L'Écume des jours

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
L'Écume des jours
Autor Boris Vian
País Francia
Lingua francés
Xénero(s) novela
Editorial Éditions Gallimard
Data de pub. 1947


L'Écume des jours é unha novela de Boris Vian, escrita en 1946 e publicada en 1947 por Éditions Gallimard. Malia que foi promovida por Raymond Queneau e Jean-Paul Sartre (que publicou extractos en Temps Modernes), non tivo éxito en vida de Vian.

Trata un universo poético e confuso, sendo os seus temas principais o amor, a enfermidade e a morte, cunha atmosfera de música jazz e boa gastronomía.

Trama[editar | editar a fonte]

Aviso: Esta sección pode revelar detalles da trama e/ou do argumento.

A novela céntrase no personaxe de Colin, un rapaz con cartos abondo para non traballar. Chick é un amigo seu, que traballa de enxeñeiro pero é pobre. Nicolás é o cociñeiro de Colin. Chick comeza a saír con Alise, unha sobriña de Nicolás. Este, á súa vez, xúntase con Isis, unha amiga de Colin. Colin, celoso, tamén quere coñecer o amor, e lógrao tras coñecer a Chloé nunha festa. Colin e Chloé casan, e Colin regala parte dos seus cartos a Chick para que case con Alise.

Na lúa de mel Chloé enferma: crécelle un nenúfar nun pulmón. Para curar, Colin mércalle flores e envíaa á montaña. Ao regresar xa non está o nenúfar, pero só pode utilizar un dos pulmóns. Colin busca un traballo para poder seguir mercando flores, pero Chloé volve enfermar. O seu piso vai empequenecendo e é cada vez máis triste e escuro, a pesar dos desvelos dun pequeno rato gris con bigote negro para que todo quede como estaba.

Pola súa parte, a relación entre Chick e Alise non vai ben, porque a única preocupación de Chick é Jean-Sol Partre (heterónimo de Jean-Paul Sartre), ao que ten mitificado. Alise mata ao filósofo cun "arrancacorazóns" (nome da seguinte novela de Vian) e queima as librerías próximas, pero morre nun deses incendios. Mentres tanto, a policía mata a Chick por non pagar os impostos.

Finalmente Chloé morre, pero Colin só pode pagar un funeral e enterro pobre.. Decepcionado e triste, pensa no suicidio.

Os detalles da trama e/ou do argumento rematan aquí.

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Colin: Mozo desenvolto. Gústalle o jazz, o confort e o amor, e aborrece a violencia e o traballo.
  • Chloé é a muller perfecta para Colin: nova, fermosa e alegre.
  • Chick é o mellor amigo de Colin. Está apaixonado pola filosofía de Jean-Sol Partre, se ben non a comprende. Necesita traballar para vivir.
  • Alise está moi enamorada de Chick, compadécese de Chloé e envexa o amor recíproco entre Colin e Chloé.
  • Nicolás é o cociñeiro de Colin, e tamén o seu bo e fiel amigo. Non é da mesma clase social, e achega un punto de equilibrio e sentido común. Adora cociñar e experimentar novos pratos. É amante de Isis.
  • Isis: Pertencente á alta burguesía, está namorada de Nicolás, e como el, sabe desfrutar dos praceres da vida sen esixir demasiado. É a única con apelido e a única de quen se menciona a familia.

Temas[editar | editar a fonte]

  • Amor: Aparecen tres formas de amor: o tolo e desenfrenado entre Colin e Chloé, o imposible entre Chick e Alise, e o físico entre Nicolás e Isis.
  • Traballo: Boris Vian denuncia as inhumanas condicións de traballo. A clase operaria aparece reflectida como se fosen máquinas, alienados.
  • Música: O jazz é omnipresente, sendo numerosas as referencias a músicos e pezas. O propio nome de Chloé provén dun tema de Duke Ellington.
  • Relixión: Critícase a relixión mediante unha voda e un enterro. Durante a voda, a igrexa afánase en conseguir os cartos de Colin. O enterro é o oposto á voda, e como a Colin non lle quedan cartos, bótase o féretro pola ventá, os dous portadores van sucios, o chófer canta a gritos, os relixiosos aparecen fugazmente sen molestarse en vestirse correctamente e bótase o ataúde á foxa. O propio Xesús Cristo na igrexa cobra vida.
  • O irreal: A pesar de que Boris Vian basea A novela sobre unha determinada realidade, o irreal está moi presente desde o principio, sobre todo con todo o relacionado con Colin e o seu progresivo empobrecemento. A súa casa mingua durante o desenvolvemento da novela, e o tempo acelérase, pasándose da primavera ao outono.
  • Star-system cultural: Boris Vian denuncia o culto á personalidade co personaxe de Jean-Sol Partre.

Adaptación[editar | editar a fonte]

Esta novela está baseada na trama de Trois Camarades de Erich Maria Remarque, que conta unha historia de amor na que hai unha rapaza tuberculosa pola que o heroe namorado sacrifica o seu patrimonio.

A novela foi adaptada ao cinema en 1968 por Charles Belmont, con Jacques Perrin, Marie-France Pisier, Sami Frey, Alexandra Stewart, Annie Buron e Bernard Fresson.