Leonado

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mostra do esmalte leonado (esquerda) e maneira convencional de representalo nos gravados (dereita).

En heráldica, o leonado é un esmalte de cor marrón. Este esmalte non se dá na heráldica española, pero si, por exemplo, nas heráldicas francesa (onde se denomina tenné ou tanné) e británica (onde se denomina tenné).

Na heráldica británica este esmalte non se considera cor, metal nin forro, se non que se atopa nunha categoría á parte denominada «mancha» (stain), xunto con outras dúas cores: o púrpura (murrey) e o sanguíneo (sanguine). Historicamente, algúns heraldistas sinalaron que estas «manchas» eran os esmaltes indicados para agregar ós escudos brisuras denotativas de infamia, pero outros autores, ó non atoparen exemplos diso, dubidan de que algunha vez estas brisuras se levasen á práctica.[1]

O uso e a definición deste esmalte non están libres de confusión. O xenealoxista inglés William Berry, por exemplo, escribe nun tratado de heráldica do século XIX que o leonado (tenné) é unha cor próxima ó castaño, mestura de amarelo, vermello e marrón;[1] mentres que o heraldista A.C. Fox-Davies, a comezos do século XX, describe ó alaranxado da heráldica inglesa (orangé) como idéntico ó leonado (tenné), aínda que comenta que a heráldica alemá posee un alaranxado que parece ser independente do leonado.[2]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 Berry, William (1828?-40?). Encyclopaedia Heraldica; or, Complete Dictionary of Heraldry, Vol. 1 (en inglés). Sherwood, Gilbert and Piper. Consultado o 15 de abril de 2012. 
  2. Fox-Davies, Arthur C. (1909). A Complete Guide to Heraldry (en inglés). T.C. & E.C. Jack. p. 74. Consultado o 27 de maio de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]