Lemon of Troy

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Episodio de The Simpsons
"Lemon of Troy"
Episodio número 127
Código de produción 2F22
Data orixinal da estrea 14 de maio de 1995
Produtor(es) executivo(s) David Mirkin
Escrito por Brent Forrester[1]
Dirixido por Jim Reardon[1]
Gag do encerado "The First Amendment does not cover burping."[2]
("A Primeira Enmenda non dá a liberdade de eructar.")
Gag do sofá O salón aparece en branco e negro; os Simpson entran, con aspecto semellante aos debuxos sorrintes dos anos 30, e comezan a bailar[1].

"Lemon of Troy" (en galego, "O limoeiro de Troia") é o vixésimo cuarto episodio da sexta temporada da serie de animación The Simpsons. A súa primeira emisión foi o 14 de maio de 1995[2]. Neste episodio, os cativos de Springfield declaran a guerra aos de Shelbyville despois de que estes últimos roubasen o limoeiro da cidade.

"Lemon of Troy" foi escrito por Brent Forrester e dirixido por Jim Reardon. O título vén do nome Helena de Troia da mitoloxía grega. Para o episodio, os animadores deseñaron unha versión non contaminada de Springfield. Nel, fanse diversas referencias á canción "When Doves Cry" e á película Mad Max 2.

Argumento[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

Cando Marge cacha a Bart pousando as mans no cemento fresco dunha obra pública, explícalle a importancia de estar orgulloso da cidade e do patriotismo. Bart dáse de conta do marabilloso que é vivir en Springfield e anóxase, en consecuencia, cos habitantes que a odian, os da cidade veciña de Shelbyville. O avó Simpson cóntalle que a rivalidade entre Springield e Shelbyville vén xa doutrora, na fundación das dúas cidades. Coméntalle que os fundadores Jebediah Springfield e Shelbyville Manhattan descubriron que tiñan grandes diferenzas na concepción dunha cidade perfecta.

Ao outro día, os cativos de Shelbyville rouban o limoeiro de Springfield. É daquela cando Bart, Milhouse, Nelson, Martin, Todd e Database se somerxen en Shelbyville para recuperaren o limoeiro perdido. Non obstante, os nenos pérdense. Entón Bart disfrázase para infiltrarse entre os mozos de Shelbyville, pero non é capaz de obter información. Finalmente, os nenos de Springfield atopan a árbore nun depósito municipal.

De volta en Springfield, Homer, usando a caravana de Ned, lidera un grupo de adultos para iren na procura dos seus fillos. Cando os atopan, únense a eles na recuperación do limoeiro. Usando un plan similar ao do cabalo de Troia, Bart conduce a caravana ata as aforas do hospital e esta é levada ao depósito. Ao caer a noite, os de Springfield saen e atan a árbore á parte superior do vehículo. Descóbrenos pero conseguen escapar e devolver a planta ao seu lugar orixinal, aínda que considerablemente danada pola accidentada viaxe.

Os detalles da trama e/ou do argumento rematan aquí.

Produción[editar | editar a fonte]

A voz do pai de Shelby está baseada na de Walter Matthau.

Brent Forrester escribiu "Lemon of Troy", o seu segundo episodio de The Simpsons[3]. Jim Reardon encargouse da dirección do mesmo[3]. Axiña na etapa de produción, os guionistas decidiron que o líder dos nenos de Shelbyville, Shelby, e mais seu pai deberían asemellarse a Bart e Homer[4]. A voz de Shelby proporcionouna Tress MacNeille e a do seu pai, Hank Azaria, quen baseou a súa interpretación en Walter Matthau[5]. Orixinalmente, Dan Castellaneta, voz de Homer, tomara como referencia a Matthau para darlle vida ao seu personaxe[5].

Os guionistas querían que os cativos de Springfield tivesen unha zona sen polución, e os animadores deseñaron unha versión idílica da cidade[5]. Debuxaron varias escenas dos nenos correndo a través de ríos e bosques non contaminados[5]. Do mesmo xeito, déronlle á natureza de Shelbyville unha aparencia máis escura en comparación coa de Springfield[4].

Referencias culturais[editar | editar a fonte]

No episodio, Milhouse recita unha liña lixeiramente parafraseada da canción "When Doves Cry" de Prince[1]. Bart identifica o número sete en números romanos cunha secuela inexistente da saga Rocky, Rocky VII: Adrian's Revenge[5]. A escena na que aparece o grupo de Bart sentado nun outeiro sobre o campamento inimigo ollando cara abaixo á árbore capurada mentres os de Shelbyville a rodean coas súas bicicletas ten parecido cunha das primeiras imaxes do filme Mad Max 2[4].

O método para a recuperación do limoeiro é unha referencia á lenda do cabalo de Troia.

O conxunto da estrutura do argumento dos habitantes de Springfield que atacan os seus rivais despois de que estes lles roubasen unha prezada posesión constitúe unha referencia á lenda da Guerra de Troia, onde o móbil dos gregos fora o secuestro de Helena de Troia por parte dos troianos. De feito, o título do episodio trátase dunha referencia ao nome desta muller. O método para recuperaren a árbore é unha imitación dos feitos acaecidos na lenda do cabalo de Troia[6].

Recepción[editar | editar a fonte]

Na súa emisión orixinal nos Estados Unidos, "Lemon of Troy" obteu o posto 55 nas audiencias da semana do 11 ao 17 de maio de 1995, cunha valoración de 8,1 por parte de Nielsen[7]. O episodio foi o sexto programa mellor valorado da Fox nesa semana[7], e desde a súa emisión, recibiu moitas críticas positivas dos fans e mais dos críticos televisivos. Matt Groening, creador de The Simpsons, dixo del que era un episodio "clásico" e que se atopaba entre os seus favoritos da serie[3]. Warren Martyn e Adrian Wood, autores do libro I Can't Believe It's a Bigger and Better Updated Unofficial Simpsons Guide, comentaron que había moi boas ideas neste episodio e que contén unha estraña exursión que semella sabiamente agochada neste punto da temporada[1]. Nunha revisión do DVD da sexta temporada, Ryan Keefer dixo que o episodio "é un dos mellores da temporada" e deulle unha puntuación de A[8].

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,0 1,1 1,2 1,3 1,4 Martyn, Warren; Wood, Adrian (2000). "Lemon of Troy". BBC. http://www.bbc.co.uk/cult/simpsons/episodeguide/season6/page24.shtml. Consultado o 2008-03-28.
  2. 2,0 2,1 Richmond, Ray; Antonia Coffman (1997). The Simpsons: A Complete Guide to Our Favorite Family. Harper Collins Publishers. p. 175. ISBN 0-00-638898-1.
  3. 3,0 3,1 3,2 Groening, Matt. The Simpsons season 6 DVD commentary for the episode "Lemon of Troy" [DVD]. 20th Century Fox.
  4. 4,0 4,1 4,2 Reardon, Jim. The Simpsons season 6 DVD commentary for the episode "Lemon of Troy" [DVD]. 20th Century Fox.
  5. 5,0 5,1 5,2 5,3 5,4 David, Mirkin. The Simpsons season 6 DVD commentary for the episode "Lemon of Troy" [DVD]. 20th Century Fox.
  6. Gareth Huw Davies (May 2, 2004). "Linger At A Quiet Spot And You Can Conjure Up A Hero". The Mail on Sunday. Comprobado o 23 de setembro de 2008.
  7. 7,0 7,1 "NBC Continues As Top Network". Associated Press. May 18, 1995. p. 4E. Comprobado o 22 de setembro de 2008.
  8. Keefer, Ryan (August 29, 2005). "DVD Verdict Review - The Simpsons: The Complete Sixth Season". DVD Verdict. http://www.dvdverdict.com/reviews/simpsonsseason6.php. Consultado o 2008-09-26.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]