Qadesh

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirección desde «Kinza»)

Qadesh (tamén escrito Kadesh, nome que quere dicir "Santa") foi unha cidade da antiga Siria, na beira do río Orontes, probabelmente localizada na moderna escavación de Tell Nebi Mend, a uns 24 km ao suroeste de Hims.

Foi unha cidade dos cananeos que, aliada con outra cidade importante, Megiddo, e outras menores, se opuxo á conquista da rexión por Tuthmosis III de Exipto. A cidade era mencionada como Qidshu nas taboíñas de Amarna e era probabelmente aliada do rei hurrita de Mittani. Os exipcios, vencedores na batalla de Megiddo, impuxeron a súa hexemonía na zona do Levante.

Coñécense os nomes de tres reis de Qadesh: Suttarna (sobre -1350); Etakkama (sobre -1345) e Ari-Teshub (sobre -1330-1325).

Despois da vitoria do rei hitita Suppiluliumas I sobre o reino de Niya (ao sur de Alepo) dirixiuse ao sur, en dirección a Qatna, onde o rei Akizzi se someteu. A seguir, continuou avanzando cara a Apa (talvez Apina ou Upe, despois Damasco), rexión que, polo menos en parte, era controlada por Exipto. Neste momento Suttarna, rei de Qadesh (vasalo exipcio) e o seu fillo Aitaqqama, que talvez se sentiron ameazados, atacaron aos hititas, a pesar de que este non fixo ningún movemento para atacar Qadesh. O rei hitita derrotounos e refuxiáronse na cidade de Abzuya, cidade que foi asediada e conquistada, e Suttarna, o seu fillo e outros familiares (fillos, irmáns) feitos prisioneiros (igualmente marcharon co rei para Hatti). A seguir o rei hitita estableceu como rei vasalo a Aitaqqama (Etakkama), pero, despois da saída dos hititas, o novo soberano insistiu nunha carta na súa lealdade ao faraón.

Qadesh, que había uns 150 anos que era vasalo de Exipto, aliouse cos hititas; sobre -1300 foi dominado efemeramente por Seti I. Ramsés II preparou unha expedición militar como resposta. Os dous exércitos chocaron na zona do río Orontes, preto da cidade, e librouse a chamada batalla de Qadesh entre hititas e exipcios; os exipcios atribuíronse a vitoria, pero crese que foi máis ben favorábel aos hititas; a data da batalla non está establecida definitivamente, pero foi sobre o -1285. Qadesh permaneceu baixo influencia hitita e restou no seu poder durante un século cono estado vasalo.

O reino pasou finalmente aos israelitas no século -XI.