Laguardia

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Murallas de Laguardia

Laguardia (en éuscaro: Guardia) é un municipio situado no sur da provincia de Álava, a 64 km da capital Vitoria, que pertence á comunidade autónoma do País Vasco. Está situado na comarca da Rioxa Alavesa.

Áchase nun cotarelo e está rodeada por unha muralla que mandou levantar o rei Sancho o Forte de Navarra. Aínda se conservan cinco portas de acceso á cidade. Os seus nome son: Mercadal, Carnicerías, Páganos, San Juan, e Santa Engracia. As súas rúas e recunchos conservan un gran sabor medieval. A súa economía está baseada na industria do viño, con elaboración propia e numerosas adegas.

Topónimo[editar | editar a fonte]

Durante a Idade Media recibiu nomes como Leguarda, Gardia, Guardia, Guoardia, Lagarde, Lagardia e Laguoardia até que chegou ao actual Laguardia.

Existe certa controversia sobre o nome euskérico da localidade. A finais do século XIX estendeuse a crenza de que antes da concesión da carta de vila en 1164, a poboación de Laguardia chamábase Biasteri. Moitos veron en Biasteri un topónimo de orixe euskérica e utilizouse até datas recentes como nome en euskera da localidade, mais nos últimos anos do século XX filólogos e historiadores chegaron á conclusión de que Biasteri fora o nome antigo da veciña localidade de Viñaspre, non de Laguardia e que polo tanto non cabía realizar dita asociación. Na actualidade a Real Academia da Lingua Vasca considera que o nome correcto en euskera da localidade é Guardia.