Lingua aquitana

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

O aquitano era unha lingua prerromana que se falaba no suroeste da actual Francia e o extremo occidental dos Pireneos, coñecida por unha serie de textos votivos e funerarios en latín que conteñen uns 400 nomes de persoa (antropónimos) e 70 nomes de deuses (teónimos).

Historia[editar | editar a fonte]

A orixe desta lingua é descoñecida. Se consideramos o aquitano como antepasado máis ou menos directo da euskera (ver punto 2), existen infinidade de hipóteses e teorías sobre a súa orixe. As máis interesantes son:

  • O euskera é unha lingua traída por pobos que se asentaron na zona a finais do paleolítico superior. A teoría baséase na observación de Miguel de Unamuno de que “aitz”, “aitzur”, “aizkora” significan respectivamente 'rocha', 'sacho' y 'machada'. So pobos que non coñecen o metal usarían a mesma raíz para “pedra” e “machada”. Non hai que desbotar a posibilidade, con todo, de facer derivar "aizcora" do latín asciola, de onde procede, por certo, a nosa palabra aixola.
  • O aquitano chegaría do norte de África. Esta teoría está relacionada co chamado vascoiberismo, que ve no ibero unha lingua emparentada co vasco (teoría popularizada por Humboldt). Así os vascos e iberos estarían emparentados cos bérberes e outras linguas africanas.


Existen tamén indicios dunha relación moi antiga entre os aquitanos, os iberos e os pobos da cornixa cantábrica, anterior ás invasións indoeuropeas celtas. Secuencias de letras como -sc- en etnónimos, sonorización da secuencia -nt- indoeuropea en -nd- e semellanzas entre teónimos lusitanos e aquitanos son algúns dos elementos que apoiarían esta afirmación.

Parece ser que a área da Aquitania e dos Pireneos foi fortemente romanizada, co que a lingua non sobreviviu na maioría do territorio (hoxe dominado por linguas romances como o gascón, o francés ou o catalán). Desde este punto de vista, o euskera falado en Francia (o País Vasco francés) sería unha pervivencia da extensión orixinal da lingua en época romana.

Relacións con outras linguas[editar | editar a fonte]

De novo, se se acepta a relación aquitano - euskera, a lingua foi emparentada con practicamente todos os grupos de linguas do planeta. Algunhas das teorías máis populares xa se comentaron no punto anterior.

A única relación que se mostra frutífera é a dos aquitanos cos vascos. Moitos dos nomes nas inscricións atopadas son ou conteñen elementos indiscutiblemente vascos:

Aquitano Vasco Significado
Andere, Andre- andre señora, dama
Belex, -belex, -bel(e)s beltz negro
Cis(s)on gizon home
Nescato neska moza
Sembe- seme (<*senbe) fillo
Seni sein (<*seni) neno, irmán
Sahar zahar vello
corri gorri vermello
co ko sufixo
tar tar sufixo

O uso destas palabras e elementos en nomes no euskera medieval está suficientemente documentado como para pensar nun continuo histórico entre a época prerromana e a Idade Media. Malia que algúns dos nomes aquitanos non teñen equivalente moderno, parece claro concluír que en época prerromana e romana se falaba unha forma antiga de euskera en Aquitania. Isto foi confirmado tras o estudo feito por Joaquín Gorrochategui en 1984: "Onomástica indígena de Aquitania". Nesta obra o autor nos indica que a área onde se falaba esta lingua era a Gascuña e a zona media de Navarra, estando a maioría do País Vasco actual ocupado en parte por linguas indoeuropea de posible ascendencia celta e en parte polo ibero.

Extensión xeográfica[editar | editar a fonte]

Existen desde antigo indicios da relación entre o suroeste de Francia e os vascos. Durante a conquista romana da Galia por Xulio César, chamouse Aquitania o territorio entre o Garona e os Pireneos. Habitado por un pobo de xinetes, o propio César di que son distintos en usos, costumes e lingua dos celtas de Galia. Na Idade Media, este mesmo territorio chamouse Gascuña, nome derivado de Vasconia.

Existen indicios para pensar que a lingua aquitana tamén se falaba nos Pireneos, cara o leste polo menos ata o Val de Arán. Indícano nomes de lugares rematados en -os, -osse, -ons, -ost e -oz, considerados de orixe aquitana.

Ao sur dos Pireneos, a situación complícase. Caristios, Várdulos e Autrigóns, que ocupaban a maior parte do que é o moderno Euskadi, son xeralmente considerados como indoeuropeos e parentes dos cántabros. Da zona de Guipúscoa case non existen textos de época romana ou posteriores, ata a Idade Media. Isto por unha banda impide saber qué lingua se falaba na zona nesa época, pero por outra podería explicar a pervivencia do euskera no territorio polo aparente desinterese dos romanos pola zona.

Os vascóns, que ocupaban o que é a moderna Navarra, son xeralmente considerados como vascos, aínda que a principal evidencia está no nome. En 1960 atopouse unha estela con nomes aquitanos en Lerga, o que pode reforzar a idea de que vascóns e aquitanos estaban emparentados.

Algúns autores colocan a fronteira lingüística tan ao sur como Calahorra e outros colocan en territorio aragonés falantes de aquitano. Nomes de lugares rematados en -ués/-ós son considerados provintes do euskera (h)otz (frío). Isto demostraría a existencia de aquitanos ou vascos na zona norte da provincia de Huesca. Os romanos mesmo mencionan a cidade de Iliberris (moderna Elvira, na provincia de Granada), nome con interpretación vasca evidente: *ili < hiri (cidade) + berri (novo). Esta ecuación ten sido utilizada como proba da relación entre o euskera e o ibero, base do vascoiberismo de Humboldt e outros autores. Hoxe en día pénsase que a ecuación iri do euskera - Ili / Ilti do ibero é produto dun préstamo ibero no euskera.

Todos estes datos deben tomarse con precaución, as fronteiras lingüísticas nun territorio non teñen por que seren claras, nin a lingua falada única. En principio, ao sur dos Pireneos, non existen probas contundentes da existencia dun grupo importante de falantes de aquitano fóra das zonas mencionadas do norte de Guipúscoa e norte e centro de Navarra.

Esta idea está reforzada pola escaseza de nomes xeográficos antigos que testemuñen esta presenza. Tamén polos descubrimentos de Luigi Luca Cavalli-Sforza que dan unha fronteira xenética bastante abrupta para os vascos cara ao sur, pero difusa cara ao norte, o que podería indicar un desprazamento cara ao sur da poboación.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]