L7
| L7 | |
|---|---|
| Información | |
| Orixe | Os Ánxeles, Estados Unidos |
| Período | 1985 - 2001 |
| Xénero(s) | grunge, punk rock |
| Selo(s) discográfico(s) | Slash Records, Epitaph |
| Membros | Donita Sparks Suzi Gardner Janis Tanaka Demetra Plakas Jennifer Finch Gail Greenwood Roy Koutsky |
| Antigos membros | |
| Web oficial | |
L7 foi unha banda californiana de grunge e punk rock formada no ano 1985 e activa ata o ano 2001. Debido ao seu son e estética adoita a asociarse ao movemento grunge de finais dos 80 e principios dos 90.
Historia[editar]
A idea de formar a banda xurdiu en 1985 cando Suzi Gardner coñeceu a Donita Sparks nos Ánxeles. En 1986, despois de moitos ensaios, a idea da banda fíxose máis seria cando Jennifer Finch (que vivía en San Francisco) se converteu na baixista da recén formada L7. A partir daí a banda pasou a facer varios concertos en clubes da cidade, con Suzi e Donita nas voces e guitarras, Jennifer no baixo e o batería Roy Koutsky completando a formación.
Non pasou moito tempo ata conseguir un contrato, que acabou sendo asinado con Epitaph para o lanzamento do seu primeiro disco. O álbum, titulado L7, foi lanzado en 1988 coa produción de Brett Guertzitz, e a banda embarcouse na súa primeira xira nacional, teloneando a Bad Religion.
Despois dun tempo cambiando de baterías, en 1988 Demetra "Dee" Plakas xuntouse á banda. Xa en 1989 L7 asinou coa Sub Pop e fixo a súa segunda xira nacional, desta vez ao lado da banda Catt Butt. O primeiro lanzamento con Sub Pop tivo lugar en 1990, o disco Smell the Magic. Despois da súa primeira xira en Europa (abrindo concertos para Nirvana), e de varios concertos nos Estados Unidos, L7 comezou a chamar a atención das grandes discográficas. En 1991 a banda asinou con Slash Records e no ano seguinte foi lanzado Bricks are Heavy. Co novo disco, L7 mostrou que non perdera a súa agresividade e a súa pegada despois de asinar cunha discográfica grande, consolidando o seu estilo e contando cunha produción máis traballada. Brick are Heavy foi producido por Butch Vig.
A repercusión do novo álbum foi extraordinaria, vendendo centenas de millares de copias en todo o mundo, levado principalmente polo éxito de "Pretend We're Dead", a canción máis tranquila e pop do disco, ata hoxe a canción máis coñecida de L7.
O resto de 1992 e 1993 estivo ocupadísimo na carreira da banda, con dúas extensas xiras nos Estados Unidos, outras dúas en Europa (unha delas abrindo para Faith no More), concertos en Xapón e Australia, actuacións en programas como o de David Letterman nos Estados Unidos, e concertos en grandes festivais, como o de Reading en Inglaterra e o Hollywood Rock no Rio en São Paulo.
O cuarto álbum da banda, Hungry for Stink, foi editado en xullo de 1994 durante a súa xira no Lollapalooza, onde compartiron escenario con bandas como The Smashing Pumpkins e The Breeders entre outros.
Finch deixou o grupo durante a gravación do seu seguinte traballo, polo que Sparks e Greta Brinkman tocaron o baixo no quinto álbum de L7, The Beauty Process: Triple Platinum. Despois da gravación Gail Greenwood, (anteriormente na banda Belly) convertiríase na baixista do grupo.
O derradeiro álbum da banda, Slap-Happy, foi publicado en 1999. Greenwood posteriormente deixou o grupo e foi reemprazada por Janis Tanaka, que tocara en Stone Fox. Tanaka porteriormente sería a baixista da cantante Pink, mentres que Greenwood tocaría con Bif Naked.
Porén, en 2001, a banda deixou de xirar, anunciando a través da súa páxina web que estaba en hiato indefinido. Na actualidade L7 está totalmente inactiva. Sparks ten unha carreira en solitario, xunto con Plakas e outras dúas guitarristas na banda Donita Sparks and The Stellar Moments. Finch está traballando nun grupo de punk rock chamado The Shocker.
Discografía[editar]
- L7 (Epitaph, 1987)
- Smell The Magic (Sub Pop, 1991)
- Bricks Are Heavy (Slash/Warner, 1992)
- Hungry For Stink (Slash/Warner, 1994)
- The Beauty Process: Triple Platinum (Slash/Warner, 1997)
- Slap-Happy (Wax Tadpole, 1999)