Lina Sandell

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lina Sandell

Lina Sandell, nada como Karolina Wilhelmina Berg o 3 de outubro de 1832 en Fröderyd e morta o 27 de xullo de 1903 en Estocolmo, foi unha escritora sueca, coñecida como autora de himnos relixiosos.

Traxectoria[editar]

Seu pai era pastor luterano nunha pequena comunidade rural e ela naceu na reitoría da igrexa. En 1858, cando ela tiña vinte e seis anos acompoñou a seu pai nunha viaxe en barco polo lago Vättern ata Göteborg pero seu pai caeu ó mar e afundiu diante dela, esta traxedia marcou a súa vida e inspirouna para escribir himnos. Oskar Ahnfelt compuxo a música de todos os seus himnos e deunos a coñecer por toda Escandinavia. Lina casou en 1867 co comerciante e deputado Oscar Berg e pasou a apelidarse legalmente Sandell-Berg, aínda que escribiu os seus himnos coa sinatura L.S. Escribiu tamén textos para uso das escolas dominicais, Berättelser för söndagsskolan (1870-1874), Samlade sånger (1882–1885), e publicou durante moitos anos o almanaque Korsblomman (1865-1902) que incluía poemas, historias e biografías. Desde 1889 foi colaboradora de Barnens vän, o voceiro da Misión Evanxélica Sueca. Escribiu máis de 1700 himnos relixiosos e poemas entre eles, Tryggare kan ingen vara, Blott en dag e Jag kan icke räkna dem alla.

Na última versión (1986) do libro oficial de salmos da Igrexa de Suecia, Den svenska psalmboken, hai 15 dos seus salmos.