Kwame Nkrumah

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Este é un dos 1000 artigos que toda Wikipedia debería ter.
Kwame Nkrumah
The National Archives UK - CO 1069-50-1.jpg
presidente de (país): Ghana Ghana
Período de goberno: 1 de xullo de 1960 - 24 de febreiro de 1966
Predecesor: Isabel II
(monarquía dentro da Comunidade Británica)
Sucesor: Joseph Arthur Ankrah
Nado en: 21 de setembro de 1909
Lugar de nacemento: Nkroful, Ghana
Faleceu en: 27 de abril de 1972
Lugar: Bucarest, Romanía
Profesión: profesor e político
Partido político Convention People's Party

Kwame Nkrumah, nado o 21 de setembro de 1909 en Costa de Ouro, hoxe Ghana e finado o 27 de abril de 1972 en Bucarest, Romanía, como era coñecido Francis Nwia-Kofi Ngoloma, foi un líder ganés anticolonial, antineocolonial e anti-imperialista de África. Nkrumah foi o fundador e máis o primeiro presidente da moderna Ghana, sendo considerado como un dos políticos panafricanistas máis influentes do século XX.

Primeiros anos[editar | editar a fonte]

Nkrumah naceu en Nkroful, no territorio africano entón coñecido como Costa de Ouro, hoxe Ghana, nunha familia de relixión cristiá relativamente humilde. Acudiu á escola elemental na localidade de Half Assini, diplomándose logo en Accra no Government Training College (que cambiou nome naquel mesmo ano para Achimota School). No 1935 deixou Ghana para ir aos Estados Unidos de América. Aí traballou e seguiu estudos nunha variedade de materias (Ensinanza, Economía, Socioloxía e Teoloxía) na Universidade Lincoln e na Universidade de Pensilvania[1]. En 1945 marchou ao Reino Unido, estudando políticas na London School of Economics.

Nkrumah viviu a experiencia da discriminación racial, quedando ao tempo impresionado polo pensamento dalgúns activistas afroamericanos, como Marcus Garvey e Web Du Bois. Dos Estados Unidos trasladouse a Gran Bretaña con intención de continuar os seus estudos. Nkrumah xogaría un papel de primeiro plano na WASU (West African Students’ Union: Unión de Estudantes da África Occidental), colaborando como secretario na organización do V Congreso Panafricano, en Manchester, organismo instituído por W.E.B. Du Bois.

Regreso a Ghana[editar | editar a fonte]

Toda esa actividade chamou a atención de Arko Adjei, dirixente do United Gold Coast Convention (Convención Unida da Costa de Ouro) (UGCC), o primeiro partido político de Ghana. En 1947 Nkrumah tornou a Ghana para participar na loita polo dereito do seu pobo á autodeterminación, mais entre el e outros membros da UGCC as relación voltáronse de súpeto tensas.

No 1948 Nkrumah e outros dirixentes da da UGCC foron detidos polo goberno colonial con a escusa dunha serie de tumultos e desordes que convulsionaran o país: porén o arresto non fixo senón aumentar a súa popularidade, sendo soltado pouco despois.

Nkrumah comezou a súa axitación polo país adiante. De comunidade en comunidade proclamou que a Costa de Ouro precisaba o "autogoberno", ao tempo que edificaba unha ancha base de poder. Os agricultores do cocos uníronselle porque estaban en desacordo con a política británica. Recabou que as mulleres tomasen parte no proceso político nunha época na que o sufraxio feminino era aínda recente nas democracias occidentais. Os sindicatos tamén se xuntaron ao seu movemento. Cara 1949, organizara todos eses grupos nun novo partido denominado The Convention People’s Party (Partido da Convención Popular)(CCP). Nkrumah, ademais de poder contar con o seu propio carisma persoal, buscou rodearse de persoas con habilidade propagandística que soubesen aproveitar todos os medios ao seu alcance, especialmente xornalísticos. Fundáronse novos xornais como Accra Evening News e Cape Coast Daily Mail, que a diferencia das anteriores publicacións políticas do país, estas eran redactadas de xeito simple e comprensíbel. O goberno colonial británico probou a censurar e reprimir os xornais, mais desta vez só conseguiu inflamar o ánimo da poboación.


O 9 de xaneiro de 1950 Nkrumah proclamou unha grande folga con demostracións polo país enteiro, que se denominou “Positive Action” (Acción concreta): a idea era imitar o exemplo de Gandhi na India. Algúns tumultos conseguintes deron ao goberno colonial a escusa para arrestar de novo a Nkrumah.

A Independencia de Ghana[editar | editar a fonte]

O 1 de xaneiro de 1951 foi promulgada a nova constitución de Ghana, que o CPP criticou ora porque negaba o pleno autogoberno, ora porque máis unha vez favorecía a representación a través das elites tradicionais. En febreiro de 1951 como o partido decidiu participar nas eleccións, o novo gobernador británico Sir Charles Alden permitiu que Nkrumah, aínda no cárcere, competise por un escano na Asemblea. O éxito nas votacións foi un triunfo para Nkrumah. Ante esta esmagadora vitoria Alden decidiu liberar a Nkrumah xunto outros membros do CPP que estaban tamén detidos, e nomealo xefe do goberno e, un ano logo, Primeiro Ministro. Unha das primeiras medidas de Nkrumah foi modificar a Constitución, que transformou a Asemblea Lexislativa nunha cámara integramente elixíbel por sufraxio universal. No ano 1954 as novas eleccións outorgáronlle de novo unha nidia vitoria ao CPP.

Así Nkrumah accedeu a guiar o seu país - que rebautizou Ghana, en lugar do nome de Costa de Ouro, que tiña na época colonial - cara a independencia, obtida o 6 de marzo de 1957.

Ata o 1960 un representante da Coroa británica ostentaba aínda o título de Xefe de Estado honorífico. No mesmo 1960 Ghana foi proclamada república e Nkrumah foi elixido presidente fronte J.B. Danqua, candidato da oposición.

Presidente de Ghana[editar | editar a fonte]

Un dos primeiros obxectivos do goberno Nkrumah foi promover o desenvolvemento do país, de modo que os seus recursos poidesen ser usados para mellorar o benestar da poboación, e non só para producir bens exportábeis cara os países desenvolvidos. Desde un punto de vista ideolóxico Nkrumah era un defensor do socialismo africano. Foi así creado un sistema económico que combinaba a libre iniciativa privada cun forte papel do Estado na economía. Na primeira época a política de Nkrumah obtivo discretos éxitos, especialmente nos campos do ensino e da construción de infraestruturas (o grande encoro de Akosombo), mais os programas de desenvolvemento impuxeron tamén un forte peso nas finanzas do país que, unido as esperanzas que as excesivas ambicións do presidente xeraran, e máis o difusión da corrupción, revelouse un punto insostíbel. Amargado polas dificultades que Ghana atopaba no seu intento de emanciparse tanto social como economicamente, Nkrumah virouse moi apaixonado na denuncia do neocolonialismo . Para vencer estas forzas Nkrumah tiña en mente unha solución, xa pensada nos tempos da súa militancia no movemento panafricano: a unión de África enteira nunha federación.

As ambicións revolucionarias de Nkrumah levábano a considerarse investido dunha misión que transcendía os confíns de Ghana para estenderse por toda África. Nkrumah vía na federación de África o único xeito para que o continente se emancipase realmente e reservarse un espazo na época da Guerra Fría. Coherentemente, estaba a prol dunha política de “neutralismo activo”.

Neses anos da descolonización a idea dunha organización, calquera que fose, dos países africanos gozaba de consenso xeral. Mais Nkrumah insistía en botar as bases dunha unión política, sendo claro que esa postura non se aceptaba pola maioría dos dirixentes africanos. De maneira que a Organización da Unidade Africana (OUA) non correspondía aos desexos de Nkrumah, senón a penas un organismo intergobernamental. Con todo, en 1965, Kwame Nkrumah non dubidou en gastar 10 millóns de £ en erguer un Pazo da Unidade Africana en Accra, con ocasión da Conferencia de Xefes de Estado e Goberno da OUA, nun momento no que a economía do seu país estaba en dificultades, custo que a súa ambición política impuña e que lle subtraía o apoio da poboación. Por outra banda a súa liña intransixente sobre o neocolonialismo, xunto con o apoio aos "combatentes pola liberdade" no resto do continente, e máis o seu achegamento, nos anos últimos, á URSS e a China, contribuían a crearlle fama de revolucionario incómodo e a retirarlle o sostén dos "moderados". Todos ese factores illouno no plano internacional e serían unha das causas da súa caída. Outra causa sería o cariz cada vez máis autoritario que o seu réxime fora tomando desde a independencia de Ghana.

Se ben Nkrumah se declarara partidario dun réxime democrático, na práctica demostrouse pouco tolerante cando a oposición puña en perigo as súas concepcións de progreso e unidade das nacións e da interpretación que daba da vontade popular. A represión do disenso era xustificada pola identificación do “goberno do pobo” con a vontade do líder electo, isto é con o mesmo Nkrumah. As primeiras medidas que restrinxían as liberdades políticas no país foran unha resposta as axitacións rexionalistas e secesionistas que acompañaran á independencia: a Deportation Act (Lei de deportación), que permitían expulsar de Ghana os cidadáns estranxeiros que apoiasen e financiasen a oposición e máis a Avoidance of Discrimination Act (Lei antidiscriminación). Ambas de 1957. A última das leis vedaba os partidos de base rexional ou tribal. Pero foi máis alá, con a Preventive Detention Act (Lei de detención preventiva), de xullo de 1958, que autorizaba encarcerar por un período non superior a cinco anos, en base a simples sospeitas, a quen fose acusado de accións contra a seguranza do país.

Os actos terroristas contra o goberno aumentaran antes de diminuír. Tense suxerido que o cancro que causou a morte de Nkrumah en 1972 foi unha secuela dun atentado no 1962. Pero tivera tamén como resultado o endurecemento da política represiva.

Últimos anos[editar | editar a fonte]

No 1964 Nkrumah convocou un referendo con idea de proclamar o CPP, do cal tiña o control absoluto , partido único de Ghana, e a el mesmo presidente vitalicio. Nkrumah perdera o que fora a súa grande calidade: a capacidade de interpretar os sentimentos e as necesidades das masas populares.

O 24 de febreiro de 1966, mentres o presidente estaba ocupado nunha misión de paz en Hanoi, entón capital de Vietnam do Norte, o exército e a policía anunciaron a súa expulsión do poder, a suspensión da Constitución e a formación dun goberno militar provisorio. Nkrumah refuxiouse en Guinea-Conakry.

O 27 de abril de 1972 Kwame Nkrumah morreu de cancro en Romanía, onde se retirara para curarse.

Nkrumah foi e é aínda un referente para toda África, como unha das figuras máis importantes na loita contra o colonialismo e polo emancipación dos pobos do Terceiro Mundo. Os ouvintes africanos da BBC escollérono como "Home do Milenio" no 2000.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Kwame Botwe-Asamoah Kwame Nkrumah's Politico-Cultural Thought and Policies. Routledge, 2005, páxina 3
Presidente de Ghana

Segue a:
(monarquía)
Kwame Nkrumah
Precede a:
Joseph Arthur Ankrah
Convention People's Party