Lago Manitoba

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Mapa co Lago Manitoba

O Lago Manitoba é un extenso lago (4.624 km²) da zona central de Norteamérica, na provincia canadense de Manitoba. Está a uns 75 km ao noroeste da capital da provincia, Winnipeg, a 51º0' Norte e 98º45' Oeste.

O lago, de forma irregular, ten arredor de 200 km de lonxitude, e é o máis pequeno dun grupo de tres lagos -os outros dous son o Lago Winnipeg (o de maior tamaño) e o Lago Winnipegosis-, os cales son restos do que antigamente foi o Lago Glacial Agassiz. Contén unha illa de certo tamaño e outras tantas menores.

Recibe aportes do Lago Winnipegosis polo noroeste a través do río Waterhen, e drena polo seu nordeste para o Lago Winnipeg a través do Río Dauphin. É parte da cunca hidrográfica do Río Nelson e da Baía de Hudson.

O extremo sur do lago, 24 km ao norte da localidade de Portage la Prairie, acaba no Delta Marsh, unha zona importante para as aves migratorias.

Algunhas das comunidades nas beiras do lago son Fairford, Steep Rock, St. Laurent, e Amaranth.

Historicamente as ribeiras do lago foron habitadas polos Assiniboine Cree, unha tribo algónquica. Foi dado a coñecer para os europeos aproximadamente a mediados da década de 1730 por Pierre Gaultier de Varennes. El, canda seus fillos, viaxaron desde Fort La Reine e exploraron a zona, o río Saskatchewan e as súas proximidades. Establecéronse diversos fortes tanto en Saskatchewan como no lago Cedar. Tamén foi parte da ruta de comercio de peles cara a Baía de Hudson

A verba provén da palabra da lingua cree manitou-wapow, ou da lingua anishinaabe manitou-bah, significando ambas "estreitos de Manitou", un topónimo referente ao que hoxe se lle chama The Narrows, no centro do lago. Os primeiros exploradores franceses denominaron o corpo de auga como "Lac des Prairies".

Existe a lenda de que no lago existiu o monstro Manipogo.

O lago é un dos principais lugares de Manitoba para a industria pesqueira.[1]

Notas[editar | editar a fonte]