Legado da Gran Fame irlandesa

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Gráfico comparativo no que se amosa a evolución da poboación de Irlanda (verde) e Europa (azul) dende 1750 até 2005. Nótese a espectacular caída de poboación produto da Gran Fame irlandesa.

O legado da Gran Fame Irlandesa foi a consecuencia do catastrófico período na historia de Irlanda entre 1845 e 1852[1] no que a poboación do país diminuíu entre un 20 e un 25% por causa da fame.[2]

A fame foi un choque social na historia da Irlanda[3] e os seus efectos alteraron para sempre o plano demográfico, político e cultural irlandés. Chegou mesmo a ficar como parte da memoria popular,[4] sendo dende entón un dos episodios máis lembrados polos movementos nacionalistas irlandeses. A historia de Irlanda divídese xeralmente entre os períodos "pre-fame" e "pos-fame".

Impacto político e cultural[editar | editar a fonte]

A reacción política resultante pola Gran Fame foi silenciada, sobre todo pola limitación do sufraxio na época. Mentres os políticos irlandeses foran dominados pola Emancipación católica nas décadas de 1820 e 1840, non foi até a década de 1880 (corenta anos despois da fame) que apareceu un movemento político nacionalista irlandés da man de Charles Stewart Parnell, coñecido como Liga da Home Rule. Parnell foi tamén chave para o establecemento da Irish National Land League e acadar unha reforma na propiedade da terra.

No tocante ao eido cultural, estímase que de entre o millón e medio de persoas que morreron durante a Fame e o outro millón que emigrou entre 1846 e 1851, unha parte importante eran falantes de irlandés, xa que os distritos máis pobres eran polo xeral gaélicofalantes.[5] A fame non foi a única razón pola que esmoreceu a lingua, xa que a exclusión xeneralizada do irlandés da vida pública e a influencia do clero e a clase media anglófona foron moi relevantes.[6] Isto levou á creación dunha Irlanda que se consideraba a si mesma como anglofalante, malia os esforzos de organizacións como a Liga Gaélica e o crecemento dun movemento urbano de activismo progaélico a finais do século XIX.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Kinealy (1995), xvi–ii.
  2. Christine Kinealy, This Great Calamity, Gill & Macmillan (1994), ISBN 0-7171-4011-3, 357.
  3. Kinealy, This Great Calamity, p. xvii.
  4. A fame que atinxiu a Irlanda entre 1845 e 1852 ficou como parte integrante do folclore irlandés. Kenealy, This Great Calamity, p. 342.
  5. Maureen Wall, 'The Decline of the Irish Language,' p.87, in Ó Cuív, Brian (ed.) (1969), A View of the Irish Language, Irish Stationery Office.
  6. Breandán Ó Madagáin (1974, 1980), An Ghaeilge in Luimneach 1700–1900, pp. 14–22, An Clóchomhar Tta, ISBN 0-7171-0685-3.