Lasca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Elementos fundamentais dunha lasca

Unha lasca, en sentido amplo, é calquera produto da talla intencionada realizada polo ser humano nunha rocha, que se desprende da masa pétrea (que, en sentido xeral, se denomina núcleo lítico, pero que pode ser un bloque de pedra, un coio ou un utensilio en proceso), e que adquire forma de estela afiada. A labra pode realizarse golpeando directamente cun percusor (de pedra, de hasta, de madeira ou, ata, de metal), ou golpeando indirectamente cun cicel (que, tamén pode ser de hasta ou de metal), ou ao someter a peza-núcleo a unha forte presión cunha puga ou compresor. As lascas teñen formas e tamaños moi diversos, desde os microscópicos, ata os que superan os 30 centímetros; pero, en xeral, comparten unha serie de carácteres comúns que permiten recoñecelas.

Doutra banda, as lascas poden ser un obxectivo buscado polo tallador ou, pola contra o refugallo resultante de fabricar unha peza nuclear (por exemplo, un biface). Así mesmo, as lascas poden ser útiles de seu, sen modificación ningunha, en bruto (pois teñen, xeralmente, un gume natural moi agudo e efectivo), ou poden recibir unha transformación ata converterse nun utensilio concreto (unha raedeira ou unha raspadeira, por exemplo), entón fálase do retoque das lascas. É dicir, a miúdo, as lascas son soportes para fabricar unha enorme variedade de utensilios.

Traballo da lasca[editar | editar a fonte]

Como materia prima para a lasca elíxense rochas duras criptocristalinas de rotura concoidea. Isto é, rochas cunha estrutura amorfa, pero homoxénea, o que permite que durante a talla se produzan ondas vibratorias que se transmiten de igual modo en todas direccións. A talla orixina diferentes tipos de ondas, pero as máis importantes son as lonxitudinais (a onda de choque e a onda de fractura). Estas ondas adoitan seguir unha pauta moi común, deixando, ao se propagaren, unhas marcas características na zona de esgazamento que conforman as arestas extremadamente afiadas da propia lasca, que son a razón de se fabricar desde a Prehistoria máis remota.

O «concoide» é a parte máis notoria da cara inferior (ou ventral) da lasca, que é a superficie ao longo da cal se produce a fractura que separa a lasca do núcleo. O punto de impacto, unha pequena superficie case circular na que o percusor entra en contacto coa rocha, é a orixe desde o que se desenvolve un tronco de cono ou cono de percusión, que se vai combando ata adquirir unha forma similar á cuncha dun molusco bivalvo, de aí o nome de concoide. Despois, a curva da cara inferior suavízase ata case desaparecer. Pola contra, no núcleo queda o sinal da lasca, o chamado negativo de lascado (ou, simplemente, lascado), que ten a mesma morfoloxía pero inversa: un contraconcoide máis ou menos pronunciado e, a continuación, unha superficie sutilmente cóncava.

Dado que as rochas raramente carecen de impurezas ou fisuras, a onda de fractura adoita sufrir alteracións que permiten estudar mellor a talla ao xeito prehistórico. Así, aparecen diversos sinais moi útiles no estudo dos artefactos prehistóricos labrados. En liñas xerais os elementos máis comúns son:

  • As ondas de fractura: son interferencias que afectan á rotura da rocha, e que fan oscilar a fronte da fenda, formando aneis ou ondas, parecidas ás que fai un croio ao caer á auga (só que normalmente non son circulares, senón parabólicas, e, ademais concéntricas). Estas ondulacións adoitan indicar a orixe de golpe co que foi extraída a lasca, no caso de que non se conserve o concoide ou o punto de impacto. Polo que son moi útiles.
  • As lancetas radiais son, en cambio, estigmas en forma de óso provocados por pequenas impurezas. A partir delas xorden como zonas de sombra moi alargada, unhas marcas lineais que sinalan o lugar de onde vén a onda de choque e cara a onde se expande. As lancetas son particularmente abundantes aos lados do cono de percusión (marcando moi ben o punto de impacto), e nos bordos afiados da lasca (de modo que podemos recoñecer se esta ten as arestas mellor ou peor conservadas).
  • Microlascados trapezoidais: cando a onda de fractura alcanza o límite da rocha, adoitan saltar estelas microscópicas sucesivas (microlascas), que deixan a súa marca no núcleo (en forma de trapecios encadeados), no nervio do negativo do lascado. Nunha peza tallada (non soamente un núcleo), con varios negativos, os microlascados, xunto coas lancetas, indican cal dos lascados é anterior e cal é posterior. Isto é esencial para reconstruír os xestos do artesán que labrou a peza.
  • A estela parasita: xustamente no concoide, non sempre, pero a miúdo, aparece unha pequena lasquiña adherida ou, se esta saltou, o seu negativo. Non existe unha explicación clara para este fenómeno, pero, ao parecer, podería ser o resultado do reflexo da onda de choque que forma unha onda de fractura secundaria.

Estrutura[editar | editar a fonte]

Considérase que unha lasca completa ten tres caras:

  • A cara inferior ou ventral, que é a superficie de esgazamento da lasca ao desprenderse do núcleo e que conserva o punto de impacto, o concoide e os demais elementos relacionados. Esta cara pode orientar aos expertos na talla da pedra sobre o método co que se extraeu a lasca e o tipo de percusor ou ferramenta que se empregou para este labor.
  • A cara superior ou dorsal, que é a porción de face de lascado do núcleo que se extrae coa lasca. Nesta parte quedan restos da superficie visible do soporte orixinal, é dicir restos da cortiza natural da materia prima (representada por medio dun fino e disperso punteado nos debuxos) ou, negativos de lascas extraídas previamente. Estes sinais, negativos de lascado incompletos, informan de certas características do núcleo, e sepáranse entre si polos chamados nervios.
  • O talón é o anaco de núcleo que entrou en contacto co percusor, desprendéndose xunto coa lasca. O talón, entre outras cousas, achega información sobre se houbo ou non preparación previa da zona do núcleo que ía recibir o impacto, por iso, distínguense diferentes tipos:
    • Talón cortical: formado pola cortiza natural da rocha que compón o núcleo.
    • Talón liso: formado por un negativo de lascado (incompleto, pois a na súa maior parte quedará no núcleo).
    • Talón diedro: formado por dous negativos de lascado previos.
    • Talón facetado: formado por tres ou máis negativos de lascado. Un talón facetado indica que o núcleo recibiu unha preparación especial, por medio de numerosos golpes previos, que dan forma á plataforma de percusión no núcleo. É dicir, un talón facetado indica maior sofisticación que o resto de tipos de talón.
    • Talón lineal: é o que está formado por unha superficie tan estreita e alargada que se parece a unha aresta afiada.
    • Talón puntiforme: o que está formado unicamente polo punto de impacto, sendo apenas visible.

Clases[editar | editar a fonte]

As lascas pódense clasificar segundo a súa morfoloxía, François Bordes diferenza as lascas das follas a través da proporción entre o longo e o largo, así se a lonxitude da peza, medida seguno o seu eixo técnico, é o dobre ou máis ao seu largo é unha folla, caso contrario é unha lasca. Leroi Gourhan, quizais por mor da súa maior inclinación pola cultura magdaleniana, é máis esixente, propondo os seguintes «módulos de talla» para as lascas:

  • Lascas moi largas: aquelas nas que o largo supera á lonxitude
  • Lascas comúns: a que teñen a lonxitude lixeiramente superior ao seu largo, aproximadamente un terzo
  • Lascas laminares: as que teñen a lonxitude o dobre que a largo
  • Follas: as que teñen unha lonxitude como mínimo o triplo do seu largo

Desde o punto de vista da tecnoloxía lítica sepáranse as lascas denominadas vulgares (aquelas nas que se descoñece a súa posición na cadea operativa pero que poden ser utensilios funcionais), as lascas características (as que si teñen un lugar coñecido dentro da cadea operativa) e os refugallos e accidentes de talla, algúns son tamén refugallos característicos, polo que son coidadosamente clasificados. Ademais, estarían os materiais residuais da talla sen máis, comunmente, lascas excesivamente pequenas, estelas ou anacos sen forma concreta (ás veces coñecidos coa palabra francesa débris). Con todo hai que ter en conta que calquera lasca ordinaria é un útil potencial.