Desenvolvemento da linguaxe

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Linguaxe infantil")

Chámase desenvolvemento da linguaxe ao proceso polo cal os seres humanos adquiren a capacidade de comunicarse verbalmente. Este desenvolvemento prodúcese nun período que se sitúa dende os primeiros meses de vida ata a adolescencia, en sentido estrito, xa que durante os primeiros cinco anos é cando ten lugar a maior velocidade de aprendizaxe e se adquiren os instrumentos básicos para o seu dominio. É este un período fundamental pero o desenvolvemento da linguaxe non ten fin, xa que constantemente se produce un aumento de vocabulario e un enriquecemento con novas achegas expresivas.

Condicionantes[editar | editar a fonte]

Para que teña lugar este desenvolvemento son necesarias unha serie de condicións:

  • ausencia de lesión nos órganos implicados (aparato fonador, sistema auditivo etc.);
  • correcto funcionamento e maduración axeitada do sistema nervioso;
  • capacidade intelectual;
  • motivación, é dicir, desexo de comunicación coas persoas que o rodean, (esta capacidade estaría ausente nos nenos autistas) etc.

A intervención do adulto é fundamental, xa que é o responsable de darlles unha armación ós progresos do neno, axudándoo a alcanzar de xeito lúdico os diferentes niveis. O seu apoio é inversamente proporcional ás necesidades do neno, e prodúcese en situacións espontáneas, carentes de intencionalidade, caracterizadas polo gozo entre ámbolos dous. Moi pronto prodúcese no neno a motivación e intento comunicativo, feito que se denomina ‘protoconversa’. Son diálogos moi primitivos, caracterizados polo contacto ocular, sorrisos, gorgolexos e alternancia das expresións. Podemos atopar este tipo de conduta xa en nenos de dous meses.

Teorías explicativas[editar | editar a fonte]

Actualmente non existe ningunha teoría universalmente aceptada como explicativa da adquisición da linguaxe. Pódense destacar tres tendencias:

  1. O innatismo (Noam Chomsky, D. McNeill, D. I. Slobin etc.), que sostén que o papel do ambiente é o desencadeante de estruturas xa establecidas e inscritas no organismo;
  2. O construtivismo, que sostén que a linguaxe resulta da acción construtiva do suxeito, posibilitada polo desenvolvemento da función simbólica e doutros aspectos cognitivos;
  3. Comunicación e interacción: son aspectos destacados polas teorías que resaltan o papel do contorno (Lev Vygotski, Burrhus Skinner). As etapas polas que atravesa o desenvolvemento da linguaxe están suxeitas a certa flexibilidade en función das características dos nenos, o que dificulta a súa delimitación exacta no tempo; non obstante, son bastante similares, mesmo entre nenos de diferentes culturas.

Descricións[editar | editar a fonte]

A descrición das súas características pódese facer tendo en conta, por separado, as tres dimensións básicas da linguaxe (forma, contido e uso), sempre considerando o seu carácter arbitrario xa que as adquisicións fanse nos tres niveis a un tempo:

Dimensión formal[editar | editar a fonte]

Adquisición do vocabulario e sintaxe (aspecto formal): durante os seus primeiros meses, o neno presta atención a algúns sons, reacciona á voz e á cara e produce actividades bucofonatorias que aparecen nos estados de vixilia. É o que se coñece como ‘balbucidos’. Para algúns investigadores, estes sons prodúcense como consecuencia de exercicios motóricos incontrolados. Pola contra, para outros son a base do desenvolvemento das posteriores habilidades que conducen á fala. Os nenos, nos seus balbucidos, profiren sons parecidos á linguaxe, pero carentes de sentido. Poden pertencer a calquera idioma, xa que non é ata aproximadamente o ano cando se fan selectivos, e emiten só aqueles que corresponden á súa lingua materna. Para algúns autores, as primeiras vocalizacións son articulacións profundas da cavidade bucal difíciles de analizar, xa que a oposición consoante/vogal non pode ser discriminada. Funcionalmente, non son vocais nin consoantes; articulatoriamente, son combinacións simultáneas.

A partir dos seis meses prodúcese un balbucido constante, con control auditivo, curvas de entoación, ritmo e ton de voz variados e imitación recíproca de sons. A simple repetición deixa paso a unha nova modalidade de intercambios. As emisións propias e alleas estimulan o neno. Iníciase a etapa da ecolalia. Neste período pódese distinguir entre expresións vocais e verbais. As primeiras fan referencia a sons sen significación, e as segundas anticipan os repertorios de sons correspondentes á lingua materna.

Entre os 12-18 meses, ten lugar un profundo desenvolvemento fonolóxico (os primeiros fonemas: /m/, /p/, /b/, /t/, /d/, /l/, /n/ e as vogais); aparecen as primeiras palabras, que adoitan ser monosílabos reduplicados (mama, papa, tata) e palabras onomatopeicas, é dicir, designan os obxectos polo ruído que fan (guauguau = "can"). Estas primeiras palabras, que normalmente son substantivos, responden a estados afectivos e teñen un significado máis amplo que a simple referencia. Con elas exprésase todo o significado dunha frase. Esta é unha característica do vocabulario infantil; son as chamadas palabras-frase, que dan nome a esta etapa: período holofrásico. Así, por exemplo, pode dicir papa, cando ve o seu pai, cando o seu pai sae ou cando ve un obxecto que lle pertence. A súa articulación dos fonemas da linguaxe aínda non é a correcta, e poden aparecer confusións (dopo por roto, ti por si etc.), e omisións, por non pronunciar tódalas sílabas (apato por zapato, ota por pelota). A súa comprensión é mellor cá súa expresión; comprenden máis linguaxe da que poden usar. Utilizan a linguaxe, fundamentalmente, para pedir algo que satisfaga as súas necesidades ou para reclama-la atención do adulto.

A partir dos dezaoito meses prodúcese un considerable aumento de vocabulario, constrúe frases de dous elementos, empeza a emerxe-la gramática e a lingua adquire novos usos. O tipo de linguaxe defínese como estilo telegráfico. Estas primeiras combinacións de dúas palabras están formadas, fundamentalmente, por substantivos e verbos, por exemplo: quero auga. Non utilizan as chamadas palabras funciónais: artigo, preposición, verbo auxiliar etc. Inclúen só as palabras esenciais: un sintagma nominal e un sintagma verbal. A gramática empregada segue o seu propio sistema, non é unha simple copia do adulto. Adoitan combina-las palabras para expresa-lo significado en función dunha serie de relacións: axente/acción, acción/obxecto, axente/obxecto, entidade/atributo, entidade/locativo, posuidor/posuído e o caso nominativo. Ata agora a adquisición de vocabulario era relativamente lenta, pero neste período vaise facer moito más rápida, podendo pasar, aproximadamente, das 50 palabras a máis de 200 ós dous anos. Aparecen novas funcións da linguaxe: utilízaa para explora-lo contorno e aprender e para crear un ambiente de fantasía e imaxinación.

No terceiro ano (período da linguaxe constituída) continúa o desenvolvemento léxico (ata aproximadamente 1000 palabras) e fonolóxico: sons, sílabas complexas, aspecto e tempo verbal, pronomes (aínda que convén distinguir entre os persoais e os de terceira persoa: estes últimos adquírense máis tarde e, inda que antes dos tres anos xa poden estar utilizando pronomes persoais, posesivos, reflexivos e demostrativos, en realidade a maioría non se adquiren ata pasar esta idade), adverbios (coma os de lugar e cantidade; os de tempo son máis tardíos), algunhas preposicións e artigos (que implican a integración da información de xénero, número e carácter específico ou referente do nome). Utilizan a interrogativa e a negativa coma os adultos, á simple xustaposición utilizada ata o momento, séguelle, ós tres anos, a coordinación mediante conxuncións, e as subordinadas, que van introducidas por ‘é’, como, por exemplo, ‘é que...’, ou precedidas de falsas oracións de relativo, que non aparecerán ata os tres anos e medio. A capacidade para formar plurais, inflexións verbais etc., leva, pola súa vez, o neno a cometer erros: trátase do fenómeno da regularización ou sobrerregularización. Este fenómeno non implica que os nenos cometan erros na adquisición da linguaxe, senón que estes erros xorden porque están aprendendo as regras da súa lingua nativa e aplícanas con inflexibilidade (flexionan os verbos irregulares como regulares: así, se é correcto dicir ‘moído’ tamén o é ‘escribido’), o que parece un atranco na evolución da adquisición da linguaxe é unha evolución na adquisición da gramática (xa que nun primeiro momento o neno empeza usando correctamente as formas irregulares, mais despois, cando aprende as regras, substitúe as formas correctas do verbo irregular polas súas xeneralizacións incorrectas das formas regulares).

A partir dos catro anos aparecen as subordinadas causais e consecutivas, domínanse as inflexións, continúa o desenvolvemento léxico, aumentan as preguntas e xogos de palabras, conclúese o desenvolvemento fonolóxico principal e a frase increméntase en lonxitude e complexidade.

Ós cinco anos obsérvase un considerable aumento de léxico e unha complexidade sintáctica (subordinación, marcas formais, comprensión da pasiva etc.), pero non cambios cualitativos relevantes. O rapaz xa adquiriu as principais estruturas gramaticais da súa lingua, o que non quere dicir que a adquisición da linguaxe finalizara, senón que se prolonga ó longo de toda a escolaridade primaria e mesmo na secundaria, dado que ten que aprender a usa-la súa lingua en diferentes contextos e situacións comunicativas. A pesar de ter adquiridas as regras básicas, non é ata os 8 ou 9 anos cando este proceso se pode dar por acadado.

Dimensión léxica[editar | editar a fonte]

Adquisición do léxico: Os primeiros nomes da fala do neno fan referencia ós obxectos do seu contorno: nomes xerais (comida, roupa etc.) e específicos (persoas familiares). No seu primeiro léxico atópanse abundantes sobreextensións, é dicir, estende o significado ou uso dunha palabra para outros referentes (por exemplo, utiliza o substantivo ‘can’ para calquera animal de catro patas), así como subextensións (obsérvase cando o neno aplica o concepto boneca só á súa boneca ou a algunha en particular).

A explicación das sobreextensión débese, para algúns autores, como Clark (1973), a que o neno categoriza a partir do parecido perceptivo (lugar, forma, tamaño, son etc.). Pola contra, dende unha perspectiva piagetiana, considérase que o neno categoriza a realidade partindo do seu parecido funcional (uso e funcións).

Dende o punto de vista semántico, as oracións de dúas palabras responden ás seguintes relacións: axente/acción (mamá ven), acción/obxecto (corre can), axente/obxecto (mamá comida), entidade/atributo (coche bonito), entidade/locativo (boneca aquí), posuidor/posuído (neno coche) e o caso nominativo (esa boneca). Para Slobin (1895), o neno posúe unhas estratexias cognitivas que lle permiten construír progresivamente a linguaxe de acordo cunhas relacións de forma e significado. A estas estratexias innatas denomínaas ‘principios operacionais’. Identifica dous tipos básicos: os de análise e almaceamento e os de organización morfolóxico-sintáctica.

Competencia comunicativa[editar | editar a fonte]

Adquisición da pragmática (uso da linguaxe): segundo Halliday, o progreso cara ó sistema adulto atravesa por tres fases:

  • A fase I, na que se inclúen seis funcións:
    • a) función instrumental, pola que o neno consegue os obxectos que satisfán as súas necesidades. b) función reguladora, permítelle que alguén faga algo.
    • c) función interaccional, na que a linguaxe é utilizada para a interacción social.
    • d) función persoal, que se utiliza como medio de expresión persoal e para introduci-lo falante no acto da fala.
    • e) función heurística, na que a linguaxe permite explora-lo seu contorno e aprender.
    • f) función imaxinativa, pola que se utilíza a linguaxe para crear un contorno (xogos, narracións etc.);
  • A fase II posúe un carácter transicional e ten as seguintes funcións:
    • pragmática (refírese á linguaxe en canto acción, e procede da función instrumental e da reguladora);
    • matética (é a linguaxe en canto aprendizaxe e procede da persoal e heurística); e, por último, a función
    • ideacional, que contribúe a ámbalas dúas;
  • A fase III constitúe o comezo do sistema adulto. Destácanse tres funcións:
    • a ideacional,
    • a interpersoal e
    • a textual;

Segundo a clasificación proposta por Piaget, entre os dous e os cinco anos a linguaxe do neno caracterízase polo monólogo, ó que segue o monólogo colectivo (nivel I). Dos cinco ós sete anos ten lugar a asociación do interlocutor á acción do pensamento (nivel 2A, primeiro tipo), a pelexa (nivel 2B, primeiro tipo), a colaboración na acción ou no pensamento non abstracto (nivel 2B de segundo tipo), a discusión primitiva (nivel 2B de segundo tipo), a colaboración no pensamento abstracto (nivel 3A), e a partir dos sete anos a discusión verdadeira (nivel 3B).