Lamigueiro negro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lamigueiro negro
Populus nigra - Köhler–s Medizinal-Pflanzen-112.jpg
Clasificación científica
Reino: Plantae
División: Magnoliophyta
Clase: Magnoliopsida
Orde: Malpighiales
Familia: Salicaceae
Xénero: Populus
Especie: P. nigra
Nome binomial
Populus nigra
L. 1753
Sinonimia
Lamigueiros piramidais Populus nigra 'Plantierensis', variedade de lamigueiro negro usado para facer avenidas nas vilas; aquí, en Potsdam.

O lamigueiro negro[2] ou chopo negro (Populus nigra), tamén coñecido como álamo negro, é unha especie de árbore de ribeira pertencente á familia das salicáceas. Especie mediterránea común nos ríos da Península Ibérica, común en grandes plantacións no centro de España para produción de madeira. En Galiza non aparece de xeito espontáneo, plantándose ás veces nos concellos máis meridionais preto dos ríos con fins madeireiros ou ornamentais, especialmente en obras públicas, alamedas e beirarrúas das vilas.

Descrición[editar | editar a fonte]

É unha árbore de folla caediza que acada de 20 a 30 m de altura, aínda que en ocasións pode superar esta altura. Sistema radical formado por un eixo principal forte e fondo e unha maioría de raíces superficiais e estendidas. Toro xeralmente dereito, de casca cinsenta que logo racha en sentido lonxitudinal, formándose entre as fendas unhas costelas negrexadas, que dan o nome á especie. A copa é ampla, polo xeral pouco mesta, aínda que máis cá do lamigueiro branco ( Populus alba) e do lamigueiro tremo (Populus tremula). As follas teñen un pecíolo de 2 a 6 cm de lonxitude, lateralmente comprimido e con frecuencia viloso. O limbo é aveludado ao agromar, mais logo perde o pelo e se torna verde polas dúas faces, de forma ovada-triangular oo ovada-rómbica, acuminadas, festonado-serradas. As candeas precoces, aparecen antes que as follas, nos meses de febreiro e marzo. O froito é en cápsula con sementes pardas envoltas en abundante peluxe branca. Diseminación en abril e maio.

Distribución[editar | editar a fonte]

Esténdese polo sur, centro e leste de Europa, centro e oeste de Asia (até o centro de Siberia) e norte de África. Atópase cultivado en Escandinavia. En Galiza non é moi común, sendo cultivado nalgúns ríos meridionais. Con todo tense naturalizado nalgunhas zonas, como na praia do Vao en Vigo, pola súa capacidade de adaptación á influencia do mar.

Ao terse cultivado e espallado dende a antigüidade non é doado precisar a súa área de orixe, porén non resulta aventurado situalo entre Asia occidental e Europa oriental.

En América do Sur, atopamos cultivada a variedade Populus nigra L. var. italica en Chile e na Arxentina.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Nas formacións de ribeira mestúrase con especies de semellantes preferencias, como salgueiros, lamigueiros brancos, freixos, umeiros etc. En amplas zonas do cordal ibérico Populus nigra aparece formando bosques de galería con exemplares vellos, os chamados "chopos cabeceiros". Resultado dunha antiga actividade agroforestal, estes lamigueiros son árbores demoucadas cuxas pólas, rectas e altas, eran empregadas para trabes na construción, entre outros usos. Hoxe en día corren un serio perigo de desaparecer fundamentalmente por mor ao abandono desta actividade. Máis información en [1]. Ten gran capacidade de adaptación á influencia do mar.

Usos[editar | editar a fonte]

O lamigueiro negro cultívase pola súa madeira branda, porosa, lixeira e fráxil, apta para a carpintaría lixeira de pouca resistencia, fabricación de caixas para a froita, e para construción sempre que non teña que aturar grandes cargas. É unha boa madeira para a fabricación de pasta de celulosa. A actividade do cultivo dos lamigueiros denomínase populicultura. A leña que proporciona es de escasa calidade. As follas constitúen unha boa forraxe, tense utilizado como recurso invernal. O outro uso é ornamental, principalmente coma árbore de sombra. Plántase en Galiza en alamedas e parques urbanos, así coma nos xardíns das autovías, pola súa resistencia e rápido crecemento. Ultimamente limítase o seu uso pola gran cantidade de peluxe primaveral que bota. Coma uso medicinal, a casca contén salicina e taninos, polo que se utilizou coma curtidor.

Cultivo[editar | editar a fonte]

É practicamente indiferente en canto a solos, porén rexeita os excesivamente salinos. Cómpre de humidade no solo con renovo de auga, polo que adoita situarse na beira de cursos superficiais ou sobre correntes subterráneas pouco fondas. É bastante esixente en principios nutritivos e en canto á luz, non atura ben a cuberta.

Propiedades[editar | editar a fonte]

Subespecies e variedades[editar | editar a fonte]

Un cultivar de lamigueiro negro fastixiado do grupo Plantierensis, en Hungría

Hai tres subespecies, algúns botánicos distinguen unha cuarta:[3][4]

  • Populus nigra subsp. nigra. Europa central e oriental. Follas e gomos glabros (sen vilosidade); casca pardo cinsenta grosa e engurrada..
  • Populus nigra subsp. betulifolia (Pursh) W.Wettst. Noroeste de Europa (Francia, Gran Bretaña, Irlanda). Populus nigra subsp. betulifolia ( Pursh ) W. Wettst. Noroeste de Europa (Francia, Gran Bretaña, Irlanda). Veas da folla e talos finamente aveludados; casca pardo cinsenta, grosa e engurrada, a miúdo con pesados nós, o toro normalmente moi inclinado.
  • Populus nigra subsp. caudina (Ten.) Bugała. Rexión mediterránea, tamén suroeste de Asia se non se diferenza a variedade afghanica.
  • Populus nigra var. afghanica Aitch. & Hemsl. (sin. P. nigra var. thevestina (Dode) Bean). Suroeste de Asia; tratada como un cultivar de P. nigra por moitos botánicos,[5] e coma unha especie distinta P. afghanica por outros;[6] casca macía, case branca, follas e talos coma a subsp. caudina (véxase tamén cultivares, abaixo).

A subespecie betulifolia é unha das árbores máis infrecuentes en Gran Bretaña e Irlanda,[7][8] con só arredor de 7.000 exemplares coñecidos, dos que só 600 se teñen confirmado que son femininos.[9]

Madeixas de sementes de lamigueiro.

Téñense seleccionado tamén varios cultivares, que se espallan por estacas:

  • 'Italica'. O verdadeiro chopo lombardo, seleccionados en Lombardía, no norte de Italia, no século XVII. O crecemento é fastixiado, cunha coroa moi estreita. Provén da rexión mediterránea, axéitase aos veráns cálidos e secos e medra pouco en condicións de humidade, sendo de curta duración debido ás enfermidades fúnxicas. É un clon masculino.[10]
  • Grupo Plantierensis. Un grupo de clons obtidos por cruzamento 'Italica' con P. nigra ssp betulifolia no viveiro de ‘’Plantières’’ preto de Metz en Francia en 1884; son semellantes a 'Italica' (e, a miúdo se confunden con ela) porén teñen a copa lixeiramente máis ampla e mellor axeitada ao clima frío e húmido no noroeste de Europa, onde o verdadeiro chopo lombardo non crece ben. Prodúcense clons masculinos e femininos. Esta é a árbore máis comunmente cultivada na Gran Bretaña e Irlanda coma "chopo de Lombardía".[10]
  • 'Manchester Poplar' ("Lamigueiro de Manchester"). Un cultivar da subsp. betulifolia amplamente plantado no noroeste de Inglaterra. É un clon masculino, e na actualidade se atopa seriamente ameazado pola fusariose da espiga do lamigueiro.[11][12]
  • 'Gigantea'. Outro clon fastixiado, de orixe descoñecida, cunha coroación máis ampla, máis vizosa, ca 'Italica'. É un clon feminino.[10]
  • 'Afghanica' (sin. 'Thevestina'). A maioría, se non todos, os exemplares da variedade 'Afgana' son dun só clon, e polo tanto moitos botánicos trátano coma un cultivar máis ca unha variedadw botánica. É fastixiado, semellante a 'Italica', mais cunha rechamangueira casca abrancazada; tamén se diferenza de 'Italica' por ser un clon feminino. Este é un lamigueiro común fastixiado do suroeste de Asia e o suroeste de Europa (os Balcáns), onde foi introducido durante o período otomán.[10]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Sinónimos en Real Jardín Botánico
  2. Nome galego recollido no dicionario da Real Academia Galega e noutros dicionarios. En ‘’Termos Esenciais de Botánica’’ da Comisión de Normalización lingüística da Escola politécnica Superior de Lugo- Universidade de Santiago de Compostela, 2002, dáse preferencia á entrada chopo negro.
  3. Flora Europaea: Populus nigra
  4. Rushforth, K. (1999). Trees of Britain and Europe. Collins ISBN 0-00-220013-9.
  5. Germplasm Resources Information Network: Populus nigra var. thevestina
  6. Flora de Pakistán: Populus afghanica
  7. Milne-Redhead, E. (1990). The B.S.B.I. Black Poplar survey, 1973-88. Watsonia 18: 1-5. Disponible online (pdf file).
  8. Arkive: Populus nigra
  9. Cooper, Fiona (2006). The Black Poplar: Ecology, History and Conservation. Windgather Press ISBN 1-905119-05-4
  10. 10,0 10,1 10,2 10,3 Bean, W. J. (1980). Trees and Shrubs Hardy in the British Isles Vol. 3. John Murray ISBN 0-7195-2427-X
  11. Stace, C. A. (1971). The Manchester Poplar. Watsonia 8: 391-393.
  12. Arboricultural Information Exchange: Manchester Poplar Disease

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Commons
Commons ten máis contidos multimedia na categoría: Lamigueiro negro Modificar a ligazón no Wikidata
Wikispecies-logo.svg
Wikispecies posúe unha páxina sobre: Lamigueiro negro