La maja desnuda

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Goya Maja naga2.jpg
La maja desnuda
Francisco José de Goya y Lucientes, 1790 - 1800
óleo sobre lenzo
97 cm × 190 cm cm
Museo do Prado (Madrid)

La maja desnuda é unha das máis célebres obras de Francisco José de Goya y Lucientes. O lenzo é unha obra de encarga pintada antes de 1800, no período entre 1790 e 1800, data da primeira referencia documentada da obra [1]. Posteriormente formou parella con La maja vestida, datada entre 1802 e 1805 [2], probablemente por requirimento de Manuel Godoy, xa que consta que formaron parte dun gabinete da súa casa.

En ámbalas dúas pinturas, retrátase de corpo enteiro a unha mesma muller recostada placidamente nun leito e ollando directamente cara o observador. Non se trata dun nu mitolóxico, senón dunha muller real, contemporánea a Goya, e incluso na súa época foi coñecida coma A Xitana. A primacía temporal de La maja desnuda indica que, no momento de ser pintado, o cadro non estaba pensado para formar parella con ningunha outra obra.

Especulouse coa posibilidade de que a retratada fora a Duquesa de Alba, pois á súa morte tódolos seus cadros pasaron a ser propiedade de Godoy, a quen se sabe que pertenceron as dúas “majas”, de forma semellante ao acontecido coa Venus do espello de Velázquez. Porén, non existen probas definitivas de que esa face pertenza á duquesa nin de que a obra non puidera chegar a Godoy por outros camiños, incluso, polo dun encargo directo a Goya.

Historia do cadro[editar | editar a fonte]

La maja vestida e La maja desnuda no Museo do Prado.

Sábese que nun principio ámbolos dous cadros, La maja vestida e La maja desnuda, eran propiedade de Manuel Godoy, estando a "vestida" situada sobre a "espida" de tal xeito que mediante un mecanismo se descubría este último cadro. Actualmente estas dúas obras atópanse dende 1910 no Museo do Prado de Madrid. Previamente, foron custodiados na Real Academia de San Fernando nunha sala reservada, de acceso restrinxido, onde se acumulaban os cadros de nus máis atrevidos.

A historia do lenzo é de por si interesante debido ás súas peripecias: en 1807 Fernando VII confiscoulla a Godoy e en 1814 a Inquisición decidiu secuestrala por "obscena" e someteu a un xuízo a Goya, do que conseguiu a absolución grazas ao influxo do cardeal Don Luis María de Borbón y Vallabriga; no entanto, a pintura quedou fóra da vista do público practicamente ata o comezo do século XX.

O feito de que estas pinturas fosen inicialmente posesión de Godoy podería indicar quen é a retratada. Debido á amizade, probablemente íntima, que Godoy mantivo coa decimoterceira duquesa de Alba, María del Pilar Teresa Cayetana de Silva y Álvarez de Toledo, da cal se fixeron varios retratos nos que o tratamento pictórico revela un gran cariño, e debido ás múltiples semellanzas entre a duquesa e a muller representada en ámbolos dous lenzos, considerouse que ela podería ser a retratada.

En 1845 Louis Viardot publicou en Les musées d'Espagne que a muller do lenzo era a duquesa e, a partir desta nova, a discusión crítica non deixou de formular esta posibilidade. Joaquín Ezquerra del Bayo, no seu libro La Duquesa de Alba y Goya[3] afirma, baseándose na similitude da postura e dimensións das dúas “majas”, que estaban dispostas de modo que, mediante un inxeniosos mecanismo, a “maja” vestida cubrise á “espida” coma un xoguete erótico do gabinete de Godoy. Sábese que o Duque de Osuna, no século XIX, empregou este procedemento cun cadro que, por medio dun resorte, deixaba ver un nu.

Con todo, polas datas e polo feito de que as obras estiveran inicialmente na colección privada de Godoy, considérase moito máis probable que a modelo dos cadros fose a entón amante e despois esposa do propio Godoy, Pepita Tudó. En todo caso, tendo en conta as similitudes físicas entre as dúas damas, é probable que Goya ao retratar a Pepita Tudó evocara á duquesa, e así a inmortalizase.

La maja desnuda serviu de inspiración para a pose do lenzo Olympia, de Manet. En 1927, Correos de España emitiu un selo de La maja desnuda, sendo a primeira vez que apareceu un nu feminino na filatelia, o que orixinou un grande escándalo.

Análise[editar | editar a fonte]

La maja desnuda nun selo de 1930.

No deseño deste cadro o debuxo é decisivo; por este feito e polo predominio dunha gama cromática fría, nótase a influencia do neoclasicismo, aínda que Goya vai moito máis lonxe deste estilo. Malia que a obra se sitúa dentro da estética desta tendencia, coma outras do mesmo pintor, este lenzo é audaz e atrevido para a súa época, ao igual que a expresión da face e a actitude corporal da modelo, que semella sorrir satisfeita. Asemade, é a primeira obra de arte (coñecida) na que aparece pintada a pube feminina, o que resalta o erotismo da composición.

Cómpre salientar a particular luminosidade que Goya dá ao corpo da muller espida, en contraste co resto do ambiente, xunto coa expresividade da mirada, típica do autor. Así mesmo, dentro da forza das pinceladas que caracterizan ao artista, este esmerouse no tratamento da figura e dos sombreados, así coma na sutileza das teas e no emprego das cores, utilizando un minucioso xogo de verdes que contrasta con brancos e rosados, semellando deste xeito que a “maja” está suspendida nun espazo escuro que ela mesma ilumina.

Na cultura occidental, ata Goya, recorreuse durante séculos a escusas para representar á muller núa, coma por exemplo a temas míticos. Porén, en La maja desnuda represéntase simplemente unha muller real.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. [A primeira mención de La maja desnuda aparece no diario de Pedro González de Sepúlveda, gravador e académico, que refire que forma parte da colección de pintura de Manuel Godoy en 1800. Cit. por Juan J. Luna, La maja desnuda, 1996.]
  2. [Juan J. Luna, art. cit., 1996.]
  3. Ezquerra del Bayo, J.: La Duquesa de Alba y Goya, Madrid, Aguilar, 1959.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • D'ORS FÜHRER, Carlos, y MORALES MARÍN, Carlos, Los genios de la pintura: Francisco de Goya, Madrid, Sarpe, 1990, pág. 93. Sección «Estudio de la obra seleccionada», por Carlos D'Orf Führer, págs. 89-90. ISBN 84-7700-100-2
  • GLENDINNING, Nigel, Francisco de Goya, Madrid, Cuadernos de Historia 16 (col. «El arte y sus creadores», nº 30), 1993, págs. 65-68.
  • LUNA, Juan J., La maja desnuda, 1996.