a Sawyer, varias pezas de metal son arrastradas pola enerxía electromagnética e empálano.
Pierre Chang François Chau[14] 2, 3, 4, 5, 6 18
É o científico que sae nos filmes de orientación da Iniciativa Dharma, a quen tamén se lle coñece Marvin Candle, Mark Wickmund e Edgar Halliwax. na quinta tempada revélase que é o pai de Miles Straume. Daniel Faraday convénceo de que o seu grupo provén do futuro, e consegue que se deteña a perforación na Estación Cisne. Porén, Radzinsky anúlao, o brazo de Chang lesiónase cando a enerxía electromagnética se libera. Miles salva a vida do seu pai cando o brazo do seu pai é esmagado debaixo dun compoñente metálico. Nos Flash Sideways de 2004, Miles menciona o traballo do seu pai nun museo, e Chang fala nun xacemento arqueolóxico e dálle a Hurley Reyes un trofeo conmemorativo.
Gerald e Karen DeGroot Michael Gilday e Courtney Lavigne 2 4
Unha parella de doutores da Universidade de Míchigan, que reciben fondos da Fundación Hanso en 1970 para crear a Iniciativa Dharma na illa.
Horace Goodspeed Doug Hutchison 3, 4, 5 7
O líder da Iniciativa Dharma na illa durante os anos 70. Aparece por primeira vez xunto con Roger Linus no aniversario do seu fillo Ben, e é o que recruta a Roger para a Iniciativa. Horace ten un romance con Amy, con quen ten un fillo chamado Ethan. Horace mantén relacións cordiais cos Outros, liderados por Richard Alpert. Horace morre durante a Purga, un evento artellado polos Outros que acabou coa maioría dos membros da Iniciativa Dharma empregado gas velenoso. Aparece nas visións de Locke anos despois.
Alvar Hanso Ian Patrick Williams 2 1
Un antigo vendedor de armas, é o enigmático líder danés da Fundación Hanso. Hanso brevemente no vídeo de orientación "Orientation". O navío 'Black Rock que encallou na illa en 1867 parece ter unha relación co esta personaxe, porque o seu capitán chamábase "Hanso".
Kelvin Joe Inman Clancy Brown 2 3
Kelvin é un operario de intelixencia do goberno dos Estados Unidos, e é o responsable de que Sayid torturas ó seu antigo comandante en Iraq. Posteriormente, Kelvin únese á Iniciativa Dharma e opera na Estación Cisne ata Desmond o mata accidentalmente.
Roger Linus Jon Gries 3, 5, 6 7
O pai alcohólico de Ben e un empregado da Iniciativa Dharma. É distante e cruel con Ben, recriminándolle a miúdo a morte da súa nai durante o parto. Ben mátao durante a Purga. Hurley descobre o seu corpo na furgoneta azul no episodio "Tricia Tanaka Is Dead". No sideways de 2004, Roger vive con Ben nos Ánxeles e precisa dunha bombona de osíxeno porque sofre dun efisema.
Stuart Radzinsky Eric Lange 5 7
Radzinsky é o xefe de investigación da Iniciativa Dharma. Nos anos 70 traballou na Estación Chama e deseñou o Cisne. Anos despois vivirá no Cisne e premerá o botón cada 108 minutos xunto con Kelvin Joe Inman. Kelvin afirmou que Radzinsky suicidouse poñendo unha escopeta na boca.

Widmore e empregados[editar | editar a fonte]

Nome Actor/Actriz tempada(s) Nº de episodios
Charles Widmore Alan Dale (vello); Tom Connolly (rapaz); David S. Lee (madurez) 2, 3, 4, 5, 6 19
Penelope "Penny" Hume Sonya Walger 2, 3, 4, 5, 6 14
Matthew Abaddon Lance Reddick 4, 5 4
Naomi Dorrit Marsha Thomason 3, 4, 5 12
Martin Keamy Kevin Durand 4, 5, 6 12
Capitán Gault Grant Bowler 4 3
Omar Anthony Azizi 4, 6 7
Zoe Sheila Kelley 6 5
George Minkowski Fisher Stevens 4, 6 6

Outras personaxes[editar | editar a fonte]

Nome Actor/Actriz tempada(s) Nº de episodios
Aaron Littleton Varios; William Blanchette (Toddler) 1, 2, 3, 4, 5, 6 54
Anthony Cooper Kevin Tighe 1, 2, 3, 6 7
Bram Brad William Henke 5, 6 7
Caesar Saïd Taghmaoui 5 4
Christian Shephard John Terry 1, 2, 3, 4, 5, 6 19
Diane Janssen Beth Broderick 1, 2, 3, 4 5
Nour Abbed (Nadia) Jazeem Andrea Gabriel 1, 2, 3, 4, 5, 6 8
Jae Lee Tony Lee 2, 3 3
Cassidy Phillips Kim Dickens 2, 3, 5 4
Danielle Rousseau Mira Furlan; Melissa Farman (rapaza) 1, 2, 3, 4, 5, 6 26
Sarah Shephard Julie Bowen 1, 2, 3 5
Geronimo Jackson
Personaxes Nacionalidade
Jack Shepard
Kate Austin
James "Sawyer" Ford
Claire Littleton Australia
Sayid Jarrah
Richard Alpert Canarias
Sun-Hwa Kwon
Jin-Soo Kwon
Charlie Pace
Penny Widmore
Desmond Hume Escocia
Mr. Eko
Danielle Rousseau Francia
Nikki Fernandez
Paulo

Personaxes menores[editar | editar a fonte]

Nome Actor/Actriz Relación Nº de
episodios
Sam Austen Lindsey Ginter Padrastro de Kate, captor de Sayid 2
Tom Brennan Mackenzie Astin (adulto)
Tanner Maguire (neno)
Mozo de Kate en secundaria 2
Dr. Douglas Brooks Bruce Davison Doutor de Hurley 2
Rachel Carlson Robin Weigert (adulta)
Savannah Lathem (nena)
Irmá de Juliet 3
Teresa Cortez Rachel Ticotin Nai e xefa de Ana Lucia 2
Chrissy Meilinda Soerjoko Axente de viaxe dalgúns superviventes 3
JD John Dixon Azafata do voo 815 de Oceanic 3
Charlie Hume Marvin DeFreitas Fillo de Desmond e Penny 3
Wayne Janssen James Horan Pai biolóxico de Kate 1
Omer Jarrah Cas Anvar (adulto)
Xavier Raabe-Manupule (neno)
Irmán de Sayid 2
Mary Jo Brittany Perrineau Moza de Sawyer, vendedora de lotería de Hurley 3
Mr. Kwon John Shin Pai de Jin, sogro de Sun 2
Nurse Susie Lazenby Grisel Toledo Enfermeira de Hurley 3
Carole Littleton Susan Duerden Nai de Claire, avoa de Aaron 4
Lindsey Littleton Gabrielle Fitzpatrick Tía de Claire 2
Susan Lloyd Tamara Taylor Moza de Michael, nai de Walt 2
Emily Annabeth Locke Swoosie Kurtz (adulto)
Holland Roden (adolescente)
Nai de Locke 2
Richard Malkin Nick Jameson Psíquico de Claire, coñecido de Mr. Eko 2
Jason McCormack Aaron Gold Atacante de Ana Lucia e posterior vítima 2
Michael's mother Starletta DuPois Nai de Michael, avoa de Walt 2
Michelle Michelle Arthur Azafata do voo 815 de Oceanic 3
Ray Mullens Nick Tate Patrón de Kate 1
Randy Nations Billy Ray Gallion Supervisor de Locke, antigo supervisor de Hurley 5
Helen Norwood Katey Sagal Moza de Locke 4
Andrea (Nurse) Julie Ow Enfermeira de Locke, compañeira de traballo de Jack 2
Liam Pace Neil Hopkins (adulto),
Zack Shada (neno)
Irmán de Charlie 5
Megan Pace Múltiples Sobriña de Charlie 2
Simon Pace Robin Atkin Downes,
John Henry Canavan
Pai de Charlie 2
Ji Yeon Kwon Jaymie Kim Filla de Sun e Jin 3
Woo-Jung Paik Byron Chung Pai de Sun, xefe de Jin 4
Mrs. Paik June Kyoko Lu Nai de Sun 4
Carmen Reyes Lillian Hurst Nai de Hurley 6
David Reyes Cheech Marin Pai de Hurley 3
Adam Rutherford sen acreditar Pai de Shannon, padrastro de Boone, paciente de Jack 2
David Shephard Dylan Minnette Fillo de Jack nos flash-sideways 4
Margo Shephard Veronica Hamel Nai de Jack 3
Marc Silverman Zack Ward Amigo de Jack 2
Leonard Simms Ron Bottitta Amigo de Hurley 2
Big Mike Walton Michael Cudlitz Compañeiro de Ana Lucia, interrogador de Hurley 2
Yemi Adetokumboh M'Cormack Irmán de Mr. Eko 4
Kevin Callis Nathan Fillion Marido de Kate 1

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Goddard, Drew (guionista) & Vaughan, Brian K. (guionista) & Williams, Stephen (director), "Confirmed Dead". Lost, ABC. Episodio 2, tempada 4. Aired on February 7, 2008.
  2. Keck, William (July 25, 2009). "Nestor Carbonell Becomes Lost Season Regular". TV Guide. Arquivado dende o orixinal o 28 de xullo de 2009. Consultado o July 26, 2009. 
  3. O'Connor, Mickey (January 12, 2010). "Lost: Harold Perrineau, Cynthia Watros to Return for Final Season". Seattle Post Intelligencer. Arquivado dende o orixinal o 28 de marzo de 2019. Consultado o January 12, 2010. 
  4. Malcom, Shawna (May 30, 2008). "Harold Perrineau Dishes on his Lost Exit (Again)". TV Guide. Arquivado dende o orixinal o 31 de maio de 2008. Consultado o May 30, 2008. 
  5. Godwin, Jennifer (July 25, 2009). "Everything You Need to Know From the Lost Events at Comic-Con". E!. Consultado o July 26, 2009. 
  6. Terry, Paul; Tara Bennett (2010). Lost Encyclopedia. Dorling Kindersley. ISBN 0-7566-6594-9.  Page 85
  7. Keck, William (January 7, 2010). "The End of Heroes?". TV Guide. Arquivado dende o orixinal o 10 de xaneiro de 2010. Consultado o January 7, 2010. 
  8. Memmott, Carol, (May 2, 2006) "Bad Twin is Lost in Translation", USA Today. Retrieved on June 5, 2006.
  9. Lee, Felicia R., (May 27, 2006) "Bad Twin, a Novel Inspired by Lost, Makes the Bestseller Lists", The New York Times. Retrieved on October 21, 2007.
  10. Tsai, Michael, (November 11, 2004) "It's Doggone Great Being Part of Lost Arquivado 21 de agosto de 2014 en Wayback Machine.," Honolulu Advertiser. Retrieved on July 29, 2006.
  11. Shawna Malcom. "Lost: The Ultimate Guide" TV Guide Vol. 53, No. 5, January 30, 2005, Pg. 22-28,
  12. Nichols, Katherine, (March 25, 2007) "Chewing the Scenery Arquivado 14 de xuño de 2008 en Wayback Machine.," Honolulu Star Bulletin. Retrieved on March 30, 2007.
  13. Keck, William (February 11, 2005). "Evil Ethan of 'Lost' booted off the island". USA Today. Consultado o April 28, 2010. 
  14. Lachonis, Jon "DocArzt," (April 25, 2007) "Lost's Dr. Marvin Candle, Francois Chau, Reveals All! Arquivado 27 de outubro de 2007 en Wayback Machine.," BuddyTV/ The Tailsection. Retrieved on October 27, 2007.