Liocarcinus corrugatus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Liocarcinus corrugatus
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Arthropoda
Subfilo: Crustacea
Clase: Malacostraca
Orde: Decapoda
Suborde: Pleocyemata
Infraorde: Brachyura
Superfamilia: Portunoidea
Familia: Portunidae
Xénero: Liocarcinus
Especie: L. corrugatus
Nome binomial
Liocarcinus corrugatus
(Pennant, 1777)
Sinonimia
Véxase o texto

O cangrexo rugoso[1], tamén chamado nécora francesa, nácura francesa ou nocra francesa[2][3] (Liocarcinus corrugatus, Pennant 1777), é unha especie de crustáceo decápodo braquiúro da familia dos portúnidos, moi abundante nas rías galegas.[4]

Taxonomía[editar | editar a fonte]

A especie foi descrita por primeira vez en 1777 polo naturalista galés Thomas Pennant, que a designou co nome de Cancer corrugatus.[5]

Ao longo da súa historia, e antes de ser situada dentro do xénero Liocarcinus, foi coñecida polos sinónimos seguintes:[5]

  • Cancer corrugatus Pennant, 1777 (basónimo)
  • Cancer pellitus Forskål, 1775
  • Polybius (Necora) corrugatus (Pennant, 1777)
  • Portunus borradailei Bennett, 1930
  • Portunus leachii Risso, 1827
  • Portunus strigilis Stimpson, 1858
  • Portunus corrugatus Pennant.[6]

Características[editar | editar a fonte]

As principais características anatómicas externas de Liocarcinus corrugatus son:[4][2]

  • Cacho trapezoidal, máis ou menos avultado, coas rexións bastante ben definidas, e un pouco máis largo que longo (até uns 5 cm de longo e 6 de largo), e coloración vermella intensa, frecuentemente con puntos amarelos ou violáceos, e con pequenas sedas rosas ou amarelas. A coloración do lado ventral é rosada.
  • Superficie dorsal con numerosas quillas ou liñas transversais paralelas, saíntes, formadas pola agrupación de escamas provistas de curtas sedas que, ao tacto, parecen de veludo.
  • A rexión frontal un pouco proxectada cara a adiante, con tres lóbulos, os dous laterais moi anchos, de marxes finamente granulosas.
  • A marxe anterolateral do cacho con cinco dentes prominentes, máis ou menos agudos e de similar tamaño.
  • Primeiro par de patas, ou quelípdos, robustos, desiguais (a pinza esquerda é algo máis grande que a dereita), cunha grade espiña na marxe interna do carpo. As patas do segundo ao cuarto par iguais e algo máis longas que os querlípodos, robustas, coas marxes moi sedosas. As do quinto par son as máis curtas, co dáctilo algo apanado, e de forma lanceolada, case oval, adaptado para a natación.
  • Abdome triangular no macho, cos segmentos cuarto e quinto soldados; o da femia é máis ancho e arredondado, con sete segmentos libres.

Hábitat e distribución[editar | editar a fonte]

Común nos fondos detríticos, areosos ou rochosos desde os 10 até os 50 m de profundidade.[4][2]

Distribúese polo Atlántico oriental, desde as illas Británicas até Guinea-Bissau e Angola[7], incluíndo as illas Azores, Canarias e do Cabo Verde, e en todo o mar Mediterráneo. Tamén se ten citado nos océanos Índico e Pacífico.[5][2][7]

En Galicia[editar | editar a fonte]

Nas rías de Galicia é común en fondos de area, nos lombos, nos cantís e nas praias, e en zonas de area e pedras dispersas, abundado baixo as bateas mexilloeiras. En xeral, é mais abundante nas zonas das rías de maior influencia oceánica. Dado o seu interese comercial, péscase, empregando sobre todo o bou de vara e traballando pola noite, xa que durante o día este cangrexo permanece enterrado.[4]

Nomes galegos[editar | editar a fonte]

Non existe aínda un nome vernáculo oficial para a especie. Na bibliografía consultada encontramos as seguintes denominacións:

  • Ríos Panisse rexistra para Portunus corrugatus os nomes de nácura francesa e nácura inglesa (ambas en Escarabote), nécora francesa (en Cambados) e nocra francesa (no Grove).[3]
  • Ramonell, que cita a especie polo sinónimo Macropipus corrugatus, denomínaa nécora francesa, admitindo como sinónimos nácula inglesa, nocra francesa e conguito.[2]
  • Pola súa parte, González Gurriarán e Méndez apuntan jaiba rubia, nécora francesa e conguito.[4]
  • Finalmente, Lahuerta e Vázquez danlle o nome de nécora de nós, adaptando sen dúbida o nome castelán que eles apuntan no seu Vocabulario, que é nécora nudosa.[8]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. VV. AA. (2012): Dicionario de alimentación e restauración, pax. 65. Termigal. Xunta de Galicia. Real Academia Galega. ISBN 978-84-453-5056-0
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 2,4 Ramonell, R. (1985), pp. 252-253.
  3. 3,0 3,1 Ríos Panisse, Mª C. (1977), p. 47.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 González Gurriarán, Eduardo e Matilde Méndez G. (1985), pp. 84-85.
  5. 5,0 5,1 5,2 Liocarcinus corrugatus (Pennant, 1777) no WoRMS.
  6. Portunus corrugatus[Ligazón morta] no Zipcodezoo.com
  7. 7,0 7,1 Manning, R. B. & Holthuis, L. B. (1981): Africa Brachyuran Crabs (Crustacea: Decapoda). Smithsonian Contributions to Zoology, Number 306, Smithsonian Institution Press. Washington, USA.
  8. Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000), p. 210.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • González Gurriarán, E. e Méndez, M. (1985): Crustáceos decápodos das costas de Galicia. I. Brachyura. Publicacións do Seminario de Estudos Galegos. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-7492-242-9.
  • Lahuerta, F. e Vázquez, F. X. (2000): Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos. Santiago: Xunta de Galicia. ISBN 84-453-2913-8.
  • McLaughlin, P. A.; Lemaitre, R. & Sorhannus, U. (2007): "Hermit crab phylogeny: a reappraisal and its “fall-out”". Journal of Crustacean Biology, 27 (1): 97-115. Resume
  • Türkay, M. (2001): "Decapoda" en: Costello, M. J. et al. eds. (2001): European register of marine species: a check-list of the marine species in Europe and a bibliography of guides to their identification. París: Muséum national d'Histoire naturelle. Collection Patrimoines Naturels, 50: 284-292. ISBN 2-85653-538-0.
  • Ramonell, R. (1985): Guía dos mariscos de Galicia. Vigo: Editorial Galaxia. ISBN 84-7154-506-3.
  • Ríos Panisse, Mª C. (1977): Nomenclatura de la flora y la fauna marítimas de Galicia. I. Invertebrados y peces. Verba, Anejo 7. Santiago de Compostela: Universidad de Santiago de Compostela. ISBN 84-7191-008-X.

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]