La aldea gallega

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

La aldea gallega
estudio de derecho consuetudinario y economía popular
Autor/aNicolás Tenorio
OrixeEspaña
Linguacastelá
EditorialImprenta de Manuel Álvarez, Cádiz
Data de pub.1914
editar datos en Wikidata ]

La aldea gallega (en galego, A aldea galega), baixo o subtítulo de Estudio de derecho cosuetudinario y economía popular, é un libro de antropoloxía social escrito por Nicolás Tenorio Cerero a partir das experiencias recollidas na zona de Viana do Bolo (Ourense) entre 1900 e 1906.

Historia e características[editar | editar a fonte]

Foi publicada orixinariamente en Cádiz no ano 1914, na imprenta de Manuel Álvarez, e reeditada en Galicia en 1982, por Edicións Xerais da man de Carlos García Martínez.

Esta publicación é probablemente un dos primeiros estudos antropolóxicos de campo realizados en Galicia aplicando unha metodoloxía exhaustiva e cinguíndose a un ámbito xeográfico concreto, o partido xudicial de Viana do Bolo, daquela integrado polos concellos de Viana, O Bolo, A Gudiña, A Mezquita e Vilariño de Conso. Polas mesmas datas (1913-1914) Vicente Risco publicara un pequeno traballo etnográfico sobre Castro Caldelas e non foi ata a década de 1930 cando o Seminario de Estudos Galegos comezou a elaborar monografías etnográficas completas sobre Calvos de Randín (1930), Melide (1933) ou Velle (1936).

O libro é un estudo antropolóxico escrito sobre a Galicia rural e achega detalles da cultura e costumes populares únicos.

Capítulos[editar | editar a fonte]

A obra está dividida en cinco capítulos:

  • Capítulo I: Aldeas e propiedades comunitarias. Nel descríbese o partido xudicial, a fundación e a condición social de Viana e dos vianeses. Tamén se reflicte a figura do Concello da aldea, a propiedade comunal e a distribución e aproveitamento dos montes e das terras, e os Libros de Avances (cadernos de papel e fío onde figuraban inscritas as propiedades individuais e familiares).
  • Capítulo II: Costumes agrícolas da aldea. Recolle todo o relacionado co traballo agrícola no campo (seitura, malla, cultivo e preparación do liño, particións de auga e o contrato de parceiría).
  • Capítulo III: Costumes familiares da aldea. Describe os costumes referentes aos noivados e as vodas, destacando a petición de man, as amoestacións, o alboroque (que se celebra o día no que é lida a primeira amoestación) e todo o ritual e festa subseguinte (voda e tornavoda). Finaliza describindo a morte e o seu contorno: velorio, enterro e culto ós mortos.
  • Capítulo IV: Festas públicas da aldea. Aparecen os eventos festivos típicos de calquera aldea galega, como son o Día do Patrón, o Entroido, Día de Reis, Festa de Santo Antón, Os Maios, a noite de San Xoán, as festas á luz da lúa e os fiadeiros.
  • Capítulo V: Supersticións da aldea. Temas de maxia mesturada coa relixión. Así, recolle o papel das meigas, sabios e adiviñas, a Semana Santa, conxuros, obxectos e xestos protectores e maléficos, agoiros de boa e de mala sorte, e o famoso Ciprianillo (libro que contiña ensalmos máxicos, lidos para conxurar o demo e atopar tesouros).

Orixe da obra[editar | editar a fonte]

Nicolás Tenorio chegou a Viana desde Sevilla en outubro do ano 1900 cando o Ministro de Graza e Xustiza noméao Xuíz de Primeira Instancia e Instrución do Partido Xudicial de Viana do Bolo. Exerceu en Viana ata xuño de 1906, data na que foi trasladado a Vilamartín de Valdeorras. Finalmente, ó redor de 1912 regresou a Andalucía.

O libro describe a vida do concello de Viana do Bolo e está escrito, xa en Cádiz, a partir dos datos recollidos naqueles seis anos. Estivo varios anos sen ser publicado porque o tema non resultaba interesante para os editores da época.

Hoxe unha rúa vianesa leva o seu nome.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]