Linguas otomangues

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Extensión das linguas otomangueanas

As linguas otomangues —tamén chamadas oto-mangues, otomangueanas ou oto-mangueanas— constitúen unha extensa familia lingüística que abrangue varios grupos de linguas amerindias faladas entre o centro de México e Nicaragua, aínda que só sobreviven as linguas otomangueanas que se falan no territorio mexicano. O maior número de falantes desta familia atópase no estado de Oaxaca, os falantes de zapoteco e de mixteco suman xuntos cerca de 1,5 millóns de persoas (case a terceira parte da poboación oaxaqueña). O número total de falantes de todas as variedades xuntas supera os dous millóns.

No Altiplano, as linguas oto-pameanas pertencentes a esta familia contan cunha importante presenza en estados como Hidalgo, Querétaro, México, San Luis Potosí, Tlaxcala, Puebla e Guanajuato, onde existen importantes comunidades falantes de otomí e mazahua, así como pequenos núcleos que conservan outros idiomas desta rama, incluídos o chichimeca, tlahuica, matlatzinca e pame.

Varias linguas otomangueanas encóntranse en perigo de extinción, entre elas, as últimas catro mencionadas no parágrafo anterior. Como exemplo, o ixcateco e o matlatzinca contan cunhas poucas centenas de falantes. Grupos completos, como o mangueano, xa desapareceron.

Historia[editar | editar a fonte]

A familia lingüística otomangueana está presente no sur de México desde polo menos o ano 2000 a. C., aínda que probablemente esta presenza se estenda varios milenios máis atrás no pasado.[1] Empregando o controvertido método glotocronolóxico, propúxose que a data aproximada de ruptura do protootomangue ocorreu arredor do ano 4400 a. C.[2] Suxeriuse que a urheimat otomangueana é o val de Tehuacán (sueste de Puebla), polo que puido estar relacionada con algunhas da culturas neolíticas máis antigas de Mesoamérica.

Aínda que a respecto da localización da urheimat otomangueana hai algunha controversia, parece existir consenso sobre que a cultura de Tehuacán, que se desenvolveu entre o 5000 e 2300 a. C., é expresión arqueolóxica de pobos de fala otomangueana.[3] A análise do vocabulario asociado á agricultura tamén é indicadora de que os pobos que falaron o protootomangue tiveron unha participación relevante na domesticación do millo e outros cultivos, xunto cos falantes de protomixezoque e protomaia.[4]

A longa historia da familia otomangueana deu como resultado unha notable diverxencia lingüística entre os grupos que a compoñen. Terrence Kaufman compara o nivel de diferenciación que existe entre as ramas do tronco otomangueano co que se observa entre os principais grupos das linguas indoeuropeas.[5] Ademais, propón que as linguas otomangueanas poden ser a orixe de varios trazos lingüísticos que se presentan nos idiomas da área lingüística mesoamericana.

Clasificación[editar | editar a fonte]

Historia dos estudos sobre as linguas otomangueanas[editar | editar a fonte]

A familia otomangue está composta de sete ramas: amuzga, chinanteca, mixteca, otopame, popoloca, tlapaneca e zapoteca. A elaboración da descrición desta familia foi un gran logro da lingüística comparativa e histórica. A agrupación destas sete ramas en grupos que engloben varias ramas, incluíndo o intento representado no cadro de abaixo, non conta con moito acordo. De feito, varios autores presentaron reconstrucións intermedias baseadas en 2 ou 3 ramas, pero non está claro por exemplo que existira un proto-otomangue oriental fronte a un proto-otomangue occidental. A reconstrución do sistema fonolóxico do proto-otomangue a partir das sete familias e sen tratar de reconstruír todos os grupos intermedios foi realizada por Rensh (1966).[6]

Localización das linguas otomangues que se falan na actualidade.

No século XIX, Manuel Orozco y Berra (1864) propuxera o parentesco das linguas zapotecas e as linguas mixtecas, incluíndo nesta proposta o cuicateco, o chocho e o amuzgo. Este mesmo autor encontrou un parentesco entre o otomí e o mazahua. Pouco despois, Pimentel (1865, 1874) engadiu ás anteriores o mazateco, o popoloca, o chatino e o chinanteco ao zapoteco-mixteco e relacionou o pame co otomí-mazahua. Daniel Brinton (1891) suxeriu que o chichimeca-jonaz e o pame estaban relacionados co otomí-mazahua. Así, a principios de século XX, recoñecéranse dous grupos relacionados, o grupo otopame e o grupo zapoteco-mixteco-amuzgo-popoloca.

A principios do século XX, Lehman (1920) engadiu o grupo chiapaneco-mangue e reorganizou os parentescos internos do otomangueano oriental. Jacques Soustelle (1935) estudou sistematicamente o grupo otopame así como o agrupamento interno. En 1926, Schmidt relacionou tentativamente o chiapaneco-mangue e o oto-pame e acuñou o termo otomí-mangue para a familia. Mais foi Sapir (1929) o primeiro autor que relacionou definitivamente o oto-pame-chiapaneco e o mixteco-zapoteco-amuzgo-popoloca, nunha forma equiparable ao moderno agrupamento, excepto polo feito de que o traballo de Suárez (1977) sobre o tlapaneco (me'phaa) e o subtiaba probou que estas linguas estaban relacionadas co resto do otomangueano máis que coas linguas hokanas como Sapir propuxera.[7] Swadesh incluíu o huave como lingua otomangueana, que actualmente se considera illada.

A partir de 1950 empezou o traballo reconstrutivo. O proto-otopame foi reconstruído por Doris Bartholomew, o proto-zapoteco por Morris Swadesh e o proto-chiapaneco-mangue por Fernández de Miranda e Roberto Weitlaner. A primeira proposta para o proto-otomangueano reconstruído é de Longacre (1957), e foi posteriormente revisado por el mesmo e Rensch.

Clasificación interna[editar | editar a fonte]

Clasificación das linguas otomangueanas
Familia Grupos Lingua Territorio
Linguas otomangueanas Otomangue occidental Oto-pame-chinantecano Oto-pameano Otomí Centro de México
Mazahua Estado de México
Matlatzinca
Tlahuica
Pame
Jonaz Guanajuato, San Luis Potosí
Chinantecano Chinanteco Oaxaca e Veracruz
Tlapaneco - mangueano Tlapanecano Tlapaneco Guerrero
Sutiaba (†) Honduras
Mangueano Chiapaneco (†) Chiapas
Mangue (†) Nicaragua
Chorotega (†) Costa Rica
Otomangue oriental Popoloca-Zapotecano Popolocano Mazateco Oaxaca e Veracruz
Ixcateco Oaxaca
Chocho Oaxaca
Popoloca Puebla
Zapotecano Zapoteco Oaxaca
Chatino Oaxaca
Papabuco Oaxaca
Solteco Oaxaca
Amuzgo - mixtecano Amuzgo Amuzgo Oaxaca e Guerrero
Mixtecano Mixteco La Mixteca
Cuicateco Cañada de Cuicatlán
Triqui Oaxaca

Características comúns[editar | editar a fonte]

Todas as linguas otomangueanas son tonais, e en moitas delas a nasalización ten un papel fonémico. Morfoloxicamente, o nome é relativamente simple, sendo o verbo a parte máis complexa da oración.

Fonoloxía[editar | editar a fonte]

O sistema fonolóxico do proto-otomangue tal como foi reconstruído por Rensch é relativamente simple. Constaría de 9 consoantes, 4 vogais e 4 tons. O seguinte cadro resume os fonemas do proto-otomangue:[8]

alveolar palatal velar lab-vel glotal
oclusiva *t *k *kʷ
fricativa *s *h
sonorante *n *y *w
vogal cerrada *i *u
vogal aberta *e *a

É de destacar a ausencia de consoantes labiais. En moitas ramas o fonema derivado /*p/ deriva do labiovelar /*kʷ/. Tamén convén notar a ausencia de oposición entre fonemas xordos e sonoros, que foi desenvolvida secundariamente noutras linguas otomangueanas (a veces a partir de secuencias de nasal + oclusiva, a veces doutras fontes). A seguinte táboa resume algúns dos cambios fonéticos principais que caracterizan as diferentes ramas do otomangue:

proto-
otomangue
proto-
mixtecano
Amuzgo proto-
popolocano
proto-
zapotecano
Proto-
-mangueano
Proto-
otopameano
Proto-
chinanteco
**t *t *t, *h[9] *t
**k *k *k *k *k *k, *č *k *k
**kʷ *kʷ *p, *kʷ *p *p *kʷ
**s *tʲ *s *s
**n *n *n *n
**y *y *y *iH-
**w *w *w *w *uH- *w
**nt *ⁿd nt *nt *ⁿd *t *z
**nk *ⁿg nk *nk *ⁿg *k *g
**nkʷ *ⁿgʷ nkʷ *ⁿb *p *gʷ
**ns *ⁿgʷ c *c *ⁿd *c *z
**nn nn *m *m *m
**ny *l *l *L *i *i *ni
**nw *m m *m *kʷ *m *m *m

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

As linguas otomangueanas non teñen inflexión no nome, aínda que admiten prefixos posesivos e clíticos para indicar o plural. Nalgunhas linguas a forma dos pronomes distingue entre persoa, animal ou cousa; isto pode considerarse unha distinción de xénero gramatical semanticamente determinado.

Existen poucos sufixos derivativos, sendo a composición o procedemento morfolóxico máis común para formar novas palabras.

En canto ao aliñamento morfosintáctico non existe coherencia ao largo da familia. Algunhas linguas mostran un tipo ergativo-absolutivo (o chinanteco e o tlapaneco), outras un tipo activo-inactivo (o chocho, o matlatzinca e probablemente o chiapaneco) e outras non mostran evidencia clara (mixteco, zapoteco) Non existe casos de claros de alineamiento nominativo-acusativo.[10]

Sintaxe[editar | editar a fonte]

Sintacticamente, a maioría das linguas otomangues teñen a orde básica de frases VSO. Nun bo número delas, o modificador segue ao modificado e o complemento sintáctico vai detrás do núcleo que o require.

Léxico comparado[editar | editar a fonte]

Diversos autores construíron listas de cognados dalgúns centenares de termos. Mais moitas desas listas, aínda que conteñen algunhas correspondencias regulares, están cheas de irregularidades, aumentos prefixados e sufixados que fan que as correspondencias sexan bastante inexactas. Polo que no estado actual, as linguas otomangueanas deben ser consideradas como unha macrofamilia tentativa. Os numerais seguintes mostran a diverxencia do léxico:[11][12]

GLOSA OM oriental OM occidental PROTO-OM
PROTO-
MIXTECO
PROTO-
AMUZGO
PROTO-
POPOLOCANO
PROTO-
ZAPOTECANO
PROTO-
MANGUE
PROTO-
OTOPAME
PROTO-
CHINANTECO
PROTO-
TLAPANECANO
1 ĩĩ *kwi *hnku *ti-kéʔ *-ʔná *kãu *-mba1
2 *u-wi *we *yu-hu *tukw *hau- *yo-hũ *tũ *-hma3 *-hyu
3 *u-ni *ndye *ni-he *tsna- *ha- *ʔyũ *ʔni *-tsu4 *ʔni-
4 *kumi ñeke *ñũhũ *takw- *a-hwa *ki-hũ *kyũ *-ko3
5 *ʔũ *ʔon *ñũ-ʔũ *kayuʔ *hau-mu-he *kĭtʔa *ʔŋya *wi2tsu3
6 *iñu *yon *ʃhãu (?) *skwa *ha-mba- *ʔná-ʔtó *hŋyu *ma2hu2
7 *u-kyaʔ (?) *ntykeʔ *yãtu *kati *ndi- *yo-tó *gya(u) *kya(tV)
8 *u-ña *ñe *ʃnĩ *snu *sa-hu *hñã-tó *hŋya *(h)ña- *hña (?)
9 ĩ `ĩ ` *ñhe *ña(hã) *kaʔ *-li *kí-tó yu
10 *kyi *ki *te *tii *hee-nda *gya *gu3wa3

Entre os cognados amplamente estendidos está *rini 'sangue, carne crúa' (otomí ngi 'carne', matlatzinca ríní 'carne', chatino tnẽ21 'sangue', zapoteco rini 'sangue', mixteco ñiñi 'sangue').

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Kaufman & Justeson, 2009.
  2. Campbell (1997, p.159)
  3. Campbell (1997, p.159)
  4. Bellwood, 2005: 235-239.
  5. Kaufman & Justeson 2009:227
  6. Rensch, 1966, capítulo 2
  7. Suaréz, Jorge, 1977, El Tlapaneco como lengua Otomangue, (ms) DF. UNAM, Mexico.
  8. Rensch, 1966
  9. Zapoteco *t, Chatino *h
  10. T. Kaufman, "Oto-Mangean Languages", en Concise Encyclopedia of Languages of the World, ISBN 978-0-08-087774-7
  11. Oto-Manguean numerals (Eugene Chan)
  12. Otomanguean numerals (Metaverse)

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Belwood, Peter (2005). The first farmers: the origin of agricultural societies. Blackwell. 
  • Campbell, Lyle (1997). American Indian languages: the historical linguistics of Native America. Oxford University Press. 
  • Rensch, Calvin R. (1966). Comparative Otomanguean phonology (Language Science Monograph Series). Indiana Universtiy Research Center for Language Sciences. 
  • Suárez, Jorge (1977). El Tlapaneco como lengua Otomangue. UNAM, México, D. F.. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]