Les Rêveries du promeneur solitaire

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Les Rêveries du promeneur solitaire
Autor/aJean-Jacques Rousseau
Lingualingua francesa
Xénero(s)autobiografía, ficción e narración
Data de pub.1782
editar datos en Wikidata ]

Les Rêveries du promeneur solitaire (en galego Os soños do paseante solitario), é unha das últimas obras do filósofo suízo Jean-Jacques Rousseau, escrita entre 1776 e 1778 e publicada postumamente en 1782.

Historia do texto[editar | editar a fonte]

Cando Rousseau escribe Les Rêveries du promeneur solitaire entre París e o seu refuxio no castelo picardo de Ermenonville, logo de sufrir un proceso de acoso contra a súa persoa e contra as súas obras, que é parte fundamental do propio texto. Comezado probabelmente a finais de 1776, a súa redacción prolóngase ata unhas semanas antes da súa morte, na pascua de 1778, de xeito que a obra quedou inacabada e que se publicou por primeira vez, de xeito póstumo, en 1782.

Descrición da obra[editar | editar a fonte]

O lago de Bienne

A obra, malia estes problemas editoriais, é un dos títulos principais do romanticismo europeo. Ten un marcado carácter reflexivo e autobiográfico, e nel debulla Rousseau algunhas das súas opinións sobre a felicidade, a paisaxe, a natureza e o home. Está dividido en dez capítulos, chamados paseos (promenades), de tamaño e estrutura desiguais.

Nestes, o autor fala en primeira persoa e incorpora distintos detalles sobre a súa vida nun conxunto discursivo de carácter filosófico. A obra segue pois o espírito doutros títulos de Rousseau, como Les Confessions[1] ou Les Dialogues, polo seu carácter filosófico e autobiográfico. A novidade reside en que a desculpa para os monólogos son a saída ao campo e o paseo pola natureza, onde o filósofo a miúdo valora a soidade, a tranquilidade e o carácter esgrevio do ambiente.

Estrutura da obra[editar | editar a fonte]

O primeiro paseo actúa a modo de presentación, e recolle a motivación de Rousseau para escribir esta obra: a decepción pesimista ante o xénero humano e a perda da esperanza. Tamén explica a estrutura, e por que concibe o libro como o conxunto de reflexións que realiza cando sae a pasear ao campo.

O segundo paseo céntrase na causa real da escrita. Conforme conta Rousseau, o 24 de outubro de 1776, mentres se atopaba paseando polos agros de Menil-Montant (daquela unha viliña, na actualidade un barrio de París), un gran danés que vén correndo diante dun carro chimpa con el ao chan e déixao inconsciente. Rousseau ve no accidente, e na reacción dos ruxerruxes culturais franceses que o chegan a dar por morto[2], o argumento dunha conspiración contra a súa persoa. Se lle sumamos a isto un incidente coa escritora madame d'Ormoy, que cita a Rousseau no prólogo dunha novela súa, e mais a sospeita de que había quen quería aproveitar a súa morte para editar falsos escritos del, créase no autor un estado de completa paranoia[3].

O terceiro paseo comeza cunha cita de Solón (cheguei a vello aprendendo todos os días), e reflexiona nela sobre o coñecemento e a ancianidade. No cuarto, que arrinca de Plutarco, volta ao tema da verdade e da mentira, como xa fixera nas Confessions, a partir dunha anécdota de mocidade, cando roubou unha fita nun funeral e lle botou a culpa á cociñeira, que foi castigada. Na opinión de Rousseau, este é un exemplo de mentira reprobábel porque causa un dano a outras persoas, pero recoñece a existencia doutros tipos de mentiras, provocadas pola timidez, a vergoña ou o pracer, que non son moralmente problemáticas. Rousseau, como bo romántico, leva o debate moral ao terreo das persoas, á perspectiva humana.

O quinto paseo céntrase na contemplación da natureza a partir da lembranza da súa estadía, durante dous meses, na illa de Saint Pierre, no lago suízo de Bienne, cando se refuxiou aló logo de que lle acantazaran a casa de Môtiers. Nela louva a vida retirada, a ataraxia e a felicidade que outorga a contemplación.

No sexto monologa sobre a bondade e as correctas actuacións, e insiste, como xa fixera no cuarto, nunha moral individual, que ten ao home, e non a deus ou a regras exteriores, como referente desa bondade. No sétimo regresa á natureza e explica que función ocupou a botánica e a catalogación de herbas e plantas na súa vida intelectual. Presenta unha botánica hedonista, onde o pracer se deriva da contemplación, do exame, da diversidade natural, e rexeita expresamente as visións utilitaristas da botánica como ciencia auxiliar da medicina.

O oitavo paseo condensa o pensamento rousseauniano sobre a soidade e o illamento como vía para acadar a felicidade. Como consecuencia dese complot que o persegue, a separación do mundo é unha vía para a ataraxia, unha posibilidade para a calmada reflexión e para a contemplación da natureza, e para o acceso a un coñecemento ao que se chega primariamente a través da percepción e non da razón.

O noveno paseo é unha mestura de paseos ocasionais xunguidos pola reflexión común sobre a infancia, a honradez e a sinxeleza das xentes populares, e parte dunha recensión de D'Alembert sobre o amor polos nenos, comentario que move a cavilación de Rousseau sobre a razón de abandonar os seus fillos no orfanato.

O décimo paseo non está rematado, e é de extensión moi breve. Dedícao ao amor que sente por Françoise-Louise de Warens, de quen fora criado na mocidade e posteriormente amante, e lembra os anos de convivencia no campo con ela. Comeza cunha datación da pascua de 1778, só uns días antes da súa morte.

En galego[editar | editar a fonte]

Les Rêveries du promeneur solitaire non están aínda traducidas ao galego. Porén, Ramón Otero Pedrayo traduciu parágrafos enteiros e incluíunos no seu discurso de ingreso[4] na Real Academia Galega. Otero, que tomou moitos elementos[5] das Rêveries de Rousseau, cítao tamén noutro artigo e refírese a esta como fonte de inspiración: Temos [nelas] maneira de paisaxe garimosa os primeiros romántecos[6].

Botánica[editar | editar a fonte]

Picris hieracioides

As Rêveries están inzadas de referencias botánicas. No segundo paseo Rousseau comenta o achado de tres plantas, a Picris hieracioides, a Bupleurum falcatum e a Cerastium aquaticum, nas proximidades de París. No quinto, enumera todos os labores da catalogación botánica da illa de Saint Pierre, que dividiu en parcelas para realizar un traballo sistemático, e onde se refire a todo tipo de plantas, liques e musgos cos seus nomes xenéricos.

O sétimo paseo é sen dúbida o máis centrado na exploración do mundo vexetal, e nel describe como a botánica estivo presente na súa vida, primeiro como actividade de lecer na catalogación, despois como sinal da súa vellez destruíndo e desfacéndose do seu herbario por non poder atendelo, e finalmente como recuperación do pracer da contemplación vexetal nos últimos anos da súa vida. Cita o Regnum vegetabile de Murray e lembra algunhas das súas saídas ao campo para catalogar plantas en vexetais, tanto en París como nos Alpes suízos. Para Rousseau a botánica debe separarse da medicina e da farmacia e non entende o utilitarismo posto que el ve o reino vexetal como fonte de pracer máis que de coñecemento[7]. E detense nun sucedido que lle aconteceu cando atopou un arbusto Hippophae rhamnoides e comeu sen máis consecuencias algunhas das súas bagañas, a pesar da advertencia dun paisano da ribeira do Isère de que eran velenosas[8].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Rousseau, Jean-Jacques, Les Rêveries du promeneur solitaire, Oeuvres complètes I, Bibliotèque de la Pléiade, 1959, páxina 1000. Estas follas poden pois verse como un apéndice das miñas 'Confessions'
  2. Le Courier d'Avignon, 20 de decembro de 1776
  3. Rousseau, Jean-Jacques, Les Rêveries du promeneur solitaire, Oeuvres complètes I, Bibliotèque de la Pléiade, 1959, páxina 1009-10. Este conxunto de innúmeras circunstancias fortuítas; o ascenso de todos os meus inimigos máis crueis por causa, digámolo así, da fortuna; de todos os que gobernan o Estado; de todos os que dirixen a opinión pública; de todas as xentes importantes do momento; de todos os homes relevantes escollidos de entre aqueles que teñen contra miña unha imizade secreta; ao concorreren todos nun mesmo complot común, creo que este acordo universal é demasiado extraordinario para que sexa puramente fortuíto
  4. Otero Pedrayo, R. Romantismo, saudade, sentimento da raza e da terra en Pastor Díaz, Rosalía de Castro e Eduardo Pondal (Santiago: Nós, 1931).
  5. Craig Patterson, Galician Cultural Identity in the Works of Ramón Otero Pedrayo (Lampeter: Mellen, 2006)
  6. Notas encol da paisaxe romántica, Nós 38 (1927), 8–10.
  7. Rousseau, Jean-Jacques, Les Rêveries du promeneur solitaire, Oeuvres complètes I, Bibliotèque de la Pléiade, 1959, páxina 1068-69: Semella que as plantas foron sementadas con profusión na terra ao igual cás estrelas no ceo, para convidar o home a que estude a natureza co engado do pracer e da curiosidade.
  8. Rousseau, Jean-Jacques, Les Rêveries du promeneur solitaire, Oeuvres complètes I, Bibliotèque de la Pléiade, 1959, páxina 1072-73.