Kiko Veneno

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Kiko Veneno
Kiko veneno (2005).jpg
Kiko Veneno fotografado en 2005
Nome completo José María López Sanfeliu
Alias Kiko Veneno
Naceu 3 de abril de 1952 (62 anos)
Orixe Figueres, Girona, Cataluña Cataluña
Ocupación (s) cantante, compositor e produtor
Xénero Pop, Flamenco, Rumba
Instrumento(s) Guitarra española
Selo(s) discográfico (s) Elemusica
Tempo en activo 1977 - actualidade
Na rede
kikoveneno.net

José María López Sanfeliu (Figueres, Girona, 3 de abril de 1952), máis coñecido como Kiko Veneno, é un músico español.

Biografía[editar | editar a fonte]

Fillo de militar e ama de casa, naceu en Figueres, creceu en Cádiz e reside desde hai moitos anos en Sevilla. Estudiou Filosofía e Letras e viaxou por Europa e Estados Unidos, onde asistiu a concertos de artistas que o influíron como Frank Zappa ou Bob Dylan, pero, curiosamente, tamén alí descubriu (o redescubriu) o flamenco. En 1975, nun encontro que cambiaría a súa vida, coñeceu ós irmáns Rafael e Raimundo Amador, cos que forma o grupo Veneno. En 1977 publicaron un disco titulado co nome do grupo e producido por Ricardo Pachón. Aínda que non tivo gran repercusión no seu momento, está considerado na actualidade un disco fundamental da música española.

En 1979 colaborou no disco La leyenda del tiempo de Camarón de la Isla. As achegas dos mozos Veneno no resultado final deste disco foi importante e vital. Eran momentos de cambio. Paco de Lucía percorría o mundo en solitario, e Camarón ficha a Tomatito, moi novo, e ata ese momento, descoñecido. Ricardo comeza a darlle voltas ó asunto, e Kiko dille: "Por que non collemos estrofas de Lorca, aínda que sexan de diferentes poemas, e lle damos á súa poesía a música flamenca que está pedindo a gritos?". E así empézase a traballar. Kiko é recoñecido sobre todo por ser o autor de "Volando voy", se ben tamén participa noutros temas do disco: "Mi niña se fue a la mar" letra: F.G. Lorca / música: R. Pachón e Kiko Veneno; "Viejo Mundo" letra: Omar Kayan / música: Kiko Veneno; e "Homenaje a Federico" letra: F.G. Lorca / música: R. Pachón e Kiko Veneno.

En 1982 publicou o seu primeiro álbum en solitario, Seré mecánico por ti, producido por José Luis de Carlos, tralo que seguirían outros, sen obter gran repercusión comercial. Durante os 80 fixo cancións para Martirio, á que tamén lle produciu o seu primeiro disco, e realizou varias colaboracións co programa de televisión La Bola de Cristal como compositor e cantante. Así e todo, non conseguía vivir profesionalmente da música, e compaxinaba os seus labores artísticos cun posto de programador cultural na deputación de Sevilla.

En 1992 asina un contrato ca discográfica BMG-Ariola e comeza unha nova etapa na súa carreira, quizais a de maior éxito comercial, ca publicación dos álbums Échate un cantecito (1992) e Está muy bien eso del cariño (1995), ambos producidos por Joe Dworniak. O primeiro deles, co apoio decisivo de Santiago Auserón, sacará a Kiko do malditismo grazas a cancións como "Echo de menos", "Lobo López", "Joselito" ou "En un Mercedes blanco", que se converten en éxitos e lle permiten dedicarse en exclusiva á música. Para presentar este disco, realizou a xira "Kiko Veneno y Juan Perro vienen dando el cante", onde tamén participan, entre outros, Raimundo Amador e Luis Auserón. En canto ó disco Está muy bien eso del cariño de 1995, destaca o deseño da cuberta, realizado por Javier Mariscal, e a presenza da guitarra flamenca do gran Raimundo Amador, que, xunto ca produción de Dworniak, confire ó disco un son totalmente único. Temas a destacar son "Viento de poniente", "Memphis blues", "Casa cuartel" ou "Lince Ramón".

En 1992 Kiko apadriñou o nacemento dun grupo que se ía chamar Mártires del Compás, formado por Chico Ocaña, Raúl Rodríguez e José Caraoscura. Desacordos entre Ocaña e Kiko provocaron, porén, que o grupo se separara en dous: Ocaña apropiouse do nome do grupo e continuou en solitario, e Raúl Rodríguez e José Caraoscura (con Kiko na sombra) formaron Caraoscura. Estes publicaron un disco en 1995 titulado ¿Qué es lo que quieres de mí?.

En 1999 visitou Arxentina para dar unha serie de tres concertos en "La Trastienda", cun singular éxito de crítica e de público. Malia todo, a compañía para a que traballa non satisface ó artista, que pide inutilmente que a súa música se edite tamén noutros países da zona e Europa. Tras outros tres discos de longa duración, Kiko precipita o final do seu contrato con Ariola (afirmaría máis tarde que o pouco apoio da compañía foi o que impediu que fixera máis álbums da calidade de Échate un cantecito e Está muy bien eso del cariño) e decide que a partir dese momento tódolos seus discos serán editados e comercializados por el mesmo, tanto por medio da distribución tradicional, como aproveitando as oportunidades que ofrece internet a través do seu selo ELEMÚSICA. O primeiro disco deste proxecto musical e empresarial é Gira mundial, gravado xunto a Pepe Begines (de No Me Pises Que Llevo Chanclas). Despois realizará a produción, xunto con Charlie Cepeda -produtor de 'Las Niñas' e músico habitual de Kiko-, do primeiro disco en solitario de Pepe Begines: “Mi propia película”.

En setembro de 2005 publica El hombre invisible despois de case dous anos de proceso. Pouco a pouco, foron creando o que Kiko tiña na cabeza. Primeiro rematan de remendar as maquetas, gravando un pouco, cambiando cada día outro tanto: vantaxes ou loucuras de traballar no seu propio estudio. Despois Charlie Cepeda empeza a elixir, a darlle unha dirección máis precisa ó conxunto. E por último grávase, cunha minuciosidade inqueda, ata que se vai vislumbrando o que levaba tanto buscándose. Destaca a participación e aportación de Jackson Browne en "Hoy no", canción homenaxe a Lennon e ó pacifismo; a de Jorge Drexler en "Inspiración", plegaria en busca de beleza; e a guitarra de Raimundo Amador en "Satisfacción".

En 2006 forma xunto con Los Delinqüentes,Tomasito e Muchachito Bombo Infierno o grupo G5. O seu primeiro disco vai facéndose en sesións dispersas pero concentradas. As cancións son fillas de todos, son concebidas sobre a marcha, e saen solas. Tucaratupapi, contén o sinxelo "40 forajidos". Tamén cabe destacar "Calla", a aportación máis clara de Kiko a este disco.

A finais do 2007 Kiko comezará un pequeno periplo internacional de concertos. Vai primeiro a Mexico, onde ás veces coincide con los Delinqüentes. Alí toca en Guadalajara, en León e en Mexico DF. Despois viaxa a California, onde o seu amigo Jackson Browne bríndalle a oprotunidade de compartiren escenario. Tocan xuntos en Santa Bárbara, no Lobero Theatre, e no Temple bar.

En decembro a Banda do retumbe trasládase ata Vilnius (Lituania), e o ano 2007 inícianno en Nova York, onde Kiko toca no mítico The Knitting Factory, grazas ó seu colega Jonathan Richman, que o invita a compartir o seu espectáculo.

Curiosidades[editar | editar a fonte]

Discografía[editar | editar a fonte]

Veneno[editar | editar a fonte]

  • Veneno (CBS, 1977).
  • El pueblo guapeao (Twins, 1989).

Kiko Veneno[editar | editar a fonte]

  • Seré mecánico por ti (Epic, 1981).
  • Si tú, si yo (Epic, 1984) - maxisinxelo.
  • Pequeño salvaje (Nuevos Medios, 1987).
  • Échate un cantecito (BMG Ariola, 1992).
  • Está muy bien eso del cariño (BMG, 1995).
  • Punta Paloma (BMG, 1997).
  • Puro veneno (BMG, 1998) - recompilación dos seus éxitos gravados de novo, algúns deles interpretados a dúo con outros artistas. Tamén inclúe dúas cancións escritas por el pero que nunca antes gravado co seu nome: "Volando voy" y "Los mánagers".
  • La familia pollo (BMG, 2000).
  • El hombre invisible (Nuevos Medios, 2005).
  • Dice la Gente (Warner, 2010).
  • Sensación térmica (Warner, 2013).

Kiko Veneno e Pepe Begines[editar | editar a fonte]

  • Gira mundial (Elemúsica, 2002).

Recompilaciones[editar | editar a fonte]

  • Un ratito de gloria (BMG, 2001) - inclúe unha canción que non aparece en ningún dos seus outros álbums: "Torrente".

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]