King Edward Point

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Localización de King Edward Point.
A Península Thatcher con King Edward Point e Grytviken.
Restos dun helicóptero nas proximidades derribado durante a Guerra das Malvinas.

King Edward Point ou Ponta Coronel Zelaya[1] (segundo a toponimia arxentina) é a capital das Illas Xeorxia do Sur e Sandwich do Sur. Áchase conectado por un camiño costeiro de un quilómetro coa estación baleeira abandonada de Grytviken.

O lugar foi visitado polos cazadores de focas ingleses e estadounidenses nos séculos XVIII e XIX, e explorado por unha expedición antártica sueca de Otto Nordenskiöld en 1902. Foi nomeado polos británicos cara a 1906 en honor do rei Eduardo VII. En 1909 o administrador británico local foi transferido de Grytviken cara a King Edward Point, que é considerada xeralmente como parte integrante de Grytviken.

Este lugar é tamén a posición dunha estación científica do Servizo Antártico Británico (British Antarctic Survey), especializada na investigación da pesca para o Goberno das Illas Xeorxia do Sur e Sandwich do Sur, necesaria para a xerencia da Zona Económica Exclusiva de 200 millas náuticas dese territorio británico ultramarino. A cal foi establecida como laboratorio mariño en 1925 como parte da Discovery Investigations. O 1 de xaneiro de 1950 a propiedade da estación foi asumida polo goberno británico das Illas Malvinas e Dependencias. Dende o 1 de xaneiro de 1952 e o 13 de novembro de 1969, a estación estivo deshabitada e logo o British Antarctic Survey subministroulle persoal ata 1982.

Ao comezo da Guerra das Malvinas, o 3 de abril de 1982, as forzas arxentinas desaloxaron os británicos e pecharon a estación, pero foron expulsadas durante a Operación Paraquat polas forzas británicas.

Unha serie de oficiais civís da Mariña foron designados para levar a cabo tarefas de control de pesca para o goberno británico das Illas Xeorxia do Sur e Sandwich do Sur dende 1991, protexidos por unha pequena gornición.

O 22 de marzo de 2001, o British Antarctic Survey reabriu a estación a cargo do Goberno das Illas Xeorxia do Sur e Sandwich do Sur. A maioría dos edificios antigos foron destruídos e construíronse outros novos, coa excepción da Discovery House (de 1925) e a Gaol (de 1912).

Actualmente nove integrantes do British Antarctic Survey permanecen durante a tempada invernal na estación, alcanzando ao redor de dezaoito no verán. Dous funcionarios do goberno británico están baseados en King Edward Point, permanecendo durante os preto de tres meses que dura a tempada de pesca invernal. O persoal do museo Georgia do sur de Grytviken, que opera de outubro a marzo, alóxase en King Edward Point.

A República Arxentina rexeita a presenza británica no lugar e xunto co resto das illas Xeorxias do Sur, faino parte do Departamento Illas do Atlántico Sur na Provincia de Tierra del Fuego, Antártida e Islas del Atlántico Sur.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Gazetteer of the Antarctic. Páx. 69. National Science Foundation, Consultado o 19 de xaneiro de 2014 (en inglés).[Ligazón morta]