Lågskär

Este é un artigo bo da Galipedia
Na Galipedia, a Wikipedia en galego.

Coordenadas: 59°50′30″N 19°55′00″L / 59.8416, 19.9166

Lågskär
Faro na illa Lågskär.
Localización de Lågskär.
Situación
PaísFinlandia Finlandia
Provincia Åland
MarBáltico
Coordenadas59°50′30″N 19°55′00″L / 59.84167, -19.91667
Demografía
Capital Lemland
Poboación0
Lingua propiaSueco

Lågskär —en galego: «escollo baixo»— é unha pequena illa de 43 hectáreas pertencente ao arquipélago das Åland (Finlandia). Está situada a uns 24 km ao sur de Mariehamn, no Báltico mar de Åland. Caracterízase polos seus cons e cantís na costa, e unha vexetación abundante no interior. Na súa parte meridional localízanse os illotes de Sundbloms Grund, Söderklappen e Österkläppen. Xunto con Björkör, ocupa unha superficie de pouco máis de 60 km² e ten unha altitude media de 6 msnm.

Recoñecida por ser un criadeiro para aves acuáticas, a illa é frecuentada por ornitólogos que empregan o faro durante a súa estadía para pasar a noite. Este foi construído en 1920, cun dispositivo de alumeado rotatorio mediante gas, o primeiro do seu tipo no mundo. Pola súa banda, é de destacar que varios buques de guerra afundiron fronte á súa costa, incluíndo o acoirazado alemán SMS Rheinland durante unha espesa néboa en 1918. Ademais, son numerosas as rutas de transbordador que pasan a escasos quilómetros do seu territorio, como a que une Estocolmo con Talín e a que vai dende Mariehamn a Helsinqui. No ano 2000, foi clasificada como unha área importante para a conservación das aves (AICA) por BirdLife International.

Xeografía[editar | editar a fonte]

A illa de Lågskär, pertencente ao municipio de Lemland e á rexión de Åland, está situada a uns 24 km ao sur de Mariehamn, no mar de Åland, ao norte do mar Báltico, e a 7,2 km ao nordés de Flötjan, un illote da zona.[1] Lixeiramente ao sur, existen outras pequenas illas e rochas, como Sundbloms Grund, Söderklappen e Österkläppen.[2] Ao leste localízanse as de Kalvskär e Norra Kalvskär. A área de Björkör-Lågskär, dunhas 6 097 hectáreas, é parte da Convención de Ramsar, mentres que o territorio de Nyhamn-Lågskär, de 2 087 hectáreas, é recoñecido como unha área importante para a conservación das aves (AICA) por BirdLife International.[3] Ten unha altitude media de 7 msnm e un clima continental, con veráns máis ou menos calorosos, invernos fríos e escasas precipitacións.[4][5]

Numerosos cons e cantís dominan as costas da illa.[3] O resto da illa confórmano principalmente áreas cubertas de vexetación ou rochosas, coa maior parte da vexetación no centro.[2] A illa ten 43 hectáreas de superficie e Wetlands International descríbea como unha zona húmida.[6] O Sill Medio de Åland, un dos tres sills que hai nas dúas concas do mar homónimo, mide 70 m de ancho e está situado entre Söderarm e Lågskär, separando ambas concas de Åland.[7] Por outra banda, existen numerosas rutas de transbordador que pasan preto das súas costas, tales como a de Långnäs a Värtahamnen, a de Estocolmo a Talín ou as de Mariehamn a Helsinqui ou Turku.[2]

Historia[editar | editar a fonte]

O acoirazado alemán SMS Rheinland, que encallou na illa en 1918, durante a primeira guerra mundial.

Os primeiros restos humanos que apareceron na illa están relacionados cos dun amilladoiro e unha baliza de madeira que existía durante os anos 1600 e 1700. Na década de 1840, cando se construíu o faro para substituír a baliza, había entre vinte e trinta habitantes que conformaban as familias dos que traballaban nos faros.[8] As familias adicábanse á cría de gando, a pesca e a caza para subsistir, e, pasado un tempo construíron unha escola para que asistiran os seus fillos. O faro, construído en madeira, remodelouse con pedra, mais foi destruído durante a primeira guerra mundial. O actual, construído en 1920, ten un sistema de luz rotatorio que funciona mediante gas, o primeiro no mundo do seu tipo.[9] Despois de que se automatizara, os fareiros desocuparon a illa.[8]

O 11 de abril de 1918, o SMS Rheinland, un acoirazado alemán de clase Nassau, encallou na illa en medio dunha espesa néboa durante a primeira guerra mundial.[10] Por outra banda, en 1934 ou 1935, outro buque xermano denominado Frida sufriu unha fuga e afundiuse fronte ás súas costas, aínda que a súa tripulación sobreviviu.[11] A mañá do 21 de outubro de 1942, o submarino finlandés Vesihiisi torpedeou e afundiu a un análogo soviético de clase S, o S-7, moi preto de alí.[12][13]

Aínda que está deshabitada, a illa adoita ser visitada por algúns ornitólogos que empregan os edificios abandonados durante a súa estadía para a observación de aves e operar unha estación de anelamento establecida en 1964.[6][14] A illa logrou no ano 2000 o estatuto de área importante para a conservación de aves.[3]

Natureza[editar | editar a fonte]

Un eider de Steller.

A pesar do seu clima, a vexetación é considerablemente abundante, debido á prohibición do pastereo na illa. Grazas a isto, a illa é agora un bo lugar para a cría de aves acuáticas. Tamén existe un gran canaval nunha pequena zona das lagoas.[6]

No século XIX acháronse algunhas especies de peixes en pequenos estanques de nove por catro metros aproximadamente, onde se seguen a encontrar. Ao longo da costa pódense achar carpíns, que miden entre 8,7 e 11,7 cm. Un estudo de 1993 encontrou unhas 18 especies de macroalgas a unha profundidade de entre catro e sete metros.[15][16] Entre as especies de algas rexistradas están Pylaiella littoralis, Ectocarpus siliculosus, Fucus vesiculosus e Rhodomela confervoides, e en menores cantidades outras como Sphacelaria arctica, Cladophora rupestris, Stictyosiphon tortilis e Polysiphonia fucoides, tendo en conta un estudo previo a 1950.[15]

A illa ten sido sinalada como «un dos máis importantes criadeiros de paxaros do mar Báltico de Finlandia», por Alula, unha revista sobre aves dese país.[17] Ao respecto, outras especies que habitan a illa son o eider de Steller (Polysticta stelleri) e o arao romeiro ou carolo (Alca torda), que son as especies de aves máis abundantes. Tamén existen espécimes de cisne real ou común (Cygnus olor), ganso bravo (Anser anser), pato cristado (Aythya fuligula), pato frisado ou cinsento (Anas strepera), arao de á branca (Cepphus grylle), arao dos cons ou común (Uria aalge), rascón de auga (Rallus aquaticus); e colonias de gaivotas (Laridae), carráns (Sternidae) e pigargos (Haliaeetus albicilla).[6]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. NIMA 2002, p. 46.
  2. 2,0 2,1 2,2 "Lågskär". Maps (en inglés). Google. Consultado o 11 de novembro de 2018. 
  3. 3,0 3,1 3,2 "Lågskär-Nyhamn" (en inglés). BirdLife International. Consultado o 11 de novembro de 2018. 
  4. "Elevation of Lagskar with altitude and height". elevationmap.net (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 02 de abril de 2015. Consultado o 28 de marzo de 2015. 
  5. "Continental climate" (en inglés). Enciclopedia Británica. Consultado o 28 de marzo de 2015. 
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 "BJÖRKÖR - LÅGSKÄR ISLANDS" (PDF) (en castelán). Wetlands International. Arquivado dende o orixinal (PDF) o 02 de abril de 2015. Consultado o 11 de novembro de 2018. 
  7. Lepparanta & Myrberg 2009, p. 54.
  8. 8,0 8,1 "Lågskär". Aland Official Travel Guide. Arquivado dende o orixinal o 11 de novembro de 2018. Consultado o 11 de novembro de 2018. 
  9. "Lågskär" (en finés). Majakkamestarit.fi. Arquivado dende o orixinal o 22 de xuño de 2020. Consultado o 11 de novembro de 2018. 
  10. Staff 2010, p. 31.
  11. "SV Frida (+1935)" (en inglés). Wrecksite.eu. Consultado o 11 de novembro de 2018. 
  12. "Finnish Navy in World War II". Kotisivut.fonet.fi. Arquivado dende o orixinal o 04 de xullo de 2015. Consultado o 1 de marzo de 2015. 
  13. Håkansson 2010, p. 138.
  14. "Lighthouses of the Åland Islands" (en inglés). The University of North Carolina at Chapel Hill. Arquivado dende o orixinal o 02 de outubro de 2013. Consultado o 1 de marzo de 2015. 
  15. 15,0 15,1 Rönnberg, Olof; Mathiesen, Lisbeth (25 de marzo de 2008). "Long-term changes in the marine macroalgae of Lågskär, Åland Sea (N Baltic)" (en inglés). Nordic Journal of Botany. Consultado o 11 de novembro de 2018. 
  16. Fennica 1989, p. 103.
  17. "Report to the commission on the implementation of directive 79/409/EEC on conservation of wild birds" (PDF) (en inglés). Unión Europea. Consultado o 11 de novembro de 2018. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]