Lei de Grassmann

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

A lei de Grassmann, chamada tamén «lei de disimilación das aspiradas», é unha lei fonética que describe unha modificación acaecida nun estadio prehistórico do grego antigo e do sánscrito (unha fase que segue directamente ao indoeuropeo, de feito), modificación que quedou efectiva todo ao longo da súa historia. Estúdase na fonética histórica destas dúas linguas. Malia ser coñecida e correctamente explicada polos gramáticos indios, leva o nome do seu «descubridor» occidental, Hermann Grassmann.

Funcionamento[editar | editar a fonte]

Esta lei explica que cando nunha mesma palabra se atopa unha secuencia de dúas consoantes aspiradas (φ /pʰ/, χ /kʰ/, θ /tʰ/ e o espírito áspero /h/ pola parte grega, todas as consoantes transcritas cun h subsecuente pola parte do sánscrito, como th, bh etc), a primeira disimílase en non aspirada: a primeira consoante é substituída polo seu equivalente simple (π /p/, κ /k/, τ /t/ ou o espírito suave pola parte do grego, a consoante sen o seu h subsecuente pola do sánscrito, como t, b etc).

Esta lei intervén en moitos estadios:

  • nun estadio prehistórico. describe o paso regular dunha etimoloxía Indoeuropea á súa forma grega ou sánscrita;
  • nun estadio histórico, explica fenómenos de alternancias de forma no seo dunha mesma etimoloxía cando, polo xogo da flexión ou da derivación, dúas aspiradas entran en contacto máis ou menos próximo nunha mesma palabra. É, daquela, unha forma de sandhi que dá lugar a paradigmas irregulares.

Exemplos[editar | editar a fonte]

Casos regulares atópanse a miúdo nas formas verbais con reduplicación, onde a consoante inicial da raíz se repite:

  • sobre a raíz θη tʰē, «poñer», fórmase o presente atemático con reduplicación *θί-θη-μι *tʰí-tʰē-mi → τί-θη-μι *tí-tʰē-mi, «eu poño»;
  • o mesmo verbo, en sánscrito, dá da-dhā-mi, que vén de *dha-dhā-mi.

A etimoloxía indoeuropea é *dʰi-dʰeh1-mi (sobre a noción de presente con reduplicación, consultar Conxugacións do grego antigo e Conxugacións do sánscrito). Este mecanismo é aquí prehistórico, de forma que chega con reter que unha consoante aspirada inicial de radical se reduplica sempre como consoante simple, sen coñecer as razóns deste proceso: este non comporta en efecto irregularidades nos paradigmas da lingua e permite construír un sistema flexivo estable, pois todas as reduplicacións en oclusiva se fan sempre como oclusivas non aspiradas.

Creación de irregularidades nos paradigmas[editar | editar a fonte]

As raíces con dobre aspiración (como *bʰeudʰ- «espertar, estar esperto», grego πυνθάνομαι pyntʰánomai e sánscrito bodhati) son as principais afectadas.

En grego[editar | editar a fonte]

Os casos de sandhi de aspiradas son numerosos e permiten comprender irregularidades internas que fan alternar varias formas para un mesmo radical. Por exemplo, en grego antigo o verbo ἔχ-ω ékʰ-ō «ter» fai o seu futuro en ἕξω héxō, coa aparición «irregular» dunha aspiración inicial. Para comprender a súa orixe, cómpre saber que a etimoloxía grega é *hekʰ-, que provén do indoeuropeo *segʰ- (con paso de *s inicial a /h/ e desonorización da aspirada sonora, dous procesos fonéticos regulares en grego). O presente ἔχω ékʰō explícase, pois, por aplicación da lei de Grassmann e remonta a *hékʰ-ō. O futuro provén de *ἕχ-σω *hékʰ-sō. Pero, a secuencia χσ kʰs pasa regularmente a κσ, escrito ξ x, por desaspiración da consoante. Nese instante, pásase simplemente de *hékʰ-sō a ἕξω hék-sō, sen disimilación da primeira aspirada.

Atópanse moitos casos similares nas linguas grega e sánscrita, que dan orixe a pseudo-formas irregulares que fan difícil a súa aprendizaxe se se ignora a súa orixe. Se en ἔχω ékʰō ~ ἕξω héksō a irregularidade é, graficamente, pouco visible (non afecta máis ca ós espíritos), é moito máis flagrante na flexión de θρίξ tʰrix «pelo», cuxo radical amosa unha alternancia θρικ- tʰrik- ~ τριχ- trikʰ-, segundo que a consoante aspirada radical final estea seguida ou non dun /s/, que a desaspira e impide que actúe a Lei de Grassmann:

  • o nominativo θρίξ tʰrix remóntase a *tʰrikʰ-s, que dá tʰriks escrito tʰrix, sen disimilación da aspirada;
  • o xenitivo τριχός trikʰós remonta a *tʰrikʰós, con disimilación.

En sánscrito[editar | editar a fonte]

En sánscrito, algúns feitos de lingua fan complexos os paradigmas nos que aparecen formas con disimilación. Por exemplo, cómpre saber que a consoante escrita tradicionalmente h e que nota [ɦ] pode provir de * ou *gʰ indoeuropeos en posición intervocálica. As alternancias vólvense máis «irregulares» en razón desta neutralización. Por exemplo, a raíz dhugh «muxir», que pasa a dugh por disimilación de aspiradas, convértese en:

  • duh- cando vai seguida dun sufixo que empeza por vogal (duh-anti «moxen», presente de indicativo);
  • dug- por aplicación da Lei de Bartholomae (lei importante para o tratamento das aspiradas) no participio pasado pasivo dug-dha («muxido»);
  • dhuk- sen disimilación da primeira consoante tras desaspiración e desonorización de gh en k ante s no futuro dhok-ṣyate («el muxirá»; notar que a raíz está en grao pleno).

Ao final, a raíz semella moi irregular.

Dificultade de interpretación[editar | editar a fonte]

A restitución dunha aspiación inicial nas raíces con dobre aspiración (tomemos por exemplo *tʰrikʰ) pode ser interpretada de dúas formas:

  • para os gramáticos indios, é un cambio de aspiración: a raíz está en orixe desprovista de aspiración inicial (forma canónica *trikʰ) pero recupera a da segunda consoante cando esta a perde (ante /s/ por exemplo);
  • actualmente, considérase que a raíz leva dúas aspiracións, unha inicial e unha final (*tʰrikʰ), e que a restitución da primeira é normal cando a segunda deixa de estar aspirada ─ xa que a Lei de Grassmann non tivo oportunidade de se aplicar.

As dúas interpretacións son plausibles. A primeira (cambio de aspiración) explica máis simplemente por que unha forma *τρίξ *tríks grega non se atopa, o que implicaría, se se segue a segunda interpretación, que a lei interveu antes da constitución dos paradigmas e quedou o suficientemente forte como para non ser varrida pola analoxía. A segunda fai o sistema máis regular e non fai intervir unha lei anexa de desprazamento da aspiración (que existe con todo noutros casos en grego e en sánscrito).

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]