La Chureca

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Churequeiros esbardallando o lixo.

Chureca é o nome do maior vertedoiro de lixo de Managua, Nicaragua. Está situado no extremo nor-occidental da cidade, ao lado do lago Xolotlán (lago Managua) e rodeado polo barrio de Acahualinca.

Cunha dimensión superficial dunhas 40 hectáreas e unha profundidade media de 30 metros, o vertedoiro recibe unhas 1.300 toneladas diarias de residuos sólidos urbanos.

Debido á súa localización, ás súas dimensións crecentes e á falta dun plan de tratamento, La Chureca supón un enorme problema medioambiental: os efluentes lixiviados infíltranse nos acuíferos e contaminan as súas aguas, así como as do lago. O gas metano xerado pola descomposición dos residuos orgánicos escapa á atmosfera contribuíndo a reforzar o efecto invernadoiro a escala global. Ademais constantes fogos espontáneos producen unha atmosfera irrespirable que afecta aos habitantes dos barrios próximos.

Esperando o camión.

O problema podería ser moito maior se non se contara coa acción dos “churequeros”, cidadáns pobres que, en número aproximado de 1.500, recollen do vertedoiro os materiais que poden ser reciclados ou teñen algunha posibilidade de comercialización (vidro, plásticos, metais, papel e cartón, fundamentalmente). Isto xera unha actividade económica da que se benefician miles de familias, algúns de cuxos membros se dedican á recolección de materiais, ao lavado, ao almacenamento, ao transporte ou á súa comercialización. Até 2.500 persoas poden estar directamente implicadas nalgunha destas tarefas, principalmente nos barrios limítrofes a Chureca, onde se utilizan as propias vivendas como almacéns. Un dos barrios, habitado por unhas 200 familias, atópase dentro do propio vertedoiro.

Carrexando lixo.

Cunha poboación aproximada de 18.000 persoas, a situación socio-económica dos barrios que arrodean Chureca é de extrema pobreza, marxinación e exclusión social. A maior parte das casas están construídas basicamente con chapas de cinc e aceiro, e carecen en gran medida dos servizos urbanos básicos.

No vertedoiro conflúen a un mesmo tempo os 1.500 churequeiros, os camións da recollida de lixo, a maquinaria de nivelación, os empregados municipais, carros que serven para o transporte dos materiais recollidos aos centros de almacenamento, unhas duascentas vacas que pacen por alí diariamente, un fume permanente que xorde do lixo, así como centenares de zopilotes que acoden ao lugar a alimentarse, presentando esta estampa unha idea das condicións de vida da xente do lugar.