Les Passions de l'âme

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Primeira edición de Les Passions de l'âme

Les passions de l'âme, publicado en París no ano 1649, é o último tratado publicado en vida, do filósofo, matemático e físico francés René Descartes. Foi dedicado á princesa Isabel de Bohemia e está escrito en francés.

Nel, o autor contribúe a unha longa tradición de teorización das "paixóns", asociándoo deste xeito, á filosofía moral. Estas paixóns eran experiencias coñecidas actualmente como emocións e constituían dende a época de Platón unha razón de debate entre filósofos. Aborda o punto de vista fisiolóxico como novidade, sendo precursor da neurofisioloxía.

Esta obra permítelle tamén aclarar cuestións formuladas en obras anteriores. Por exemplo, para o problema da interacción mente-corpo proponse a teoría dos "espíritos animais". Por outra parte, en relación coa teoría da acción, Descartes presenta un regulamento provisional máis logrado, baseado no coñecemento das leis fisiolóxicas, que o esbozado na obra Discurso do método.

Orixe da obra[editar | editar a fonte]

Descartes mantivo unha correspondencia escrita coa princesa Isabel de Bohemia, na que respondía as súas cuestións morais, fundamentalmente ás relacionadas coa natureza da felicidade, das paixóns e da ética, como levar a cabo a súa vida. O tratado pode interpretarse, deste xeito, como unha síntese dese intercambio epistolar entre ambos os dous.

Relación entre filosofía moral e ciencia[editar | editar a fonte]

No século XVII, dentro do contexto de desenvolvemento do pensamento científico abandonouse a idea do cosmos a favor dun universo aberto formado por leis inviolables, as accións humanas xa non dependen da comprensión da orde e o mecanismo do universo, senón do coñecemento da natureza, da que o home forma parte.

Foi así como Descartes quixo tratar as paixóns non dende un punto moralista, nin dende unha perspectiva psicolóxica, senón como un método de explorar un aspecto fundamental da ciencia natural. Facendo isto, non rompe soamente coa tradición aristotélica, tamén cos estoicos e cristiáns que as definen coma enfermidades da alma e que deben ser tratadas como tales. Pode o autor polo tanto afirmar que as paixóns "todas son boas por natureza e simplemente temos que evitar o seu mal uso e os seus excesos" (art. 211).

No concepto da visión mecanicista da vida, vinculado á aparición da ciencia moderna no século XVII, Descartes percibe o corpo coma unha máquina autónoma: pode moverse de xeito independente da alma. Foi a partir desa percepción psicolóxica do corpo que desenvolveu as súas teorías sobre as paixóns. Anteriormente consideradas coma unha anomalía, convertéronse nun fenómeno da natureza, o que esixe unha explicación científica.

A noción da paixón[editar | editar a fonte]

O tratado baséase na filosofía que Descartes desenvolveu nos seus libros anteriores, especialmente na distinción entre alma e corpo: a alma pensa pero é incorpórea, o corpo defínese principalmente pola súa forma e movemento. Isto é o que se coñece como dualismo cartesiano. É unha oportunidade para profundar sobre todo o misterio entre a unión destas dúas substancias (mente e corpo).

As paixóns como as entende o autor, aproxímanse ás agora coñecidas emocións; con todo, hai diferenzas significativas entre o entendido na súa época como paixón e o que actualmente é unha emoción. A principal delas é que a paixón, como a etimoloxía da palabra suxire, é pasiva ou sostida, é dicir, que a experiencia é causada por un obxecto externo ao suxeito. Pola contra, a psicoloxía moderna considera que as emocións son concibidas como un evento que provén do interior do suxeito, e polo tanto, máis ben producido por el.

En As paixóns da alma, Descartes defíneas como "percepcións, sentimentos ou emocións da alma, referidas especificamente a ela, e que son causadas, mantidas e fortalecidas por algún movemento dos espíritos" (art. 27). Os espíritos mencionados nesta definición son aqueles ós que o autor chama "espíritos animais", e son a noción clave para entender a súa fisioloxía. Estes funcionan de xeito similar á forma na que a medicina agora inclúe o sistema nervioso. Explica que estes espíritos animais son producidos polo sangue e é o responsable da estimulación dos movementos do corpo. No que afecta ós músculos, por exemplo, os espíritos animais "moven o corpo das diversas maneiras en que pode moverse" (art. 10).

Descartes non rexeita as paixóns, en principio, no seu lugar, destaca o seu papel beneficioso para a existencia humana. Sostén que os seres humanos deben traballar para entender mellor a súa función coa fin de controlalas e non ser controlados por elas. Así "os que teñen a alma máis feble poderían adquirir un dominio completamente absoluto sobre todas as súas paixóns, se empregaran suficiente habilidade ao formalas e guíalas" (art. 50)

Organización do Tratado[editar | editar a fonte]

A organización da obra é indicativa da filosofía do autor. Aplica o seu famoso método da filosofía moral, Descartes divide así o problema das paixóns da alma nos seus compoñentes máis simples e básicos. Faise unha distinción entre seis paixóns primarias ou primitivas: marabilla, amor, odio, desexo, alegría e tristeza. A partir destas, Descartes comeza a investigación dos seus efectos fisiolóxicos e as súas repercusións no comportamento humano. A continuación realiza a súa combinación para atopar todo o espectro das paixóns.

O libro divídese en tres seccións principais:

  1. Das paixóns en xeral: e, ocasionalmente, de toda a natureza do home.
  2. Do número e da orde das paixóns e da explicación das seis primitivas.
  3. Das paixóns particulares.

Dentro desas tres partes pódense atopar 212 artigos de pouca extensión, que son rara vez máis duns poucos parágrafos.

Problemas filosóficos[editar | editar a fonte]

Ilustración da relación mente-corpo. As sensacións transmítense polos órganos sensoriais á glándula pineal no cerebro, e despois ao espírito.

Estatuto do suxeito[editar | editar a fonte]

Aínda que poida resultar sorprendente As paixóns da alma é sen dúbida o libro máis importante de todas as obras de Descartes. De feito, escribiu este libro en resposta a unha inquietude filosófica aguda, que mesmo podería causar a destrución do anterior sistema cartesiano.

O problema é que paixón, unida á natureza humana, pon en perigo a supremacía do suxeito pensante que Descartes puxera no centro do seu sistema filosófico, sobre todo no Discurso do método. O autor fixera do suxeito pensante o fundamento da certeza obxectiva que permitiu a posibilidade de coñecer o mundo; na súa famosa frase: "Penso, logo existo". Pero se as paixóns perturban ó home, tanto no seu comportamento, coma no seu pensamento, este viuse obrigado a dubidar da verdade das súas propias percepcións.

Ademais, unha nova distinción entre os escritos de Descartes sobre física e natureza humana é a relación coa aristotélica teleoloxía. Mentres que el argumenta en contra da existencia dunha causa final da física, a natureza do seu traballo sobre o exame das orixes e funcións de desexos na alma humana necesita a existencia dunha meta final, cara a que o individuo está a traballar.

A relación mente-corpo[editar | editar a fonte]

Outro problema é a dualidade cartesiana. Na primeira parte do libro Descartes cuestiona a relación entre a substancia pensante, a alma, e mais o corpo. Para el, o único vínculo entre as dúas substancias é a glándula pineal, onde a alma se une ao corpo dalgunha maneira.

As paixóns que Descartes estuda son en realidade obras do corpo sobre a alma. Esta experimenta a influencia do corpo e, polo tanto, a das paixóns. Na forma en que o autor o explica, os "espíritos animais" estimulan a glándula pineal e causan moitos problemas (ou emocións fortes) na alma.

A combinación das paixóns[editar | editar a fonte]

As paixóns atacan a alma e obrigan ao corpo a cometer accións inapropiadas. Polo tanto, era necesario estudar, na segunda parte do seu tratado, os efectos particulares de cada unha delas por separado e as distintas formas nas que estas se podían manifestar. O estudo das paixóns permite comprender mellor e ter en conta estes elementos que, doutro modo, poden perturbar a capacidade de razoamento racional dun ser humano.

Ao mesmo tempo, a modernidade de Descartes tamén debe ser apreciada. Incluso esbozando as paixóns e o seu efecto, nunca emite unha prohibición xeral na súa contra como defectos humanos mortais que deben evitarse a toda costa. Son recoñecidas coma un aspecto inherente da humanidade, que non debe tomarse coma unha aberración. Por outra parte, o papel das paixóns no corpo non é insignificante. Descartes indica que deben ser aproveitadas coa fin de saber que é bo e malo para o corpo, e, polo tanto, para o individuo (art. 211 e 212).

Deste xeito, o traballo está dedicado maiormente á enumeración das paixóns e os seus efectos. Comeza coas seis básicas ou primitivas e logo sobre as específicas que derivan da súa combinación. Por exemplo, o desprezo e a autoestima son dúas das paixóns derivadas da fundamental de admiración. A máis valorada por Descartes é a xenerosidade.

O control das paixóns[editar | editar a fonte]

Para Descartes, nada podería ser máis prexudicial para a alma, e polo tanto, para o proceso de pensamento, que o corpo. Sostivo que as paixóns non son daniñas en si mesmas. Para protexer a independencia dos pensamentos e garantir a comprensión dun home da realidade, sen embargo, indicou que é necesario coñecer as paixóns, e aprender a controlalas ca fin de outorgarlles o mellor uso posible. Tamén é necesario que o home se esforce por dominar a separación que existe entre o corpo físico e mais a mente.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Descartes, René (1997). Las pasiones del alma. Madrid: Tecnos. ISBN 84-309-3111-2.