Lagarteiro das torres

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lagarteiro das torres
Male and female Lesser Kestrels.jpg
Estado de conservación
Status iucn3.1 VU gl.svg
Vulnerable
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Aves
Orde: Falconiformes
Familia: Falconidae
Xénero: Falco
Nome científico
Falco naumanni
Wikispecies-logo.svg Coñeza toda a Bioloxía en Wikispecies, o directorio dos seres vivos

O lagarteiro das torres ou peneireiro das torres (Falco naumanni) e un falcón pequeno semellante ó lagarteiro común (Falco tinnunculus).

Descrición[editar | editar a fonte]

Miden entre 29 e 32 cm de lonxitude, algo menos có lagarteiro común, do que os diferencian tamén as unllas moi claras, abrancazadas. A envergadura das alas vai dos 58 ós 72 cm. A cola ten aspecto de cuña, é máis clara por debaixo cá do lagarteiro común e acaba cunha beira branca relativamente ancha. O debuxo da parte inferior do corpo ten máis tendencia a estar formado por puntos ou aneis có da especie irmá. Os machos teñen a parte superior das alas castaña avermellada, sen manchas escuras. A cabeza dos machos e de cor gris pizarra. Amosan unha banda da mesma cor que vai pola parte superior das alas ata as remeiras secundarias, que falta nos machos do lagarteiro común.

Femia voando
distínguense as unllas claras.

Os falcóns das torres xoves non amosan esta banda nas alas, e son, coma as femias, moi semellantes ó lagarteiro común, do que se diferencian polas parte inferior das plumas remeiras e primarias. Malia o parecido físico as diferencias de distribución e de voz das dúas especies son claras. O seu peso vai dos 130 ós 200 g. As femias son pouco meirandes e pesadas cós machos. Coma tódalas aves que crían en colonias son moi ruidosos. Os seus berros, penetrantes e que resoan, non recordan moitas veces os dunha ave de rapina.

Distribución xeográfica[editar | editar a fonte]

amarelo: Zonas de cría
verde: Zonas nas que e sedentario raramente
azul: Zonas de invernada

Os seus territorios de cría están na zona paleártica, en xeral, entre os 30° e 50° norte. No oeste aparecen dende Marrocos e a costa atlántica de Portugal, dende onde se proxectan nunha faixa relativamente estreita cara ó leste. Aparecen con poboacións moi flutuantes no Magreb, Portugal e España, no sur de Francia e Italia central e do sur, incluíndo as grandes illas italianas. Dende os Balcáns a súa área distribución proxéctase ata Ucraína e a Rusia europea. Crían tamén en Grecia e algunhas das illas gregas meirandes, en Turquía e nalgúns dos seus países veciños do Mediterráneo leste. En Asia a área de cría proxéctase cara ó leste ata Mongolia e algo máis ó sur ata China central. Dentro deste territorio amplo faltan nas montañas moi altas, aínda que colonizan elevacións ata os 3000 m. de altura como na área do lago Sevan en Armenia, e nos desertos. O límite meridional da súa zona de reprodución está situado no norte de Iraq, Irán e Afganistán. As poboacións asiáticas están suxeitas tamén a fortes oscilacións.

Hábitat[editar | editar a fonte]

Son aves de paisaxes abertas, secas cálidas e con presas abundantes, coma estepas ou semidesertos. Viven tamén en terras agrícolas de cultivo extensivo que lles ofrezan boas condicións para crías e alimento dabondo. Evitan os desertos, nos que so ocupan as súas beiras e os bosques, así como as zonas acuáticas. Nas áreas de invernada procura o mesmo tipo de territorios. Coma outras aves de rapina atópanse a miúdo preto das zonas onde se está a producir un incendio, para aproveitar a presenza de presas que escapan das chamas.

Aínda que máis das colonias están situadas en puntos solitarios e faltos case totalmente de presenza humana no foxen sempre dos homes, e poden establecer colonias en zonas habitadas onde sexan tolerados, mesmo en cidades grandes coma no caso de Sevilla, onde algunhas ducias de parellas crían na catedral.

Comportamento[editar | editar a fonte]

Son aves moi sociais, ás que é raro ver solitarias. Viven en xeral en colonias e van de caza xuntas. Antes de sufriren unha forte redución das súas poboacións, colonias con centos de parellas reprodutoras e sociedades dalgúns miles de individuos non eran excepcionais. O seu ritmo diario está marcado por un inicio da actividade non moi cedo, unha pausa ó mediodía e a continuación dos voos de caza ata ben entrado o lusco fusco. En ocasións, en especial cando a presenza de fontes artificiais de luz atraen nubes de insectos poden seguir actívoas nas primeiras horas da noite. O seu voo e menos apurado có do lagarteiro común. Aproveitan frecuentemente as correntes de aire ascendente que soben á carón de acantilados e edificios altos para permaneceren estáticos no aire, movendo continuamente a cola para compensarse.

Defenden fronte ós competidores á área máis inmediata ó niño, sen chegaren nunca á agresión física. Os inimigos potenciais, coma córvidos e outras aves de rapina, que entran nas colonias de cría, son rodeados en voo por varias aves aínda que os ataques non son moi intensos. Mesmo perante a presenza humana amósanse máis axiña pasivos, permitindo grandes aproximacións.

Reprodución[editar | editar a fonte]

Parella apareándose.

Forman case sempre colonias de cría. Os niños individuais dentro das colonias están separados por menos de 2 metros. Como se mencionou as antigas grandes colonias son hoxe moi raras. Ó xeito de tódolos falcóns non constrúen un niño, polo que dependen para reproducirse de atopar lugares axeitados, en xeral furados, máis ou menos pechados, ou repisas en árbores, acantilados e edificios. En ocasións aproveitan niños arbóreos doutras aves e mesmo niños artificiais. Non aportan ningún material ó niño, limitándose a limpar o sitio escollido e, se é posible, a escalar para formar unha pequena depresión.

Os lagarteiros das torres forman as parellas despois de volveren da viaxe migratoria, chegando ós territorios de reprodución os machos comezan a facer voos de exhibición preto da área do futuro niño. Os voos, caracterizados por xiros do corpo de case 180º que fan que os machos voen curtos períodos co lombo cara ó chan, intensifícanse cando chegan as femias. Nesta fase os machos ofrecen tamén alimentos ás femias, que os reciben e marchan con eles voando.

As parellas son monógamas e estacionais, aínda que se observaron casos de polixinia. Por ben que maduren sexualmente no primeiro ano de vida, poucas veces o fan antes de cumpriren os dous anos. A maioría dos xoves de primeiro ano pasan o verán nos cuarteis de inverno e os machos novos que volven axudan ás veces a alimentar ós polos das parellas reprodutoras. Poñen entre 3 e 6 ovos, as máis das veces 4 ou 5, que son castaños claros con manchas pardas avermelladas e miden uns 35 x 28 mm. Os dous sexos chocan os ovos, por ben que polas noites se encargan case exclusivamente as femias. Os polos tardan uns 28 días en saíren do ovo e son mantidos e coidados polos dous proxenitores. O tempo de permanencia no niño varía rexionalmente, e parece depender moito das condicións climáticas e da abundancia de alimento: pode ser de menos de 30 días ou de case 40. O tempo de permanencia na colonia dos lagarteiros novos é moi curto, e estes espállanse de seguida en tódalas direccións, a miúdo cara ó norte antes de marcharen a África. En Europa as segundas postas son excepcionais, pero danse noutras rexións.

Alimentación e obtención do alimento[editar | editar a fonte]

Femia de lagarteiro das torres
Macho

A súa dieta componse dunha grande variedade de presas pequenas, pero decotío está formada maioritariamente por insectos, sobre todo grilos, saltóns e escaravellos, en ocasións tamén cempés e alacráns. Sobre todo nos primeiros meses do ano comen tamén pequenos mamíferos e réptiles. Nas rexións onde pasa o inverno as presas principais son as lagostas migradoras e as termitas. As presas son axexadas en voo ou espreitando pousados e capturadas e golpeadas no chan. A miúdo son esnaquizadas xa no aire, pero as presas grandes son levadas a un pousadoiro. O territorio de caza depende da oferta de alimento. Nos casos óptimos é un círculo de 1 a 1,5 km. ó redor da colonia de cría.

Conduta migratoria[editar | editar a fonte]

Máis dos lagarteiros das torres son migradores de longa distancia que pasan o inverno en África ó sur do Sáhara. Os exemplares europeos e os de Asia central voan cara a eses territorios, e só algúns machos máis vellos tentan pasa-lo inverno no sur de España, Marrocos, sur dos Balcáns e de Anatolia. Durante o inverno levan unha vida nómade, e a súa presenza nunha zona precisa está moi determinada pola abundancia de grandes insectos. Aínda así a súa conduta migratoria e a distribución exacta no inverno son pouco coñecidas. En 2007 ornitólogos franceses descubriron no Senegal unha área de descanso na que se xuntaban uns 28 600 exemplares. [1] A viaxe migratoria comeza xa en xuño con voos sen dirección precisa, o que non permite saber o momento exacto da partida para a viaxe definitiva. Probablemente atravesan o Mediterráneo e o Sáhara sen escalas e a gran altura, porque non adoitan detectarse nos puntos habituais de paso do Bósforo e Xibraltar. Téñense comprobado voos sen escalas de máis de 2000 km. A mediados de outubro están xa nas áreas de invernada, e comezan os voos de regreso en xaneiro. A mediados de febreiro chegan ó norte de África os que estarán no sur de Europa en marzo.

Situación, ameazas e dinámica das poboacións[editar | editar a fonte]

As poboacións da especie sufriron unha forte redución en Europa dende os anos 1960. A catástrofe iniciada neses anos en Centroeuropa, repetiuse en España nos anos 1980. Se en 1960 se calculaba que había unhas 100.000 parellas reprodutoras. Na actualidade os seus números cífranse nunhas 10.000. A nivel mundial crese que as súas poboacións supoñen só entre un 10 e un 15 % das dos anos 1950. A tendencia parece estarse invertendo, porén, nalgúns países: en España as poboacións parecen estabilizarse, en Grecia e a República de Macedonia apareceron unha cantidade apreciable de parellas reprodutoras. Onde a especie parece amosar un aumento máis destacado é en Italia. A poboación actual en Europa calcúlase nunhas 20000–35000 parellas reprodutoras. A situación da especie e cualificada pola IUCN como VU (= vulnerable).

As flutuacións das poboacións da especie foi sempre grande. Algunhas colonias aparecían, medraban axiña e volvían desaparecer, o que non explica o retroceso sufrido dende os anos 1960, que podería estar relacionado coa loita contra as lagostas migratorias nos seus territorios de inverno e a perda de hábitats, o uso crecente de insecticidas e os cambios climáticos nas áreas de cría. Fálase tamén de problemas relacionados coa endogamia como causantes da desaparición de moitas colonias.

Nomes vulgares noutras linguas[editar | editar a fonte]

  • Alemán: Rötelfalke.
  • Catalán: Xoriguer petit.
  • Español: Cernícalo primilla.
  • Francés: Faucon crécerellette.
  • Inglés: Lesser Kestrel.
  • Neerlandés: Kleine torenvalk.
  • Portugués: Peneireiro-das-torres.
  • Sueco: Rödfalk.

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • James Ferguson and David A. Christie: Raptors of the World. Houghton Mifflin Company Boston, New York 2001. pp 835-338; 92. ISBN 0-618-12762-3
  • Urs N. Glutz von Blotzheim (Hrsg.): Handbuch der Vögel Mitteleuropas. Bd. 4. Bearbeitet u. a. von Kurt M. Bauer und Urs N. Glutz von Blotzheim. Aula-Verlag, Wiesbaden ²1989, S.741-767. ISBN 3-89104-460-7
  • Theodor Mebs und Daniel Schmidt: Die Greifvögel Europas, Nordafrikas und Vorderasiens. Biologie, Kennzeichen, Bestände. Franckh-Kosmos Verlags GmbH&Co. KG, Stuttgart 2006. S. 464-471. ISBN 3-440-09585-1
  • Hans-Günther Bauer und Peter Berthold: Die Brutvögel Mitteleuropas. Bestand und Gefährdung. Aula-Wiesbaden 1998 S. 88-89. ISBN 3-89104-613-8
  • Mark Beamman und Steven Madge: Handbuch der Vogelbestimmung. Europa und Westpaläarktis. Ulmer-Stuttgart 1998. S 205 und 245. ISBN 3-8001-3471-3
  • Viktor Wember: Die Namen der Vögel Europas. Bedeutung der deutschen und wissenschaftlichen Namen. Aula-Wiebelsheim 2005. S. 62. ISBN 3-89104-678-2
  • Benny Génsbol, Walther Thiede: Greifvögel - Alle europäischen Arten, Bestimmungsmerkmale, Flugbilder, Biologie, Verbreitung, Gefährdung, Bestandsentwicklung. BLV Verlag, München 1997. ISBN 3-405-14386-1

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]