Keukenhof
Keukenhof ("Xardín da cociña", en neerlandés), é un extenso parque de máis de 32 hectáreas situado entre as localidades de Lisse e Hillegom, nos Países Baixos. Tamén é coñecido como xardín de Europa.
Características [editar]
Posúe unha importante colección de flores e híbridos de diferentes especies, invernadoiros (onde se venden flores, bulbos e sementes), muíños antigos, lagos, fontes e grandes paseos. Todo o complexo ten un belo tratamento artístico polo que as flores e lagos convértense na base das súas inmensas avenidas.
Os terreos do parque atopábanse dentro das posesións da nobre Xacoba de Baviera e dise que foi ela mesma quen o bautizou, nun dos seus habituais paseos pola zona, con ese nome ao identificar o cheiro das herbas e especias coa cociña do seu palacio. Trala súa morte os terreos pasaron a mans de ricas familias de comerciantes que, conscientes do seu atractivo, no ano 1840 encargaron a diversos pintores paisaxistas un primeiro deseño do que sería o futuro parque. Para iso os autores inspiráronse fortemente no estilo inglés imperante da época e utilizaron as flores como elemento esencial do deseño.
O parque atópase subdividido en catro grandes zonas que toman nome da familia real holandesa dos Oranje:
- Pavillón Oranje Nassau.
- Pavillón Willem Alexander.
- Pavillón Reina Beatriz.
- Pavillón Reina Juliana.
A entrada ao complexo é de pago. Sendo moi recomendable a súa visita durante os quince días centrais do mes de maio (aínda que adoitan abrir oito semanas ao ano, entre mediados de marzo e finais de maio), que é cando os campos de tulipanes están en floración. Existen estacións nas localidades de Haarlem e Leiden que dispoñen de autobuses turísticos para chegar a el.