La Rosa de los Vientos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Parte do equipo do programa: Raúl Shogún, Bruno Cardeñosa, Juan Antonio Cebrián, Carlos Canales, Jesús Callejo e Martín Expósito.

La Rosa de los Vientos é un espazo radiofónico emitido en Onda Cero. Nel trátanse todo tipo de temas: ciencia e tecnoloxía, misterio, humor, ecoloxía, historia, lendas... unha temática semellante á do programa Milenio da Radio Galega. Foi presentado e dirixido por Juan Antonio Cebrián até o seu pasamento, o 20 de outubro de 2007. Na actualidade, está dirixido por Silvia Casasola, con Martín Expósito na redacción e produción e presentado por Bruno Cardeñosa. Como homenaxe cada programa comeza dicindo "La Rosa de los Vientos de Juan Antonio Cebrián con Bruno Cardeñosa", substituíndo á anterior presentación de "La Rosa de los Vientos con Juan Antonio Cebrián". O programa comezou a súa emisión o 13 de setembro de 1997, herdando parte dos seus contidos de Turno de Noche, programa que inaugurou as madrugadas de Onda Cero cunha fórmula peculiar e distinta á practicada por outras cadeas de radio, dedicadas neses momentos á repetición dos programas emitidos durante o día.

O equipo de colaboradores daquela formábano José Manuel Escribano e Miguel de la Quadra-Salcedo, veteranos de Turno de Noche, canda Paco Clavel, Elena Prada, Miguel Ángel Valladares, Manu Leguineche, Gerardo Olivares, Carlos José Coloma, Nacho Sierra e Fernando Rueda.

En 1998 incorpóranse Jesús Callejo e Carlos Canales. Posteriormente faríano Javier Sierra, Bruno Cardeñosa e Fernando Jiménez del Oso.

Este programa conta cun gran número de oíntes e converteuse nun programa de culto da radio española. No ano 2003 eliminouse da programación, mais tras numerosas queixas, Onda Cero tivo que volver a poñer o programa na súa grela no 2004, continuando logo até os nosos días.

Actualmente, emítese os sábados e domingos, de 1:00 a 4:00 da madrugada (GMT+01:00), excepto para Cataluña, onde a emisora tivo que substituílo, ao comezar a temporada 2008-2009, para cumprir coa lexislación de contidos emitidos en catalán, pola repetición do programa "No son hores", aínda que se pode escoitar pola frecuencia de AM e ademais se poden seguir os programas vía Internet.

Seccións[editar | editar a fonte]

  • Tertulia de las Cuatro C, con Juan Antonio Cebrián, Carlos Canales, Jesús Callejo, Bruno Cardeñosa e en ocasións con outros invitados relacionados coa temática, escritores, periodistas etc. Desde esta sección xurdiu o libro Enigma, feito polos catro.
  • Monográficos Zona Cero, sobre temas de actualidade e clásicos como as psicofonías. A maioría son obra de Canales e Callejo.
  • Expedientes del misterio, sección a cargo de Bruno Cardeñosa na que se examinan de forma rigorosa e amena os pormenores das investigacións sobre casos misteriosos.
  • Pasajes de la Historia, narrados por Cebrián cun coidado ambiente sonoro. Deu lugar a dous libros do propio Cebrián co mesmo nome.
  • Versus, co formato dos Pasajes de la Historia, enfronta a personaxes que conviviron nun mesmo momento dea Historia e tiveron unha relación xeralmente enfrontada.
  • Psicokillers, narrados por Cebrián, céntranse na actividade dos grandes asasinos en serie da historia. Sección desaparecida antes da tempada do 2006.
  • Azul y Verde, sección de ecoloxía pola que pasaron colaboradores como Mar de Tejeda ou Martín Expósito.
  • Micro relato, enviados polos oíntes e que son narrados con coidado ambiente sonoro na voz de Paco de León.
  • Materia Reservada, sección sobre xeopolítica e espionaxe con Fernando Rueda.
  • El rincón del Escribano, sección de cine con José Manuel Escribano, o decano dos colaboradores do programa.
  • Lugares de Poder, viaxes a lugares singulares con Juan Ignacio Cuesta.
  • Cómics, con Raúl Shogún dende Salamanca, falando dos cómics.
  • DJ Martin, sección musical conducida por Martín Expósito.
  • El Termómetro de la Tierra, sección dedicada exclusivamente a informar de todos aqueles acontecementos relacionados co Cambio Climático dende catástrofes climáticas até novos enxeños mecánicos que favorezan a obtención de enerxía renovable, elaborada por Martín Expósito.
  • Europeos del día, espazo humorístico onde participan Martín Expósito e Silvia Casasola, coordinadora do programa durante moitas tempadas.
  • Viajes Favoritos, co doutor Fernando Jiménez del Oso. Esta sección naceu a raíz da desaparición do propio doutor no ano 2005. Desaparecida antes da temporada 2006.
  • Las lunas de Tico Medina, poemas do xornalista Tico Medina recollendo a temática de actualidade do momento. Desaparecida antes da temporada 2006.
  • El fin de la especie, toque humorístico sobre noticias estrañas. Foi conducido por Luján Arguelles nos seus primeiros pasos en Onda Cero. Desaparecida antes da temporada 2006.
  • Chispa y muelle, sección paródica sobre inventos e teorías científicas con Pepín Tre. Desaparecida antes da temporada 2006.
  • La Biblioteca, sección dedicada a falar de novidades editoriais con Laura Falcó Lara, directora de varios selos editoriais do Grupo Planeta.

Ademais doutra serie de seccións enmarcadas en coleccións de duración determinada.

  • Enigmas del mundo, deu lugar ao libro "100 enigmas del mundo" de Bruno Cardeñosa.
  • Exploradores del misterio
  • Historia de la ufología
  • Enigmas literarios
  • Leyendas urbanas (temporada 2006-2007)
  • El Garaje de Mario V, sección dedicada a pensar Internet, as implicacións filosóficas da rede de redes, as súas historias e personaxes, polo xornalista e desenvolvedor web Mario Viciosa.

Lema do programa[editar | editar a fonte]

Donde la noche se enamora del misterio, y envuelve con su capa a esas almas heridas de soledad, para que no mueran de frío.
Donde la noche se transforma en una luz y acuna la imaginación y los sueños de libertad.
Donde la esperanza camina de la mano del saber.
Donde te espero, en la Rosa de los Vientos.

Por outro lado, o grupo de folk metal Mägo de Oz, rendeulle unha homenaxe ao programa coa canción "La Rosa de los Vientos" no 2003 e versionou a melodía principal do programa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]