Lübeck

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Lübeck
Lubeca / Lübeck
Bandeira de Lubeca / Lübeck Escudo de Lubeca / Lübeck
Bandeira Escudo
País Alemaña
• Land Schleswig-Holstein
Localización 53°52′N 10°41′E / 53.867°N 10.683°E / 53.867; 10.683
• Altitude 13 msnm
Superficie 214.14 km²
Poboación 213 983 hab. (31 de decembro de 2005)
• Densidade 990 hab./km²
Código postal 23501–23570
Pref. telefónico 0451 e 04502
Sitio web www.luebeck.de
Situación de Lübeck no Land de Schleswig-Holstein.

A Cidade Hanseática de Lübeck ou Lubeca (Hansestadt Lübeck en alemán, é a segunda cidade en poboación do estado federado de Schleswig-Holstein, no norte de Alemaña, despois de Kiel, a capital do Land (213 983 habitantes en 2005).[1]

Está situada ás beiras do río Trave, é o maior porto alemán do mar Báltico. Lübeck é unha cidade independente (Kreisfreie Städte) ou distrito urbano (Stadtkreis), é dicir, posúe estatuto de distrito (kreis).

O teritorio onde se asenta estivo ocupado desde prehistoria. A cidade foi fundada en 1158 por Henrique, o León, duque de Saxonia. Durante varios séculos foi a "capital" da Liga Hanseática (coñecíase pola Raíña da Hansa) e actualmente os seus habitantes recoñecen á súa cidade das Sete Torres como a "Porta do Norte de Europa".

A parte antiga da cidade é unha pequena illa rodeada polos ríos Trave e Wakenitz. O casco antigo forma parte do Patrimonio da Humanidade da Unesco desde o ano 1987. Nel destacan as construcións en estilo gótico báltico de ladrillo.

Hamburgo encóntrase a uns 65 km ao sudoeste de Lübeck, e Kiel, a capital do estado, a 78 km ao noroeste. A autopista Autobahn 1 conecta Lübeck con Hamburgo e Dinamarca. O distrito de Travemünde é un porto e lugar turístico na costa do mar Báltico.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A antiga cidade de Lübeck encóntrase nun illó na confluencia do río Wakenitz co Trave, río navegábel que se abre ao mar Báltico a 17 km ao nordeste, no barrio de Travemünde (lübequés desde 1329). Varias pontes sobre o Trave e o Wakenitz ligan a cidade vella cos barrios máis recentes. Cara ao sur, un canal, o (Elbe-Lübeck-Kanal), relaciona a cidade co río Elba.

O territorio lübequés anuncia o Land de Mecklemburgo-Antepomerania. Era, pois, unha cidade fronteiriza en tempos da República Democrática Alemá.


Panorámica de Lübeck

Panorámica de Lübeck


Historia[editar | editar a fonte]

A primeira cidade[editar | editar a fonte]

Nomerosos dolmens do Neolítico, despois da glaciación de Würm, testemuñan unha primeira cidade nos límites e nos arredores da vila actual.

A cidade eslava[editar | editar a fonte]

O leste de Holstein foi poboado polos eslavos desde o século VII. O poboamento eslavo tivo lugar no Osten Holsteins (Holstein oriental) a partir do ano 700. Xa estaban alí establecidos antes que os pobos xermánicos. E na época de Carlomagno, unha primeira colonia desprazouse ao norte da illa da antiga cidade de Lübeck. Esta cidade eslava, Liubice, que se encontraba na desembocadura do Schwartau preto do Trave, é hoxe, despois das escavacións arqueolóxicas, un importante "Bodendenkmal" (monumento arqueolóxico). Esta cidade foi desde o século X, con Oldenburgo, no Holstein (Starigard), a principal cidade dos Abodritas.

A liñaxe dos Naconios, que residían en Mecklenburgo e Liubice, estaban en estado de guerra permanente cos Liutizanos. Probablemente Liubice xa foi fortificada en esta época. As datacións dendrocronolóxicas dan o ano 819 como a data probábel da fundación da fortaleza, pero Liubice foi mencionada por primeira vez en 1076 por Adam de Bremen, que cita tamén a lapidación de Ansverus en 1066 en Einhaus.[2] [3] En 1093, o naconio cristián Heinrich tomou o poder sobre os abodritas e fixo de Liubice a súa residencia. Despois da súa morte en 1127, a cidade foi incendiada polos Ranen.

A colonización alemá e o castelo de Lübeck[editar | editar a fonte]

A vila de Lübeck na súa situación actual, na colina Buku, no lugar dun antigo castelo entre o Trave e o Wakenitz, foi enseguida refundada polo conde Adolfo II de Schauenburg e Holstein e se converteu na primeira cidade portuaria alemá do mar Báltico. Adolfo construíu o primeiro castelo do que temos constancia documental. Así, en 1147, Helmold von Bosau menciona fortificacións consistentes nunha ladeira de madeira e terra. No medio de tumbas máis modernas, que datan de contra 1155 evidénciase ben. En 1158, Adolfo debeu abandonar o castelo, forzado a rendirse a Henrique o León, pola súa inxerencia nas querelas sobre o trono danés. Despois dun segundo gran incendio, en 1159, a cidade foi reconstruída novamente por Henrique.

Despois da caída de Henrique, o castelo converteuse en imperial, de 1181 a 1189 e, desde 1192, pertenceu de novo ao Ducado de Saxonia. Entre 1192 e 1201, novamente converteuse nunha posesión do Condado de Holstein. O castelo foi mencionado en 1217 polo rei Valdemar II de Dinamarca e mantívose na súa posesión até 1227. En 1226, Lübeck convértese en cidade imperial.

O tempo da Hansa[editar | editar a fonte]

Debido á súa situación xeográfica favorábel ao comercio marítimo, e á súa política exterior en tanto que cidade libre no Sacro Imperio Romano Xermánico, Lübeck floreceu e chegou a ser unha das cidades máis importantes do norte de Europa.

Despois dun incendio en 1157 e o suposto intento de Henrique o León de establecer unha cidade rival, Löwenstadt, Lübeck foi, despois da súa cesión polo conde Adolfo II, reconstruída en 1159 por Henrique o León, que para iso abandonou a súa cidade de Bardowick.

Panorama da cidade antiga coa igrexa de Santa María de Lübeck, símbolo da cidade.

En 1160, Lübeck obtivo a Soester Stadtrecht. Esta época considérase hoxe polos historiadores como o comezo da Hansa dos mercaderes (ao contrario da Hansa das cidades). O principal argumento para xustificar esta posición é o privilexio de Artlenburg de 1161, polo que os comerciantes de Lübeck obtiveron igualdade de dereitos que os, até aquela dominantes, comerciantes godos para o comercio no mar Báltico.

Neste momento comezou coa Chronica Slavorum baixo Helmold von Bosau e o seu sucesor Arnold von Lübeck a evidencia detallada dos acontecementos relacionados coas tribos eslavas do noroeste. En 1181, o emperador Federico Barbarroxa deu en feudo a Lübeck ao duque Bogislav I co Ducado de Pomerania. O privilexio de Barbarroxa en 1188 dotou a Lübeck dun territorio e novas posibilidades comerciais.

A Constitución dada a Lübeck por Henrique establecía un Consello de vinte conselleiros municipais, que se complementaba por unha elección no seo da asociación de comerciantes que elixían até catro alcaldes. De maneira que só as ricas familias comerciantes poderían participar no Consello, aínda que só un membro duna mesma familia podía paticipar no Consello.

O modelo desta Constitución conservouse en gran parte até o século XIX. Así puxéronse os fundamentos do rápido dominio dos comerciantes de Lübeck sobre o comercio do norte de Europa. No século XIV, Lübeck, daquela capital da Liga hanséatica, era a segunda cidade de Alemaña despois Colonia. O dereito de Lübeck (lübisches Recht) era o vixente en moitas cidades de Alemaña e do Báltico. O Tribunal de apelación da Liga encontrábase en Lübeck.

En estreita cooperación con Hamburgo, Lübeck dominaba a maior parte do comercio no Báltico (entre Escandinavia, Nóvgorod) e o resto de Europa. Lübeck tiña entón unha importante mariña de guerra, especialmente para combatir a pirataría.

Decadencia[editar | editar a fonte]

A decadencia da Hansa, iniciada a finais do século XV, acelerouse pola consolidación dos Estados soberanos renacentistas en Europa, o descubrimento de América e o desenvolvemento do poderío marítimo holandés e inglés. A confrontación entre a Liga e Inglaterra ocasionou a captura de 61 navíos hanseáticos por este país en 1589. A Guerra dos Trinta Anos (que estalou en 1618), foi outro revés da organización.

Contra 1630 só Lübeck, Bremen e Hamburgo seguían integrando a Liga. Esta unión sobreviviu 39 anos, durante os cales as tres cidades conservaron unha independencia política nominal e a denominación de cidades hanseáticas.

A decadencia da Liga hanséatica diminuiu a importancia da cidade, que permaneceu, porén, como un importante centro comercial.

Época napoleónica: a Paz de Lübeck[editar | editar a fonte]

Tomada polos franceses o 6 de novembro de 1806 (batalla de Lübeck), Lübeck foi formalemente incorporada ao Imperio francés en 1810 (converteuse nunha das subprefecturas do departamento francés das Bouches-de-l’Elbe). Despois do Congreso de Viena (1815) foi restituída a Alemaña.

Século XX[editar | editar a fonte]

Co ascenso de Hitler ao poder en Alemaña, os privilexios das tres cidades hanseáticas foron revocados en 1934. En 1937, Lübeck perdeu a súa autonomía territorial polo decreto chmamado Lei do Gran Hamburgo (en alemán: Groß-Hamburg-Gesetz) e integrada na Provincia de Schleswig-Holstein que formaba entón parte de Prusia.[4] [5] [6]

Vista do hospicio do Espírito Santo (século XIII). Lübeck.

A noite do 29 de marzo de 1942 sufriu o primeiro bombardeo masivo dunha gran cidade alemá pola Royal Air Force británica.

O balance foi moi grave: 320 mortos, 784 feridos, 1.425 casas destruídas, incendio da cidade vella, destrución da Igrexa de Santa María, da catedral e doutros monumentos. A igrexa gótica de Santiago foi unha das poucas que quedaron intactas.

O 3 de maio de 1945 , na baía de Lübeck, tivo lugar o naufraxio do Cap Arcona, do Thielbek e do Deutschland, bombardeados pola RAF. O balance foi de 7.000 a 8.000 mortos.

En 1946, a cidade foi incluída no Land de Schleswig-Holstein. Tan próxima á fronteira da República Democrática Alemá, acolleu a un gran número de refuxiados.

En 1987, a UNESCO declarou patrimonio mundial as partes conservadas da cidade vella. A área protexida pola UNESCO comprende os edificios máis importantes da cidade, como a Casa do Concello, o Koberg (barrio do século XIII enteiramente conservado) ou o Holstentor.

Industria[editar | editar a fonte]

Vista aérea da cidade vella.

A contorna de Lübeck conta con numerosas industrias, entre as que destacan:

  • Asteleiros
  • Cemento
  • Equipos médicos
  • Xeración de enerxía
  • Industria da Madeira
  • Industria metalúrxica
  • Industria química
  • Minaría
  • Fábricas de biogás
  • Fábricas de plásticos

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Statistikamt Nord: Bevölkerung in Schleswig-Holstein am 31. Dezember 2010 nach Kreisen, Ämtern, amtsfreien Gemeinden und Städten.
  2. Antjekathrin Graßmann: Lübeckische Geschichte. Schmidt-Römhild, Lübeck 1997, ISBN 3-7950-3215-6.
  3. Adam von Bremen: la:Gesta Hammaburgensis Ecclesiae Pontificum. Hahn, Hannover 1993, ISBN 3-7752-5288-6.
  4. Gerhard Schneider: Gefährdung und Verlust der Eigenstaatlichkeit der Freien und Hansestadt Lübeck und seine Folgen; Veröffentlichungen zur Geschichte der Hansestadt Lübeck, Reihe B, Band 14, Verlag Schmidt-Römhild, 1986, ISBN 3-7950-0452-7.
  5. Manfred Bannow-Lindtke: bad Schwartau unterm Hakenkreuz; Albers & Range, Bad Schwartau 1993.
  6. Lübeckisches Adressbuch, Verlag Max Schmidt.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Heinrich Christian Zietz: Ansichten der freien Hansestadt Lübeck und ihrer Umgebungen. Mit 16 Kupfern. Friedrich Wilmans, Frankfurt am Main 1822, Weiland, Lübeck 1978 (Repr.).
  • Gregor Gumpert e Ewald Tucai (Hrsg.): Lübeck. Ein literarisches Porträt, Wachholtz, Neumünster 2010, ISBN 3-529-06117-4

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Consultadas todas o 28/12/2011.

Commons
Commons ten máis contidos multimedia sobre: Lübeck