Letonia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Letonia - Latvija")

Coordenadas: 56°56′51″N 24°6′23″E / 56.94750°N 24.10639°E / 56.94750; 24.10639

Latvijas Republika
República de Letonia
Bandeira de Letonia Escudo de Letonia
Bandeira Escudo
Lema: Tēvzemei un brīvībai
(en letón "Patria e Liberdade")
Himno nacional: Dievs, svētī Latviju!
 
EU location LAT.png
 
Capital
 • Poboación
Riga
727.578 (2006)
Cidade máis poboada Riga
Lingua oficial
Letón
Forma de goberno Democracia parlamentaria
Andris Bērziņš
Laimdota Straujuma
Independencia

18 de novembro de 1918
11 de agosto de 1920
17 de xuño de 1940
Da Unión Soviética
4 de maio de 1990
21 de agosto de 1991
Superficie
 • Total
 • % auga
Fronteiras
Costas
Posto 139º
64.589 km²
1,5%
n/d km
538 km km
Poboación
 • Total
 • Densidade
Posto 104º
2.307.000
36 hab./km²
PIB (nominal)
 • Total (2006)
 • PIB per cápita
Posto 85º
US$ 19.621 millóns
US$ 8.550 (2006)
PIB (PPA)
 • Total (2006)
 • PIB per cápita
Posto 94º
US$ 35.684 millóns
US$ 15.549 (2006)
IDH (2007) 0,855 (45º) – Alto
Moeda Euro (EUR)
Xentilicio Letón
Fuso horario EET (UTC+2)
Dominio de Internet .lv
Prefixo telefónico +371
Prefixo radiofónico n/d
Código ISO 428 / LVA / LV
Membro de: UE, OTAN, ONU, OSCE
Tódolos países do mundo

Letonia (en letón: Latvija En-us-Latvia.ogg /ˈlætviə/ ), oficialmente a República de Letonia (en letón: Latvijas Republika) é un país da Europa do norte localizado na rexión báltica. Letonia fai fronteira polo norte con Estonia (343 km), polo sur con Lituania (588 km), e polo leste con Bielorrusia (141 km) e a Federación rusa (276 km).[1] Na otra beira do mar Báltico fai fronteira con Suecia. O territorio de Letonia ten unha superficie de 64,589 km² e unha poboación de 2.306.306 (2004).

Os letóns son un pobo báltico estreitamente vencellado cos lituanos, cos que comparten moitas semellanzas lingüísticas. Hoxe en día o letón e lituano son as únicas linguas superviventes pertencentes ás linguas bálticas da familia indoeuropea.

Letonia é unha república parlamentaria democrática dividida en 26 distritos. A capital e principal cidade en poboación é Riga (722.485 habitantes no ano 2005). Letonia é membro das Nacións Unidas dende o 17 de setembro de 1991, da Unión Europea dende o 1 de maio de 2004 e da OTAN dende o 29 de marzo de 2004.

Historia[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Historia de Letonia.

O territorio de Letonia foi poboado xa dende o 9.000 adC. co establecemento das tribos protobálticas (devanceiros dos letóns) na costa leste do mar Báltico ao redor do terceiro milenio adC..[2] Ao redor do 900 dC., desenvolvéranse catro tribos bálticas diferentes: os curonios, latgalianos, selonianos, semigalianos (en Letón: kurši, latgaļi, sēļi e zemgaļi), xunto cos livonios (lībieši) que falaban unha lingua de orixe ugrofinesa.

Prehistoria[editar | editar a fonte]

Ao longo de Europa, o territorio de Letonia foi coñecido pola súa riqueza en ámbar. Os pobos bálticos comerciaron co ámbar coa Grecia antiga e co Imperio Romano. Incluso hoxe en día, o ámbar do báltico segue a ser exportado a moitos puntos do mundo. A finais do século XII, comerciantes da Europa occidental comezaron a visitar a míudo Letonia, establecento rutas de comercio ao redor do río Daugava ata Rusia.

O período da Idade Media[editar | editar a fonte]

Confederación de Livonia, 1260

Os misioneiros cristiáns chegaron a Letonia en 1180. Ante a negativa das tribos bálticas a seren cristianizadas, foron enviados cruzados alemáns co fin de cristianizar ás tribos pagás.[3] Xa en 1211, o cristianismo xa tiña un control efectivo coa construción da catedral de Riga.

Durante o século XIII, desenvolveuse baixo o dominio alemán unha confederación de feudos chamada Livonia. Livonia incluía a actual Letonia e o sur de Estonia. En 1282, Riga e máis as cidades de Cēsis, Limbaži, Koknese e Valmiera foron incluídas na Liga Hanseática. A partir deste intre, Riga converteuse nun importante porto entre o comercio do leste co oeste. Riga constituíuse como unha ponte entre os países do báltico e a Europa Occidental.

O período reformista[editar | editar a fonte]

O século XVI foi un século de grandes cambios pra os habitantes de Letonia, entre os cales destacan a reforma e o colapso do estado Livonio. Trala Guerra Livona (1558–1583) o territorio actual de Letonia quedou baixo o reino da República das Dúas Nacións.

Os séculos XVII e XVIII viron as continúas loitas de Polonia, Suecia e Rusia pola supremacía do Báltico. A meirande parte da Livonia polaca, incluíndo Vidzeme, pasou a mans dos suecos tralo Tratado de Altmark en 1629. Baixo o goberno sueco, a servidume foi suavizada e foi creada unha rede de escolas para a servidume.

Letonia no Imperio Ruso[editar | editar a fonte]

O Tratado de Nystad de 1721 puxo fin á Gran Guerra do Norte, quedando Rusia coas terras de Vidzeme (formando parte do Gobernorato de Riga). A rexión de Latgale seguiu trala guerra ficando baixo o dominio de Polonia como o Ducado de Livonia ata 1772, cando foi anexionada por Rusia. O Ducado de Curlandia converteuse nunha provincia rusa (o Gobernorato de Curlandia) en 1795, sendo anexionados ao Imperio Ruso a totalidade dos territorios que hoxe forman Letonia.

Historia de Letonia
Knight livonia.png

As promesas que Pedro o Grande fixera á nobreza alemá do Báltico trala caída de Riga en 1710, oficializadas co Tratado de Nystad e coñecidas como "as capitulacións," reverteron en grande parte as reformas dos suecos. A emancipación dos servos tivo lugar en Curlandia no ano 1817 e en Vidzeme en 1819. Na práctica, a emancipación foi realmente vantaxosa para a nobreza xa que desposuía aos campesiños das súas terras sen compensación ningunha. A estrutura social mudou radicalmente, estableceuse unha clase de campesiños independentes despois de que as reformas permitisen aos campesiños readquirir as súas terras, os campesiños sen terra roldaban os 591.000 en 1897, unha puxante clase proletaria e unha influente clase burguesa letona. O movemento dos xoves letóns (en letón:Jaunlatvieši) sentou as bases do nacionalismo a mediados de século, mirando moitos do seus líderes ao movemento eslavófilo en busca de apoio contra a prevalecente orde social alemá. A rusificación comezou na rexión de Latgale trala Revolta de xaneiro de 1863 espallándose ao resto da actual Letonia durante a década de 1880. O movemento dos xoves letóns foi eclipsado por unha nova corrente política de esquerdas xurdida na década de 1890. O descontento popular chegou ao seu cumio coa Revolución de 1905, revolución de carácter nacionalista nas provincias do Báltico.

Declaración de independencia[editar | editar a fonte]

Ducado do báltico unido (marrón claro)
Mapa de Letonia 1920-1940

A Primeira Guerra Mundial devastou o país. As reivindicacións de autodeterminación foron primeiramente limitadas á autonomía, sendo despois dirixidas cara a independencia do país, declarada en Riga o 18 de novembro de 1918 polo Consello do pobo letón, converténdose Kārlis Ulmanis no xefe do goberno provisional. Trala independencia do país báltico, sucedeuse a Guerra de independencia, un dos períodos máis caóticos sufridos na historia do país. Na primavera de 1919 coexistían á vez tres gobernos diferentes— o goberno de Ulmanis; o goberno da Letonia Soviética encabezado por Pēteris Stučka, cuxas forzas, apoiadas polo Exército Vermello, ocuparon o país en case a súa totalidade; e o "Ducado do Báltico" encabezado por Andrievs Niedra e apoiado polo Baltische Landeswehr e máis asFreikorps alemás. As forzas estonianas e letonas venceron aos alemáns na Batalla de Cēsis no mes de xuño de 1919, e aos ataques Ruso-alemáns encabezados por Pavel Bermondt-Avalov en novembro. O leste de Letonia foi limpado das tropas do Exército vermello polos forzas polacas, letonas, e alemás a comezos de 1920. O 1 de maio de 1920 foi convocada unha asemblea constituínte que aceptou unha constitución liberal, a Satversme, no mes de febreiro de 1922. Esta constitución foi parcialmente bloqueada polo golpe de Ulmanis de 1934, sendo restablecida completamente en 1990. Dende a súa creación a constitución sufriu algúns cambios e segue a ser vixente no país na actualidade.

Coa evacuación a Rusia da base industrial de Letonia en 1915, a reforma da terra foi a principal tarefa do xove país. En 1897, o 61,2% da poboación rural carecía de terra de seu; cara a década de 1930 aquela porcentaxe minguara ata o 23,2%. A extensión de terra cultivada xa sobrepasaba a da preguerra en 1923. A innovación e o medre da produtividade fixo ca economía letona medrase axiña, aínda que tivo que sufrir a Gran Depresión. Malia presentar signos de recuperación da economía, Ulmanis levou a cabo un sanguento golpe de estado o 15 de maio de 1934, establecendo unha ditadura nacionalista que durou ata a década de 1940.

Letonia na II Guerra Mundial[editar | editar a fonte]

A maioría dos alemáns bálticos que vivían en Letonia deixaron o país tralo acordo entre o goberno de Ulmanis e a Alemaña Nazi trala conclusión do Pacto Ribbentrop-Molotov. O 5 de outubro de 1939, foi forzada a aceptar un pacto de "asistencia mutua" coa Unión Soviética, garantindo aos soviéticos o dereito a destinar 25.000 tropas en territorio letón. O 16 de xuño de 1940, Vyacheslav Molotov presentou a un representante letón en Moscova cun ultimato acusando a Letonia de violar as condicións do pacto, producíndose o 17 de xuño a ocupación do país polas tropas soviéticas. Trala ocupación tiveron lugar as eleccións no "Saeima do pobo", tomando o poder o goberno monicreque de Augusts Kirhenšteins que levou a Letonia cara a URSS. A anexión foi formalizada o 5 de agosto de 1940, data na que se estableceu a República Socialista Soviética de Letonia.

Gueto de Riga en 1942

Os soviéticos loitaron ferozmente contra os seus opoñentes — antes de sucederse a invasión alemá, en menos dun ano, polo menos 27.586 persoas foron arrestadas; a maioría deportadas, sendo asasinadas 945. Durante a ocupación alemá, Letonia foi administrada como parte da Reichskommissariat Ostland. Os paramilitares letóns e a Policia auxiliar establecidos polas forzas da ocupación, participaron activamente no Holocausto. Máis de 200.000 cidadáns letóns morreron durante a Segunda Guerra Mundial, entre os que se atopaban aproximadamente 70.000 xudeus letóns. Os soldados letóns loitaron en ambos os dous frontes, incluíndo a Lexión letona da Waffen-SS, a maioría recrutados polas autoridades soviéticas e nazis. O rexeitamento ao recrutamento tiña como consecuencia a pena de cárcere, o maltrato a familiares e incluso a morte.

Ocupación soviética[editar | editar a fonte]

Museo da ocupación de Letonia (1940-1991)

Os soviéticos reocuparon o país de novo entre 19441945, sucedéndose deportacións masivas ao tempo que se levaba a cabo a colectivización e sovietización do país. No ano 42.975 persoas foron deportadas. Trala ocupación do país produciuse a migración a Letonia de obreiros, administrativos, militares e os seus descendentes provintes de Rusia e doutras repúblicas soviéticas, caendo a poboación letona ata o 62% no ano 1959. Durante o mandato de Nikita Khrushchev, os intentos de conseguir un grao de autonomía e protección para a deteriorada lingua letona encabezados por Eduards Berklavs foron suprimidos.

Restauración da independencia[editar | editar a fonte]

Monumento á liberdade

En 1989 o Soviet Supremo da URSS adoptou unha resolución sobre a "Ocupación dos estados bálticos", na que declarou ca ocupación "non tiña concordanza coa lei," e que "non era a vontade dos soviéticos". O movemento nacional coaligado na Fronte Popular de Letonia tomou vantaxe das reformas da glasnot do réxime baixo o mandanto de Mikhail Gorbachev, oposto á Interfront. O 4 de maio de 1990, o Soviet Supremo da RSS de Letonia adoptou a Declaración da restauración da independencia da República de Letonia, suxeito a un período de transición que rematou coa independencia de Letonia o 21 de agosto de 1991, tralo fracaso do Putsch de Agosto. O Saeima, o parlamento letón, foi de novo elixido en 1993, rematando Rusia a súa retirada militar en 1994.

Os principais fitos acadados por Letonia ao longo da década dos anos 90, foron a entrada na OTAN e na Unión Europea, ambos os dous conseguidos no ano 2004. As novas leis lingüísticas e de cidadanía foron rexeitadas por unha gran maioría da comunidade rusa residente no país, aínda que, a maioría dos rusos obtiveron a cidadanía. (A cidadanía non foi outorgada aos cidadáns soviéticos establecidos no país durante a ocupación soviética e aos seus descendentes. Os fillos nados a partir da independencia do país, sí poden obter a cidadanía.) O goberno desnacionalizou as propiedades privadas que foran confiscadas durante a era soviética, devolvendo ou compensando aos seus donos,privatizou a maioría das industrias nacionalizadas, e reitroduciu o Lats letón. Despois de sufrir unha dura transición cara unha economía liberal e a reorientación do país cara a Europa occidental, na actualidade o país posúe un ritmo de crecemento da economía superior á maioría dos membros da UE.

Política[editar | editar a fonte]

Saeima, o parlamento letón

Os 100 asentos do parlamento unicameral Letón, o Saeima, elíxense por voto directo, popular cada catro anos. O presidente elíxeo o Saeima nunha elección separada tamén cada catro anos. O presidente nomea un primeiro ministro que, xunto co seu gabinete, forma o poder executivo, o cal ten que recibir un voto de confianza do Saeima. O 20 de setembro do 2003, nun referendo nacional o 66.9% dos participantes votaron a favor da unión á Unión Europea. Letonia é membro da Unión Europea dende o 1 de maio do 2004 e da OTAN dende o 29 de marzo do mesmo ano.

Divisións administrativas[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Distritos de Letonia.

Letonia subdivídese en 26 condados (chamados rajoni en letón) e sete cidades cun status separado (lielpilsētas).

Latvia districts numbered.png

Xeografía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Xeografía de Letonia.

Letonia ten unha extensión de 64.610 km2, comparte fronteira con catro países: ao norte Estonia, ao leste Rusia, ao sur Bielorrusia e Lituania. A fronteira noroeste ocúpaa o mar Báltico.

A fisionomía da paisaxe letona é bastante uniforme, predominando as chairas cubertas por depósitos de terra e lama con grandes zonas ocupadas por bosques de coníferas, páramos e pantanos ao longo de todo o territorio. A chaira de Zemgale, ó sur, ata ó límite con Lituania, contén as terras máis fértiles, polo que se lle considera o celeiro do país.

Paisaxe costeira da vila de Liepāja
Paisaxe forestal co río Daugava

Xeograficamente Letonia caracterízase pola suavidade das súas elevacións montañosas. As maiores alturas atópanse ao leste e ao norleste do país, onde o punto máis alto atópase no cumio de Gaizinkalns de 311 metros. O punto máis baixo atópase no lago Dridzis, a 65,1 metros baixo o nivel do mar.

Letonia posúe 531 km de costa.[4] As costas letonas son suaves e pouco recurtadas, e nelas abondan as praias de area fina e as zonas dunares.

Ademais de polas súas chairas, Letonia caracterízase polos seus lagos, bosques e zonas pantanosas. En Letonia atópasen máis de 2.256 lagos de orixe glacial.[5] Os bosques cobren o 44% da superficie do país.[6] As especies máis comúns son o bidueiro, o abeto, o piñeiro e o álamo branco. Os pantanos e zonas húmidas ocupan o 4,9% do territorio letón.[7]

O río máis importante do país e o río Daugava, río que nace en Rusia e desemboca no golfo de Riga. Ao seu paso por terras letonas construíronse tres grandes centrais hidroeléctricas. Ademais do Daugava, son importantes os ríos Venta, Lielupe e Gauja.

Clima[editar | editar a fonte]

O clima do país é de transición entre o continental e o oceánico, influído de xeito importante polas masas marítimo, sobre todo no oeste de Letonia, onde os veráns son frescos e os invernos suaves. O interior do país ten un clima máis extremo, sobre todo no longo e frío inverno, onde se poden chegar a temperaturas de -30º. As precipitacións son abondosas no país, estas teñen lugar en forma de neve entre os meses de decembro e marzo.

Medio ambiente[editar | editar a fonte]

Letonia posúe unha das maiores poboacións de londra do continente europeo

Letonia posúe ecosistemas de grande importancia ambiental como son os bosques, os lagos, os pantanos e as chairas. A maioría das xoias ambientais de Letonia atópanse baixo diferentes graos de protección. O país báltico ten tres parques nacionais: Parque Nacional Gauja (1973), Parque Nacional Kemeri (1997) e o Parque Nacional Slitere (1999). Ademais o país posúe unha reserva da biosfera e 43 parques naturais, distribuídos ao longo de todo o territorio nacional.[8]

A cegoña negra é un símbolo nacional de Letonia

Nos bosques de Letonia rexistráronse 1.304 especies de plantas diferentes, moitas delas de orixe endémica. En canto á fauna no país existen 69 tipos de mamíferos que habitan os bosques (63%) e zonas agrícolas (24%). Ademais existen outros 19 que poden visitar o país de xeito ocasional.[9] Entre os mamíferos máis comúns atópanse o corzo, o porco bravo, o castor, o raposo, o cervo, a lebre, o lobo e a londra[10] (cunha das maiores poboacións europeas).[11] O oso pardo, noutrora abondoso atópase actualmente reducido a unha poboación estable de 10 individuos.[12]

A fauna avícola letona é moi rica. No país aniñan 223 especies, algunhas delas moi raras coma a aguia de cola branca, a aguia cobreira ou a cegoña negra, un dos símbolos nacionais.[13]

En canto aos invertebrados, no país están catalogados 17.500 especies, aínda que podería haber 12.000 máis por descubrir.[14]

Economía[editar | editar a fonte]

Artigo principal: Economía de Letonia.
Exportacións a Importacións de
País Porcentaxe País Porcentaxe
Alemaña Alemaña 17 % Alemaña Alemaña 17 %
Reino Unido Reino Unido 16 % Rusia Rusia 9 %
Suecia Suecia 10 % Lituania Lituania 8 %
Lituania Lituania 8 % Finlandia Finlandia 8 %
Rusia Rusia 6 % Suecia Suecia 7 %
Outros 43 % Outros 51 %

A economía letona baséase principalmente na agricultura e na industria téxtil e sidometalúrxica. Actualmente, o turismo perfílase como unha importante fonte de ingresos grazas ao patrimonio histórico do país. A súa transición a unha economía de mercado está provocando certas perturbacións (10% de paro e déficit orzamentario) e sacrificios nas políticas sociais.

A moeda nacional foi até o 31 de decembro de 2013 o lats letón (100 santami), substituído polo Euro no 2014, cando Letonia se una á Eurozona.[15]

A economia letona é unha das máis dinámicas dos novos socios da Unión Europea. Nos últimos anos o país báltico liderou o crecemento da UE con incrementos do 11,9%[16] no 2006 e do 8% no 2007.[17] Para o 2008 agárdase un crecemento do 8,5%.[18]

Demografía[editar | editar a fonte]

Composición étnica de Letonia
letóns
  
62.1%
rusos
  
26.9%
bielorrusos
  
3.3%
ucraínos
  
2.2%
outros
  
5.5%

Letonia é un país onde conviven á vez diversas etnias de linguas e relixións diferentes. Ao longo do século XX o país sufriu importantes cambios demográficos acontecidos debido ás guerras mundiais, a emigración dos alemáns do báltico, o Holocausto, e a ocupación da Unión Soviética.

Os letóns e livonios, os grupos étnicos nativos de Letonia, forman na actualidade ao redor do 62% da poboación, mentres que o 27% dos habitantes do país son rusos.[19] Aproximadamente o 56% dos rusos que viven en Letonia posúe a nacionalidade letona. As persoas que viñeron ao país mentres estaba ocupado pola URSS, e os seus descendentes nados antes de 1991, deben ser naturalizados para recibir a nacionalidade letona.

Nalgunhas cidades como Daugavpils e Rēzekne, os rusos e outras minorías como os bielorrusos, ucraínos, polacos, lituanos sobrepasan aos letones. A porcentaxe de letóns diminuíu do 77% (1.467.035) en 1935 ao 52% (1.387.757) en 1989.[20] No ano 2005 había incluso menos letóns ca no ano 1989, aínda que a súa porcentaxe é maior — 1.357.099 (58,8%).

A lingua oficial de Letonia é o letón, lingua que pertence ao grupo das linguas bálticas do grupo das linguas indoeuropeas. Ademais do letón, a case extinta lingua livona e a outra lingua nativa de Letonia. O livonio, protexido pola lei letona, pertence ao ramo finés das linguas fino-úgricas. Trátase dunha lingua moribunda que atualmente conta con apenas 35 falantes, dos cales tan só 10 son fluídos na lingua. Dentro da lingua letona destaca o dialecto Latgaliano, variante da lingua protexida pola lei. A lingua rusa, oficial durante a ocupación da Unión Soviética, é a lingua minoritaria máis espallada ao longo do país. De feito, o coñecemento do ruso é maior có do letñon, sendo o ruso coñecido polo 81% dos habitantes, mentres có letón é coñecido polo 79%.[21]

Relixión[editar | editar a fonte]

O cristianismo é a relixión principal no país, maioritariamente pertencentes á Igrexa Luterana con 450.000 fieis en 293 congregacións , á Igrexa Católica con 400.000 fieis en tres dioceses e á Igrexa Ortodoxa letona (igrexa semiautónoma baixo a xurisdición do Patriarcado de Moscova) maoritaria entre a minoría rusa. Da numerosa poboación de relixión xudía que había no país antes da Segunda Guerra Mundial tan só quedan 9.743. Outra relixión é a Dievturi (Os gardas de Deus), a cal ten a súa base histórica na era mitolóxica precristiá, pero que ten escasos membros, uns 600. A maioría da poboación non pertence a ningunha confesión relixiosa.

Cultura[editar | editar a fonte]

Ópera Nacional de Letonia
Exemplo de edificio Art Nouveau/Jugenstil
Neno letón coa bandeira do país

País europeo do leste, Letonia é máis coñecida, no campo cultural, polos intérpretes e compositores de música erudita, como é o caso de Gidon Kremer e varios cantantes de ópera, para alén dos seus Coros, premiados internacionalmente. As Latvju Dainas, cancións populares, copiladas por Baróns e Smits xa no século XX, son tamén motivo de orgullo nacional.

A produción poética é extensa.

A epopea "O Matador de Osos" (Lacplesis) de Andrejs Pumpurs é un símbolo nacional.

A cultura letona está moi marcada pola relación coa natureza. Marca diso mesmo é o feito dun dos seus eventos máis coñecidos, o Ligo (pronúnciese ligua), celebrado na noite máis curta do ano, ó igual cá noite de San Xoan. Celébrase de modo grupal, entre bailes e cancións, practicando algún deporte curioso (como guindar un facho a unha especie de caldeiro posto enriba dun mastro) ata o momento do solpor (no que os participantes entoan cancións tradicionais) e cando é o mencer, no que cantan o "Riita Saaule) ata que o sol está enteiro sobre o horizonte. O respecto polo ambiente é visíbel no cariño con que as cegoñas son tratadas neste país.

Riga, a capital de Letonia, é considerada a capital cultural do país. Nela atópase "a mellor mostra de edificios Art Nouveau de Europa", de feito, un terzo dos inmobles do centro da cidade están construídos neste estilo.[22] O seu centro histórico foi declarado Patrimonio da Humanidade pola UNESCO o 4 de decembro de 1997 grazas á "calidade e cantidade de edificios Art Nouveau/Jugedstil.[23] No casco histórico de Riga mesturanse edificios de estilo gótico, ecléctico, racionalista ademais do xa citado Art Nouveau. Dentro deste estilo destaca a contribución do arquitecto Mikhail Eisenstein, autor dalgúns dos mellores exemplos deste estilo da capital báltica.

Deportes[editar | editar a fonte]

O Arena Riga durante un partido do Dinamo Riga

O hóckey sobre xeo é un dos deportes máis populares en Letonia, con moitos xogadores famosos como Helmut Balderis, Artūrs Irbe, Kārlis Skrastiņš r Sandis Ozoliņš entre outros. O Dinamo Riga é o principal equipo do país, xoga na Kontinental Hockey League. Os Campionatos Mundiais de 2006 celebránose en Riga. Outro deporte con gran popularidade é o baloncesto, cunha longa tradición no deporte, o equipo nacional gañou o primeiro EuroBasket en 1935 e levou a prata en 1939. o xogador letón máis coñecido é Andris Biedriņš que xoga na NBA, salientando tamén outros como Jānis Krūmiņš, Maigonis Valdmanis, Valdis Muižnieks, Valdis Valters, Igors Miglinieks ou Gundars Vētra. O desaparecido equipo ASK Riga gañou tres veces a Euroleague. Na actualidade o VEF Rīga, que compite no EuroCup é o principal equipo letón, seguido do BK Ventspils, que participa na EuroChallenge, e que gañou a Liga de Baloncesto de Letonia oito veces e a BBL en 2013.

Outros deportes populares son o balonvolea, floorball, fútbol, tenis, ciclismo e bobsleigh. A selección de fútbol de Letonia participou por primeira vez nunha eurocopa por primeira vez en 2004.

Ao longo da súa historia Letonia logrou 19 medallas nos Xogos Olímpicos de verán e 7 nos de inverno. O atleta máis exitoso da historia de Letonia como estado independente foi Māris Štrombergs, dúas veces campión olímpico, 2008 e 2012, en BMX masculino.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. CIA Factbook: Latvia
  2. "Data: 3000 BC to 1500 BC". The European Ethnohistory Database. The Ethnohistory Project. http://life.bio.sunysb.edu/ee/msr/Ethno/dategen1.html. Consultado o 2006-08-06. 
  3. "The Crusaders". City Paper. 2006-03-22. http://www.balticsworldwide.com/Crusaders.htm. Consultado o 2007-07-28. 
  4. http://www.riga-hotel-guide.com/en/latvia-tourist-information/basic-facts.php Latvia hotel guide
  5. Lakes and Rivers
  6. Facts about Latvia lkb.lv
  7. Letonia: Un pa�s europeo cun impresionante atractivo natural
  8. Parks, Reserves, and Other Protected Areas in Latvia
  9. Enviromental indicators in Latvia 2002
  10. Mammals of Latvia
  11. [1]
  12. Status of Brown Bear in Latvia
  13. Enviromental indicators in Latvia 2002
  14. Enviromental indicators in Latvia 2002
  15. "Letonia se convierte en el decimoctavo país de la eurozona" artigo en La Vanguardia, 1 de xaneiro de 2014 (en castelán).
  16. O PIB de Letonia medrou en 2006 un 11,9 por ciento
  17. UE-25: o maior crecemento económico corresponderá aos novos países membros en 2007
  18. España crecerá un 2,6% en 2008, por riba da media europea, pero lonxe dos países punteiros da UE
  19. Census 2011
  20. http://www.lka.edu.lv/modules.php?op=modload&name=News&file=index&topic=68 About Latvia Latvian Academy of Culture
  21. Ministry of Foreign Affairs of Latvia "A lingua rusa posúe unha saúde robusta en Letonia, xa que os rusos constitúen a maioría ou unha importante porcentaxe da poboación en moitas cidades e vilas. Practicamente a maioría dos letóns falan ruso, ademais, hai que engadir a forte presenza da cultura rusa na sociedade letona. En efecto, o legado da política de rusificación soviética segue a ser evidente en Letonia, como amosa o censo do 2000 no país, o cal mostra co ruso e máis coñecido no país có letón: o 81% dos habitantes pode falar ruso, mentres un 79% pódeo facer en letón."
  22. Riga, una ciudad de detalles
  23. http://whc.unesco.org/en/list/852

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Oficiais[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Letonia

Outras[editar | editar a fonte]