Lagoa de Alcaián

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 43°07′29″N 8°44′39″O / 43.124861111111, -8.7442222222222

Vista aérea en 2015.

A lagoa de Alcaián é unha lagoa natural situada na Braña Rubia, na parroquia de Seavia (Coristanco). Nos últimos anos o seu estado foise deteriorando por escavacións ilegais e vertedura de refugallo e lixo ás súas augas por mor da deixadez da administración local.[Cómpre referencia]

Lenda[editar | editar a fonte]

Conta unha lenda que no lugar existiu unha vila chamada Alcaián, a cal foi somerxida nas profundidades da actual lagoa. Cóntase que unha muller foi desterrada cando Xesús e San Pedro andaban pedindo esmola polas portas. Un día pediron pousada por moitas casas desta vila e ninguén llela quixo dar, entón, soltáronlles os cans. Xesús ofendido pronuncio o seguinte:

Adeus, vila de Alcaián que me encirraches os cans,
afundiaste e nunca arriba volverás.

Existe tamén estoutra versión:

Afúndete vila e érguete can,
hoxe es vila e mañá serás braña.

Tamén hai a opinión de que a causa do afundimento foi que un día o santo de Alcaián aborreceuse con todos os veciños e dixo:

Pobo de Alcaián,
antes eras vila
e agora queres ser brañal.

Tamén se di que os veciños de Salgueiras e os de Mira escoitan campás, ladridos de cans e mesmo chegan a escoitar galos cantar na Noiteboa e na noite de San Xoán.