Leicester fronteiriza

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Exemplar de leicester fronteiriza, nunha feira gandeira de Dunblane.

A leicester fronteiriza é unha raza de ovella, nacida como variante da leicester, e indicada para a produción de la.

Características[editar | editar a fonte]

A leicester fronteiriza é unha ovella de tamaño medio, cunha estatura de 81 cm nos ombros e que rolda o metro de testa a cola. Os carneiros pesan entre 125 e 150 kg, e as femias adultas entre os 80 e os 100 kg.

A cabeza é curta e dereita, con dúas moi longas orellas ergueitas e cubertas de pelo, que lle dan un aspecto moi característico. Os ollos son negros, e as vendas do fociño son grandes e tamén negras. A testa carece de la. As patas, firmes e dereitas, tampouco teñen la, aínda que si pelo branco, e as unllas son escuras.

Considérase dócil para a cría e o manexo.

Historia[editar | editar a fonte]

A historia desta raza é ben coñecida. Cando os irmáns Culley levaron a Northumberland varias cabezas de ovellas de raza leicester, comezaron un rápido proceso de mellora xenética, ao principio cruzándoas con leicester importadas, e a partir dos anos trinta do século XIX con cruzamentos endogámicos. A partir de 1850 comeza a configurarse un tipo de ovella claramente distinto do leicester.

A leicester fronteiriza existe amplamente en todas as nacións das Illas Británicas e tamén se ten exportado con éxito a Australia (onde o seu cruzamento coa ovella meiriña é xa a raza de maior número de cabezas, cun milleiro de criadores rexistrados de leicester fronteiriza pura), Nova Zelandia ou Sudáfrica. Tamén existen rabaños certificados nos Estados Unidos.

Rendibilidade[editar | editar a fonte]

O principal destino da produción de leicester fronteirizas é a extracción de la. Dánselle dúas rapas ao ano, cando o pelo chega aos dez centímetros, e é particularmente aprezado pola súa la crecha, mesta e brillante. Os años producen case dous quilos de la, pero os exemplares adultos poden superar os 3 kg en cada rapa. Con rapas anuais, a la pode chegar aos 9 kg no caso dos carneiros e a 6,4 kg no caso das femias.

Curiosidades[editar | editar a fonte]

  • No filme Babe (1995), a ovella Maa sinala: "non son unha ovella corrente. Son unha leicester fronteiriza".

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Leicester fronteiriza