Lenda do Galo de Barcelos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Figuriña do Galo de Barcelos.

A lenda do Galo de Barcelos, narra a intervención milagrosa dun galo morto na proba da inocencia dun home acusado erradamente[1]. Coñecida en Portugal como a "Lenda do Señor do Galo", ten varias versións e forma parte do repertorio medieval e xacobeo de lendas ou hagiografias de aforcados salvos polo milagre dun galo, neste caso con vencello ao Camiño Portugués a Santiago de Compostela.[2][3][4][5] O relato é similar á lenda de Santo Domingo de la Calzada, sendo a de Barcelos unha versión serodia de case tres séculos da rexistrada no Códice Calixtino.[6] O relato escrito máis antigo da versión portuguesa data de 1867, autoría de Domingos J. Pereira[7]  

Cruceiro de Barcelos.

O suceso quedou representado nun cruceiro actualmente situado como espolio do Museo Arqueolóxico de Barcelos[8]. Tamén nomeado Cruceiro do Señor do Galo, a súa data de fabricación é motivo de polémica, sendo recollido como do século XIV por algúns autores e para outros entre finais do XVII ou principios do XVIII.[9] O monumento atopábase na veciña parroquia de Barceliños, no lugar da Forca Velha a carón dunha forca de pedra de cantería permanentemente levantada que serviu até o 26 de xaneiro de 1712.[10]

Durante o Estado Novo esta lenda foi identificada coa tradición artesanal oleira dos galos de roda que polo menos dende a década de 1930 tiña lugar en Barcelos[2]. Dende entón, ficou asociada incorrectamente como sustento folclórico ou mito destas pezas que o réxime de Antonio de Oliveira Salazar popularizou como símbolo turístico do Portugal.[11][12]

Historia[editar | editar a fonte]

Un peregrino galego que saía de Barcelos camiño de Santiago de Compostela foi acusado de roubarlle prata a un terratenente e condenárono a morrer na forca. Como última vontade, pediu un encontro co xuíz, que se preparaba para comer un galo asado. O galego xuroulle que, como proba da súa inocencia, o galo se ía levantar do prato e cantaría. O xuíz empurrou o prato para un lado e ignorouno.

Con todo, cando o preso estaba a ser aforcado, o galo levantouse e cantou. O xuíz, comprendendo o seu erro, correu para a forca e descubriu que o galego se salvara grazas a un nó mal feito.

De acordo coa lenda, o galego volveu anos máis tarde para esculpir o Cruzeiro do Senhor do Galo, agora no Museu Arqueológico de Barcelos.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. De Castro Pires de Lima, Fernando (1965). A lenda do senhor Galo de Barcelos e o milagre do enforcado (en portugués). Prólogo de Ramón Otero Pedrayo. Lisboa: Fundaçao Nacional Para a Alegria no Trabalho Gabinete de Etnografia. OCLC 253101417. 
  2. 2,0 2,1 Muga Rodríguez, Elisabete (2008). Universidades Lusíada, ed. ""O Galo de Barcelos" Do Mito, do Símbolo, do Ícone". Academia.edu (en portugués). Dissertação para obtenção do Grau de Mestre. Consultado o 02/07/2020. 
  3. Pazos, Fernando (2008). "La Tradición del "Milagro del Ahorcado y el Gallo" en los caminos de Santiago. Santo Domingo de la Calzada, Barcelos, Fondo". Peregrino: revista del Camino de Santiago (en Castelán) (119): 38–39. ISSN 1576-0065. 
  4. Almeida, Carlos (2000-2002). "O Cruzeiro do Senhor do Galo na Devoção Jacobeia". Barcelos (en portugués) (Barcelos) (11-12-13): 97. 
  5. Atienza, Juan (2018). Leyendas del Camino de Santiago (en Castelán). Edaf. p. 14-15. ISBN 978-84-414-3114-0. 
  6. Na exposición citada de Elisabete Muga Rodríguez refírese na páxina 13 que "O milagre do galo asado trasladouse non obstante de Rioxa para Barcelos e foi solemnizado con algúns séculos de separación: «Pode afirmarse, cunha correcta marxe de seguranza, que a  transposición do milagre do enforcado, da lenda escrita para o cruceiro, un auténtico libro de pedra, é a ultima das grandes manifestacións xacobeas e de espírito eminentemente medieval. Foi feito fóra do tempo, talvez cun atraso de 3 séculos, mais tampouco sabemos cando, por estas terras do Miño, realmente foi divulgado o milagre do Santo Domingo da Calzada. (ALMEIDA, 2000-2002) " (Tradución do texto orixinal en portugués)
  7. Pereira, Domingos Joaqim (1867). Memoria histórica da villa de Barcellos, Barcelinhos e Villa Nova de Famelicao (en portugués). TYP de Andrade J. Pereira & filho. pp. 205–209. 
  8. Lonely Planet (2017). Portugal (en Castelán). Editorial Planeta S.A. p. 434. ISBN 978-84-08-16526-2. 
  9. Sant' Anna, Dionisio; VV. AA. (2013). Guía de Portugal (en portugués). IV - Entre Douro e Minho / II Minho (4ª ed.). Fundaçao Calouste Gulbenkian. pp. 942–943. ISBN 972-31-0635-3. 
  10. A data e situación orixinal do Cruceiro do Senhor do Galo foi aportada por A.M Amaral Ribeiro e publicado no libro Noticia Descriptiva da Muito Nobre e Antiga Villa de Barcellos do ano 1866 e posteriormente recollido por Domingos Pereira na súa obra citada Memoria histórica da villa de Barcellos, Barcelinhos e Villa Nova de Fameliçao publicado un ano despois.
  11. «A lenda que o cruceiro do «Señor do Galo», non obstante tamén chamado de 'Barcelos', que nos ilustra, non parou na súa capacidade de orixinar fenómenos culturais. A lenda do cruceiro do Señor do Galo era de hai moi coñecida. Obxectivamente e até 1963, ela non tivo nada que ver, nin xeográfica, nin cronolóxica, nin mentalmente, coa figura do galo cerámico que o turismo lanzara e tanto desenvolveu. Aquel ano, F. Pires de Lima publica un libro sobre A Lenda do Galo de Barcelos e o Milagre do Enforcado (Lisboa, 1963) a que se seguiu unha conferencia local, onde o autor ensaiou o estudo comparativo desa narrativa e afirmou a posibilidade de haber unha relación entre o galo da lenda e o da cerámica. Poderá parecer, mais, até ese momento, non había calquera conexión. Mais tanto bastou para que persoas locais o pasasen a crer e os axentes e guías de turismo o divulguen máis. E o galo que era xa un númen da cidade de Barcelos e tiña unha ascendencia moi curta e até avergoñada por ser un simple fenómeno de cadro da feira de Barcelos e do turismo ficou cunha apetecida orixe relixiosa. E así naceu un mito.» páxinas 30-31 do citado "O galo de Barcelos" Do Mito, do Símbolo, do Ícone, de Elisabete Muga Rodríguez (tradución do texto orixinal en portugués)
  12. Ribeiro Carla, Carla; Ribeiro (Agosto de 2019). "As mil e uma vidas do galo de Barcelos". Jornal de Noticias. História (en portugués) 21 (21): 10–33.