La Alcarria

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

La Alcarria é unha comarca natural castelá situada ao nordeste da Meseta Sur, que ocupa o centro e o sur da provincia de Guadalaxara, parte do noroeste da de Cuenca e do sueste da de Madrid.

É coñecida pola novela de Camilo José Cela Viaje a la Alcarria e polo seu mel con denominación de orixe.

Limita ao norte coa comarca de La Sierra Norte - Sigüenza, ao leste co Señorío de Molina e a Serranía de Cuenca, que tamén é o seu límite sur xunto coa Mancha, e ao oeste con La Campiña e a comarca de Aranjuez. Atravésana o río Texo e os seus afluentes Cifuentes, Guadamajud, Guadiela, Henares, Tajuña, así como outros de menor importancia.

As poboacións máis importantes son Brihuega, Cifuentes, Chinchón, Huete, Pastrana, Priego e Sacedón. A cidade de Guadalaxara, situada entre La Campiña e La Alcarria, é considerada a capital da comarca.

A meirande parte da poboación concéntrase na parte máis occidental, dentro da Comunidade de Madrid e no oeste da provincia de Guadalaxara, pola influencia da proximidade á capital. Estas zonas experimentaron maior desenvolvemento económico e urbanístico con grandes urbanizacións, habitadas fundamentalmente por poboación procedente da área metropolitana de Madrid. Por contra, as zonas máis orientais e meridionais de La Alcarria manteñen en maior grao a fisonomía rural, así como unha densidade de poboación moi inferior.