Lirio (peixe)

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lirios.

O lirio ou mexete (Micromesistius poutassou, Risso, 1827) é un peixe da familia dos gádidos.

Descrición[editar | editar a fonte]

A cor do dorso é gris azulenta, atenuándose gradualmente ata a cor brlanca no ventre, cunha pequena mancha negra na base da aleta pectoral ás veces ausente. A lonxitude máxima habitual é duns 22 cm, aínda que se atoparon exemplares de 50 cm (FishBase). A liña lateral é continua ó longo de todo o corpo.

Tres aletas dorsais moi separadas, sen espiñas pero con 24-28 radios brandos; a separación entre a segunda e terceira aletas dorsais é maior que a lonxitude da base da primera dorsal, e esta característica permite diferenciar esta doutras especies de gádidos. A aleta anal posúe 33-39 radios brandos.

Hábitat e bioloxía[editar | editar a fonte]

Distribución da especie

Trátase dunha especie batipeláxica (propia das zonas máis profundas do mar) e oceanódroma (migratoria só en augas salgadas). Vive a profundidades de entre 150 e 3.000 m, aínda que o habitual é entre 300 e 400 m, en augas temperadas do Atlántico Norte, e entre os 79° e os 26° de latitude Norte.

Aliméntase fundamentalmente de pequenos crustáceos, aínda que os individuos de maior tamaño tamén son depredadores de pequenos peixes e cefalópodos.

O lirio é obxecto de pesca e aproveitamento comercial, se ben acadan prezos relativamente baixos. Segundo a Plataforma Tecnolóxica da Pesca Pesca de Galicia.com [1] as capturas de lirio foron moi irregulares nos últimos anos, alcanzando cifras de descarga nas lonxas galegas de 17.000 toneladas en 2009, 9.000 en 2010, só 1.270 en 2011 para volver a ascender ata case as 6.000 toneladas en 2012. Os prezos en lonxa oscilaron ó redor de 1 euro/kg durante todos estes anos.

O lirio en Galicia[editar | editar a fonte]

Selo das illas Feroe representando un banco de lirios.

Ríos Panisse descarta que o nome veña da planta chamada lirio ou do roedor do mesmo nome. Supón que procederá do galego lirio co significado de viscosidade, limo, sucidade, e que o nome do peixe sería unha elipse de peixe de lirio (é dicir, peixe do limo).

Eladio Rodríguez cita a crenza errónea de Cornide de que o lirio era o salmón desovado, ó que chamaba zancudo.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • RÍOS PANISSE, M. Carmen: Nomenclatura de la flora y fauna marítimas de Galicia (Invertebrados y peces). Anejo 7 (1977) de Verba.

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Lirio
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Lirio