Lingua ibérica

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A lingua ibérica foi unha lingua paleohispánica falada polos iberos na costa mediterránea da Península Ibérica desde o río Hérrault (Francia) até Porcuna (provincia de Jaén).

Moitos estudosos modernos tenden a considerar o íbero como unha lingua franca, máis ca como lingua materna dun grupo homoxéneo. A lingua estenderíase grazas ao comercio, esporeado polo contacto cos gregos focenses.

Extensión xeográfica[editar | editar a fonte]

Extensión aproximada dos iberos na Península.

Os iberos estendéronse ao longo da costa mediterránea da Península Ibérica. Cara ao norte, incluiría o sur de Francia ata o río Hérault. Atopáronse importantes restos de escritos en Ensérune, entre Narbona e Béziers en Francia, nun oppidum no que se mesturan elementos iberos e celtas. Cara ao sur, o límite estaría en Porcuna, ond se atoparon esculturas de xinetes íberos.

Cara ao interior é incerta a extensión exacta. Parece ser que no val do Ebro houbo unha expansión da cultura cara ao interior, chegando ata Salduie (Zaragoza) pero non máis alá.

Crese que eran de lingua ibérica os pobos ausetanos (Pireneos), ilerxetes (Lleida e Huesca ata os Pireneos), indixetes (costa de Girona), laietanos (Barcelona), cossetanos (Tarragona), ilercavóns (Murcia e levante ata Tarragona), edetanos (València, Castelló e Teruel), contestanos (València, Alacant, Cartagena e Albacete), bastetanos (Granada, Almería e Murcia) e oretanos (Jaén, Ciudad Real, Albacete e Cuenca). Os túrdulos e turdetanos considéranse habitualmente como falantes do tartesio.

Historia[editar | editar a fonte]

A orixe da lingua é descoñecida. Existen tres correntes principais para explicar o ibero:

  • hipótese africana, propón que o ibero chegou do norte de África, relacionando a lingua coas bérberes; hipótese en boga na primeira metade do século XX, actualmente pode considerarse obsoleta.
  • hipótese autóctona, considera que era a lingua das poboacións autóctonas que xa se asentaran no territorio peninsular no neolítico. Esta formulación resulta cientificamente incontrastable, aínda que existe unha versión moderna máis perfeccionada que propón que a lingua ibera é a propia da cultura ibera orientalizante do sueste peninsular e que desde alí se expandiría como lingua franca comercial cara ao norte ata o sur de Francia. Desde ese punto de vista consideraríase unha lingua illada (non relacionada co éuscaro nin co bérber nin con ningunha outra familia coñecida) e se cadra podería relacionarse co pobo da cultura de El Argar.

A lingua ibera é unha lingua illada, é dicir, non se coñece ningunha lingua emparentada lingüisticamente. A relación co éuscaro, que en tempos se consideraba reliquia moderna do ibero e que deu lugar á chamada hipótese do Bascoiberismo, parece hoxe que se formula de xeito que ambas linguas non estarían emparentadas, pero si en contacto, de maneira que a lingua cunha cultura menos desenvolvida (a vascona) tomou en préstamo palabras iberas. Iso pasaría, por exemplo co éuscaro iri (‘cidade’) que proviría dun préstamo do ibero Ili / Ilti, do mesmo significado.

Escritura[editar | editar a fonte]

Os textos máis antigos remóntanse ao século V a. C. e esténdese o uso da lingua en forma escrita ata principios da nosa era.

Suxeriuse que unha grande parte dos textos xurden a imitación de modelos gregos (ata o século II a. C.) e romanos (a partir do século I a.C.).

A lingua ibera escribiuse en tres escrituras diferentes:

Alfabeto grego[editar | editar a fonte]

O alfabeto grego na súa variante xónica, ás veces chamado alfabeto greco-ibérico, que se usou no Levante cara o século IV a.C. O chumbo de Alcoi e outros textos están escritos neste alfabeto.

Alfabeto latino[editar | editar a fonte]

Alfabeto latino, no que existen dous textos escasos e algúns antropónimos.

Alfabeto ibero[editar | editar a fonte]

O alfabeto ibero tamén denominado signario ibérico e que, de feito, é un semisilabario, é o propio dos iberos e é o que se usou máis profusamente e durante máis tempo. Parece claro que a súa orixe está no signario tartesio usado no suroeste peninsular para o que se ten chamado Lingua tartésica.

O signario ibero ten dúas variantes, a meridional ou suroriental (en Jaén e Albacete), cuxos signos gardan un maior parecido coa escritura tartesia, e a nororiental ou levantina, a máis estendida das dúas e que máis tarde foi adaptada para o celtibero.

A súa variante máis estendida, a levantina foi descifrada en 1922 por Manuel Gómez-Moreno Martínez; mentres que as primeiras lecturas correctas do meridional foron feitas por Ulrich Schmoll en 1961 e perfeccionadas posteriormente por outros investigadores, entre os que destaca Jürgen Untermann.

Estado actual dos nosos coñecementos[editar | editar a fonte]

É realmente pouco o que se coñece con seguridade do ibero. A investigación da lingua xa pasou a súa fase inicial de transliteración e compilado de material e atópase actualmente en fase de identificación de posibles elementos gramaticais nos textos.

Todo o que se comenta a continuación debe manterse dentro do marco das hipóteses non confirmadas, e permanecerá así - con maior ou menor grao de certeza - ata que o descubrimento dun bilingüe cun texto longo permita confirmar as deducións.

Fonoloxía e fonética[editar | editar a fonte]

Vogais e ditongos[editar | editar a fonte]

Posúe cinco vogais, iguais cás do español ou o éuscaro: /a/ /e/ /i/ /o/ /u/, sendo /a/ e /i/ as máis frecuentes e /o/ e /u/ as menos. Malia que se sinalaron indicios de que a escritura indica unha vogal nasal (signo [ḿ], considérase que podería ser un alófono. Non parece que houbese diferenzas de lonxitude no timbre se se xulga a partir das transcricións gregas, se ben é rechamante que para o /e/ ibero en greco-ibérico se use a letra 'eta' (e longo) pero non a breve 'épsilon'.

Parece que os ditongos serían decrecentes con vogal+vogal pechada, testemuñándose os en /ai/ śaitabi SAETABIS, /ei/ neitin NEITINBELES e /au/ lauŕ- LAURBELES. Untermann observa que o grupo /ui/ só se atopa en sílaba inicial.

Semiconsoantes[editar | editar a fonte]

Só se localizou a posibilidade do /y/ en palabras como aiun- ou iunstir e de /w/, aínda que esta só en préstamos, como por exemplo en diuiś do galo DIVIX. Tense posto en dúbida que realmente existisen en ibero máis alá de en préstamos.

Consoantes[editar | editar a fonte]

  • Vibrantes: as vibrantes [r] e [ŕ]. Hai unanimidade en que o [ŕ] é a vibrante simple (similar á do galego, como en caro). Correa avanzou a hipótese de que [ŕ] sería a simple e [r] a composta (como en carro), pero máis recentemente propúxose que puidera ser unha fricativa uvular (Ballester) ou unha vibrante retroflexa (Rodríguez). Nunca aparecen a principio de palabra, como no éuscaro.
  • Silbantes: existen dúas: [s] e [ś]. A distinción entre as dúas non está clara, discutíndose mesmo cál é a sibilante simple. Para Ballester sería [s], mentres que [ś] sería unha sibilante palatal; mentres que Rodríguez considera esta a simple, e [s] sería unha africada dental /ts/ ou palatalizada (similar ao <ch> do galego), no que coincide coa observación feita por Correa de que segundo as adaptacións de nomes galos en textos iberos [ś] sería unha sibilante fricativa alveolar ou apical, mentres que [s] a súa correspondente africada. Notar que o éuscaro tamén ten dúas silbantes: /s/ apico-alveolar e /z/ lamino-alveolar, que poderían corresponder a [s] e [ś].
  • Laterais: só existe o [l], que normalmente se interpreta como un /l/; é extremadamente raro en posición final e parece que a súa distribución é complementaria en ocasións con [ŕ] (así aŕikal-er / aŕikaŕ-bi).
  • Nasais:
    • O [n] corresponde ao galego /n/.
    • O signo [m] aparece rara vez e nunca en posición inicial. Velaza lanza a hipótese de que se pode tratar dunha variante de /n/ e apóiao co exemplo iumstir/iunstir. José A. Correa avanza a posibilidade de que se trate dunha nasal xeminada ou forte. Mentres que Rodríguez Ramos apunta a idea de que sexa unha variante de /n/ nos casos en que nasalizou a vogal anterior.
    • Existe unha certa polémica sobre o valor da letra [ḿ]. Crese que é algún tipo de nasal, pero non existe seguridade sobre o valor exacto. Siles, Silgo, Velaza e outros propuxeron o valor /na/ baseándose en equivalencias con textos escritos en alfabeto grego. Así existen as equivalencias nos sufixos -ḿi / -nai (como en bantui-(e)n-ḿi / leiśtikeŕ-ar-ḿi / sakaŕiskeŕ-ar-nai) e nos elementos onomásticos -ḿbar- / -nabar-. Por outra parte esta teoría contradise coa transcrición de ḿbar-beleś en latín como VMARBELES. José A. Correa propón que a letra se realizaba como unha nasal labializada, aínda que non teña claro que o signo se pronunciase sempre da mesma forma. Rodríguez Ramos considera seguro que se trata dunha vogal nasal, producida por nasalización progresiva (así /na/ > /nã/, escritos na, nḿ ou ḿ).
  • Oclusivas: existen cinco.
xorda sonora
velar /k/ /g/
dental /t/ /d/
labial /b/
A evidencia indica a inexistencia do fonema /p/. Non se documenta nos textos escritos en alfabeto grego, nin nas inscricións iberas do sistema dual, encontrándose só en nomes indíxenas en inscricións latinas, onde parece que só é unha variante alofónica de /b/ condicionada polo seu entorno.
Sinaláronse indicios de que o fonema /b/ polo menos en ocasións se pronunciaría de forma similar a /w/ (o que explicaría a escasísima frecuencia do signo [bu]), así como que podería ter pronunciacións nasalizadas /m/.
Non hai trazas de oclusivas aspiradas nin xeminadas.

Acentuación[editar | editar a fonte]

Existen só hipóteses sobre a acentuación en ibero. As dúas hipóteses presentadas, parten de supoñer que tiña unha acentuación fixa e non libre.

Luis Silgo Gauche defende unha lingua maioritariamente paroxítona, baseándose principalmente na perda de vogal débil en beleś a bels e a comparación co complexo aquitano-éuscaro e o testemuño romance.

Xaverio Ballester propón unha lingua con acento demarcativo, máis ben fixo e máis ben final (oxítono) baseándose principalmente en universais lingüísticos e en adaptacións gregas e latinas de topónimos e antropónimos iberos.

Antropónimos[editar | editar a fonte]

Grazas á inscrición latina do bronce de Ascoli, que inclúe un listado de personaxes iberos que foron analizados por Hugo Schuchardt púidose desntrañar a forma dos antropónimos ibéricos (de feito, este coñecemento coadxuvou ao desciframento da escritura ibérica). Os nomes iberos adoitan estar formados por dous elementos intercambiables, normalmente formados por dúas sílabas, que se escriben xuntos. Por exemplo, un elemento como "iltiŕ" pódese atopar nos seguintes nomes: iltiŕaŕker, iltiŕbaś, iltiŕtikeŕ, tursiltiŕ, baiseiltiŕ ou bekoniltiŕ. Este descubrimento foi un paso de xigante, xa que a partir dese momento púidose indicar con certa seguridade os nomes de persoa nos textos.

Os compoñentes que poden formar parte de nomes son: abaŕ, aibe, aile, ain, aitu, aiun, aker, albe, aloŕ, an, anaŕ, aŕbi, aŕki, aŕs, asai, aster, atin, atun, aunin, auŕ, austin, baiser, balaŕ, balke, bartaś, baś, bastok, bekon, belauŕ, beleś, bels, bene, beŕ, beri, beŕon, betan, betin, bikir, bilos, bin, bir, bitu, biuŕ, bolai, boneś, boŕ, bos, boton, boutin, ekes, ekaŕ, eler, ena, esto, eten, eter, iar, iaun, ibeś, ibeis, ike, ikoŕ, iltiŕ, iltur, inte, iskeŕ, istan, iunstir, iur, kaisur, kakeŕ, kaltuŕ, kani, kaŕes, kaŕko, katu, keŕe, kibaś, kine, kitaŕ, kon, koŕo, koŕś, kuleś, kurtar, lako, lauŕ, leis, lor, lusban, nalbe, neitin, neŕse, nes, niś, nios, oŕtin, sakaŕ, sakin, saltu, śani, śar, seken, selki, sike, sili, sine, sir, situ, soket, sor, sosin, suise, taker, talsku, tan, tanek, taŕ, tarban, taŕtin, taś, tautin, teita, tekeŕ, tibaś, tikeŕ, tikirs, tikis, tileis, tolor, tuitui, tumar, tuŕś, turkir, tortin, ulti, unin, uŕke, ustain, ḿbaŕ, nḿkei.

Nalgúns casos pódese atopar un nome simple, cun só elemento ou seguidos por un sufixo: BELES, AGER-DO e BIVR-NO no bronce de Áscoli, neitin en Ullastret e lauŕ-to, bartas-ko ou śani-ko noutros textos ibéricos. Máis raramente, sinalouse a presenza dun infixo entre os dous elementos, que pode ser -i-, -ke- ou -bo- (así Untermann exemplifica oto-iltiŕ fronte a oto-ke-iltiŕ ou con AEN-I-BELES). Tamén sinala Untermann que en raros casos se atopa un elemento is- ou o- prefixando ao antropónimo (is-betartiker; o-tikiŕtekeŕ; O-ASAI).

Nos elementos que forman os nomes ibéricos é común atopar patróns de variación: así eter/eten/ete coas mesmas variacións que iltur/iltun/iltu; kere/keres como lako/lakos; ou alos/alor/alo como bikis/bikir/biki).

Noutras ocasións o que se atopan son asimilacións producidas polo contacto de consonantes no límite de composto. Así, nas inscricións latinas ponse de manifesto que neste contexto n+b se pronunciaban /m/ (ADIMELS ou SOSIMILVS equivalen a *adin-bels ou *sosin-bilus). Opcionalmente, tamén un ŕ desaparece ante n ou l (*biuŕ+lakos aparece como biulakos; *biuŕ+nius como biunius; *sakaŕ+laku como sakalaku).

Javier Velaza, xunto con outros estudosos, indica a posibilidade dunha evolución dos nomes de persoa baixo influencia da cultura romana. Lápidas funerarias que inicialmente serían do tipo:


ḿlbebiuŕ- -ar-ḿi
Nalbebiur[1] xen?dat?[2]
De ou para Nalbebiur


que aparece nunha estela atopada no 2001 nunha escavación realizada en Badalona, converteríanse máis tarde noutras do tipo:


bantui- -(e)n-ḿi ḿlbebiuŕ eban- -en
Bantui[1] xen?dat?[2] Nalbebiur[1] fillo[3] xen?[2]
De ou para Bantui, fillo de Nalbebiur


A segunda inscrición atopouse ao lado da primeira, co que se abre a posibilidade de que se trate de pai e fillo. Unha terceira inscrición achada en Empúries en xaneiro de 1998, foi interpretada por Velaza e Xavier Aquilué como:


lakerkes [ke]ŕtabir s++[---] e(ban) auśes [---]
Lakerkes[1] Kertabir[1] S[...][1] fillo Ausetano
Lakerkes Kertabir, fillo de S[...], dos Ausetanos


Se a interpretación é correcta, podería tratarse dunha inscrición con nomen, cognomen, filiación e origo, ao estilo romano.

Os nomes femininos seguen en parte o sistema dos masculinos como en ASTERDVMAR, SILLIBOR ou VRCHATETEL, co que en parte se fai imposible saber se o nome dunha incrición é masculino ou feminino. Con todo, parece que os elementos -eton (como en BILESTON) e -aun- ou -iaun- con sufixo -in (como en GALDVRIAVNIN, VNIAVNIN ou ankonaunin) poderían ser marcadores de nomes femininos.

Con todo,parte da interpretación desta fórmula baséase en traducir eban como "fillo", identificación insegura, pois Untermann (seguido por Rodríguez Ramos) indicou algunhas incongruencias da proposta, considerando en cambio que eban e as súas variantes é en realidade o equivalente do curauit das inscricións latinas; é dicir o verbo que indica a acción de quen construíu un monumento. Isto confírmao cunha inscrición bilingüe dun fragmento de arquitrabe de Sagunto, na que sinala, ademais, que non se menciona filiación ningunha [3]:


M.F]ABIVS.M.L.ISIDORVS.COERAV[IT
is]itoŕ . tebanen . otar . koroto[


é dicir


Marcus Fabius Marci libertus Isidorus curauit
"Marco Fabio Isidoro, liberto de Marco, encargouse (da construción)"


[1] NP, nombre de persoa, antropónimo.
[2] Posiblemente sufixos de xenititivo/dativo.
[3] Velaza considera que teban é o feminino de eban, é dicir "fillo"

Morfoloxía[editar | editar a fonte]

Coñécese unha serie de sufixos, especialmente aplicados a onomásticos. Por iso a lingua ibera parece postposicional, aparentemente máis de tipo aglutinante que con declinacións.

Os máis coñecidos son os seguintes:

-ar: aplicado a antropónimos parece marcalo como posuidor. Unha especie de Xenitivo.
-en: de uso similar ou idéntico a -ar.
-ka: parece indicar ou a persoa da que se recolle algo ou á que se lle vai entregar algo.
-te: ten un valor de suxeito axente e de ablativo.
-sken: aplicado a nomes de tribo ou de cidade nas inscricións das moedas parece poder interpretarse como un xenitivo plural (así iltiŕk-esken sería "dos ilerxetes").

En ocasións propúxose que un sufixo -k- fose marca de plural.

Termos coñecidos[editar | editar a fonte]

Dentro do especulativo deos coñecementos, sinaláronse algunhas equivalencias máis ou menos aproximadas para algúns termos:

SUBSTANTIVOS:
abiner: se cadra similar a "escravo"
arś: recentemente considerado un termo propio de núcleos urbanos, especulándose cun valor do tipo "castelo".
eban/teban: segundo Velaza significarían respectivamente "fillo" e "filla", pero outros estudosos discuten esta idea e prefiren ver un verbo.
iltiŕ /iltur: coñecidos en antropónimos pero sobre todo en topónimos, hai unanimidade en que significaría algo similar a "cidade", tense comparado co éuscaro'iri' (forma antiga 'ili') "cidade", "comunidade".
neitin: algúns autores defenden a súa identidade co deus Neton.
seltar: parece corresponder a monumentos funerarios, os sensos atribuídos foron "tumba", "monumento", "estela".
śalir: atribúeselle un valor de "valor", "moeda"; hai anos dábaselle un valor de "prata". Tense comparado co éuscaro'sari' "pago", "importe".

Tamén se considera substantivos outros termos, aínda que sen un valor semántico claro (p.ex. abaŕ- ou biuŕ-).

VERBOS:
ekiar / ekien: verbo ou substantivo verbal cun sentido do tipo "fixo", "feito por", "obra de"; tense comparado co verbo éuscaro 'egin' "facer".
eban /ebanen / teban: Untermann considera que é un verbo que marca a acción de quen constrúe un monumento; tense comparado co verbo éuscaro 'ibeni' "erixir".

Tense discutido tamén o posible valor verbal de iunstir. Para Untermann tería un sentido similar a 'licet', 'oportet', mentres que para Rodríguez Ramos sería o verbo dar; pero outros autores ven nel unha expresión de saúdo (Velaza) ou mesmo un teónimo (Silgo).

OUTROS ELEMENTOS:

Untermann propuxo unha serie de elementos que non serían nin verbos nin substantivos, pero que admitirían sufixos propios de substantivos. É o paradigma que chama "auxiliar" ou "pronominal" e que en 1990 incluía termos como: aŕe-, aŕikaŕ-, baŕ-, baŕbin-, baś-, baśban-, eta-, iŕ-, is-, si-, taŕ- e uŕ-. Con todo, os coñecementos ao respecto aínda están en fase de tentativa.

Algunhas interpretacións[editar | editar a fonte]

Os textos máis sinxelos interpretados son aqueles breves que sobre cerámicas de valor ou sobre monumentos funerarios se consideran marcas de propiedade. Destes coñécense diversas variantes que, iniciando con maiúsculas os nomes propios, poden exemplificarse así:

Aŕgitibaś-ar
Ibeśor-en
Etesike-ḿi
Alosoŕdin-ar-ḿi
Ustainabaŕ-ar-ban

Como vimos, adoita considerarse que -ar e -en son sufixos que dan un valor de xenitivo. Con todo, o valor de ban e de ḿi é aínda menos claro. O primeiro, ban, ás veces é calificado como sufixo, outras como pronome. O segundo, ḿi, adoita recibir a designación aséptica de "partícula posesiva", pero se manteñen abertas múltiples interpretacións (desinencia de xenitivo, verbo copulativo como "é" ou "son", morfema deíctico ou mesmo pronome persoal "eu", "iso").

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Correa, J.A., "La lengua ibérica" en Revista Española de Lingüística 24/2, pp. 263-287.
  • Quintanilla, A., Estudios de fonología ibérica, Vitoria 1998, ISBN 84-8373-041-3.
  • Velaza Frías, Javier, Epigrafía y lengua ibéricas, Madrid, 1996, ISBN 84-7635-196-8.
  • Palaeohispanica (revista sobre lengua y culturas de la Hispania antigua), tomos 1 a 4, Zaragoza, 2001, ISSN 1578-5386.
  • Rodríguez Ramos, Jesús, Análisis de Epigrafía Íbera, Vitoria-Gasteiz 2004, ISBN 84-8373-678-0, en especial pp. 235-355.
  • Untermann, Jürgen, Monumenta Linguarum Hispanicarum. Band III. Die iberischen Inschriften aus Spanien. 1. Literaturverzeichnis, Einleitung, Indices, Wiesbaden 1990, ISBN 3-88226-491-8.
  • Untermann, Jürgen, Die vorrömischen Sprachen der iberischen Halbinsel, Wiesbaden 2001, ISBN 3-531-07375-3.