Leo Nardus

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Retrato de Leo Nardus, aparecido no libro de Frank Marshall Marshall's chess "swindles", Nova York 1914

Leo Nardus[1], rexistrado ao nacer como Leonardus Salomon, nado en Utrecht o 5 de maio de 1868 e finado en Tunes o 12 de xuño de 1955, foi un tirador de esgrima, pintor, coleccionista e marchante de arte neerlandés, gañador dunha medalla olímpica.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Procedente dunha familia xudía, era fillo de Manus Salomon, anticuario, e Catharina Alida Berlijn.[2]. Interesado na pintura, Nardus estudou na Rijksacademie, influído principalmente polo seu profesor Sybrand Altmann[3], a súa obra consiste principalmente en retratos e pinturas de xénero. Tras terminar os seus estudos pasou algún tempo en París. En 1889 acompañado do seu amigo Michel van Gelder realizou unha breve expedición á rexión do Chaco, na Arxentina para atopar ouro, que quedou nun fracaso. Tras volver a París marchou aos Estados Unidos como marchante de arte en 1894 e consegue unha considerable fortuna, aproveitando a alta aceptación que tiña a pintura neerlandesa entre os millonarios norteamericanos, sospeitándose sen chegar a probarse que vendeu algunhas pezas de cualidade dubidosa como pezas mestras [4]. Regresou de novo a París co novo século.

Castelo de Arnouville, onde viviu algún tempo tras casar en 1904

En 1904 casou en Londres, con Hélène Jeanne Marie Bourgeois, filla dun marchante de Colonia, a parella estableceuse no castelo de Arnouville, na periferia de París.[5] coa que tivo dúas fillas e da que se divorciou en 1911. Participou nos Xogos Olímpicos de 1912 en Estocolmo co equipo neerlandés de espada, logrando a medalla de bronce. En 1913 realizou a súa primeira exposición individual na Galería Rosenberg de París, e o 23 de xaneiro de 1917 realizou unha subhasta a beneficio da Cruz Vermella de Francia e Bélxica. Afeccionado ao xadrez foi mecenas de David Janowski e Frank Marshall. Viaxou numerosas veces ao norte de África: Alxeria, Exipto pero sobre todo Tunisia, territorio no que se acabará establecendo en 1921, confiando a súa colección de obras de arte ao seu amigo Arnold van Buuren, e facendo edificar un palacio en mármore rosa en cidade balneario de La Marsa onde se mantivo arredado da vida social tunisiana, realizando pinturas de paisaxes e escenas da vida corrente e retratos de beduínos. En 1941 os nazis arrestaron a Van Buuren confiscándolle a colección de arte e a partir de entón Nardus comezou a ter problemas económicos, véndose obrigado a veder a súa residencia en 1951. En 2010 as obras decomisadas polos nazis fóronlles restituídas aos seus descendentes[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Por decreto real de 1911 obtivo autorización para cambiar o apelido
  2. Het Utrechts Archief, Geboorteregister Gemeente Utrecht, 1868. Por erro aparecen como Emanuel Salomon e Alida Ballen, recollido en Narriman El Kateb-Ben Romdhane, Léo Nardus: Un peintre hollandais en Tunisie, 1997, citado por "Léonardus Nardus"
  3. ‘...et [Nardus] fit ses études à l’Académie des Beaux Arts d’Amsterdam (Altmann)...’, in: L'Œuvre de Léonardus Nardus: Tableaux et dessins cédés par lui à Croix Rouge française et belge: vente publique le 23 janv. 1917 ... chez Frederik Muller et Cie ..., Amsterdam 1917, 12 pp.
  4. Esmée Quodbach, ‘American Collections Rich in Dutch Art: De eerste Amerikaanse reis van Cornelis Hofstede de Groot in 1908’, in: Luuk Pijl et al. (red.), Van Cuyp tot Rembrandt: De verzameling Cornelis Hofstede de Groot, Gent/Groningen 2005 p. 77.
  5. Narriman El Kateb-Ben Romdhane, Léo Nardus: Un peintre hollandais en Tunisie, 1997, citado por "Léonardus Nardus"
  6. http://www.charentelibre.fr/2010/11/15/esse-il-traque-les-oeuvres-spoliees-par-les-nazis,1006596.php

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]