Larváceos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Larvacea»)
Aquí trátase dos tunicados da clase Appendicularia. Para o xénero de plantas homónimo ver Appendicularia (planta).
Appendicularia

Corpo de Oikopleura dioica (fóra da súa cápsula), no que se aprecia o seu tronco arredondado e a longa cola.
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Tunicata
Clase: Larvacea
Familias

Fritillariidae
Kowalevskiidae
Oikopleuridae

Os larváceos (Larvacea), tamén chamados apendicularias (Appendicularia) son un grupo con categoría de clase de tunicados solitarios que nadan libremente, que se encontran en todos os océanos do mundo. Como a maioría dos tunicados, os larváceos ou apendicularias son animais filtradores. A diferenza da maioría dos outros tunicados, viven na zona peláxica dos mares, principalmente na zona superficial iluminada ou zona fótica e máis raramente a maior profundidade. Son animais planctónicos de corpo transparente (con algúns órganos internos pigmentados), xeralmente de menos de 1 cm de lonxitude se excluímos a súa cola. O corpo é asimétrico, ten forma de U, coa cola en posición ventral xirada uns 90º.

Bioloxía[editar | editar a fonte]

A forma do corpo dos larváceos lembra ao das larvas con aspecto de cágado de ra da maioría dos tunicados. Igual que a larva común dos tunicados, a forma dos larváceos adultos ten un tronco pequeno e unha cola. Os larváceos experimentaron unha evolución na que retiveron as características larvarias nos adultos, fenómeno chamado neotenia.

Como a maioría dos tunicados, os larváceos aliméntanse por filtración dirixindo auga con partículas de materia alimenticia á súa rexión faringobranquial, onde as partículas de alimento quedan atrapadas no mucus producido pola farinxe e despois son enviadas ao tracto dixestivo, formado por un esófago, un estómago con forma de saco e un intestino curvado, que se abre no ano. O mucus sitúase sobre dúas fendas da farinxe, unha a cada lado, xa que carecen dun número maior de fendas como as que teñen outros tunicados. Ademais, estas fendas e o ano ábrense directamente ao exterior, polo que o animal carece do atrio (atrium) e do sifón atrial presentes noutras clases de tunicados.

Os larváceos melloraron a eficacia da captura de alimento ao produciren unha testa (unha cuberta ou cápsula coñecida como "casa" feita de proteínas e celulosa) transparente que, en moitos casos, rodea ao animal como unha burbulla, e que contén un complicado sistema de filtros que permite que o alimento que se encontra na auga circundante sexa captado e concentrado antes de comelo. Esta cápsula é segregada moi rapidamente polas células glandulares do epitelio corporal. A testa sempre está presente e adherida a polo menos unha das superficie, mesmo nas especies que teñen unha "casa" que non rodea completamente o corpo, como ocorre nas Fritillaria. A gran eficiencia deste método permite que os larváceos se alimenten do nanoplancto, moito máis pequeno que o que consomen outros animais filtradores. En Oikopleura a cápsuila é grande, e o animal, dentro, move a cola creando correntes de auga, que penetra por un poro inhalante con filtros para partículas grosas, pasa por uns canais e despois por outros filtros internos máis finos, onde se acumula a comida que pasará á farinxe para ser inxerida. Oikopleura ten tamén un poro exhalante cunha porta que se abre de repente expulsando auga a presión (o que propulsa ao animal) e unha porta adicional para que o animal saia da cápsula se for necesario.[1]

Regularmente, o animal despréndese das súas cápsulas, e substitúeas por outras a medida que o animal medra en tamaño e os filtros van quedando entupidos. En Oikopleura, a cápsula non se conserva durante máis de catro horas. Ningún outro tunicado pode abandonar a súa testa deste modo. As cápsulas desbotadas polos larváceos supoñen unha fracción importante da chamada neve mariña (materia orgánica) que cae ata as profundidades dos océanos.[2]

A cola dos larváceos presenta unha notocorda central, dun ganglio nervioso (cerebral) groso nace un cordón nervioso dorsal cuns avultamentos en cada rexión muscular e cun ganglio groso ao final da cola, e unha serie de bandas de músculo estriado, que poden estar envoltas por tecido epitelial (en oikopléuridos) ou por unha membrana basal aceular (nos fritiláridos). Presentan un estatocisto preto do ganglio cerebral. Ao bateren continuamente a cola, os larváceos poden xerar correntes de auga dentro da súa cápsula, que lles permiten concentrar a comida. Teñen case sempre un corazón preto do estómago, pero non vasos sanguíneos, xa que o sangue circula no hemocele.

Os larváceos reprodúcense sexualmente. Xeralmente son hermafroditas protándricos con gónadas pares ou impares na parte posterior do corpo. Os animais inmaturos lembran ás larvas tipo cágado dos ascidiáceos, pero coa adición de máis vísceras en desenvolvemento. Unha vez que se desenvolve completamente o tronco, a larva sofre un "corremento da cola", no cal a cola vaise desprazando desde a súa posición posterior ata adoptar unha orientación ventral e xirada 90° en relación ao tronco. A medida que se produce este corremento da cola, o animal empeza a segregar a súa primeira cápsula.

O recente desenvolvemento de técnicas para a expresión de xenes alleos en Oikopleura dioica levou a uso desta especie como organismo modelo para o estudo da regulación xénica, e a evolución e desenvolvemento dos cordados.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Zoología de Invertebrados. P. A. Meglitsch. Pirámide. (1986) Páxina 839. ISBN 84-368-0316-7.
  2. Robison, BH., Reisenbichler, KR., RE. Sherlock (2005). "Giant Larvacean Houses: Rapid Carbon Transport to the Deep Sea Floor". Science 308 (5758): 1609–1611. doi:10.1126/science.1109104. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Bone, Q. 1998. The Biology of Pelagic Tunicates. Oxford University Press.
  • Clarke, T.; Bouquet, JM; Fu, X; Kallesøe, T.; Schmid, M; Thompson, E.M. (2007). "Rapidly evolving lamins in a chordate, Oikopleura dioica, with unusual nuclear architecture". Gene 396 (1): 159–169. PMID 17449201. doi:10.1016/j.gene.2007.03.006.